En loita por unhas pensións dignas e polo futuro dos maiores

O goberno de Sánchez anunciou que subiría as pensións segundo subas do IPC. Logo da crise de 2008 moitas familias acabaron dependendo das pensións de pais ou avós. Organizacións de pensionistas reivindican a blindaxe constitucional para un retiro digno, especialmente en Galicia, onde as pensións son das máis baixas do Estado.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/10/2019

O número total de pensións na Comunidade galega alcanzou as 766.086 o pasado setembro, que representan un 7,8% do total, cun incremento do 0,4%. Deste xeito, Galicia mantense como a segunda comunidade coas pensións máis baixas de España, só por encima de Estremadura (827,09 euros). Son 200 euros máis baixas que a media española. A contía media de xubilación é de 957,76 euros en Galicia, lonxe dos 1.140,71 euros de España. 

Pedro Sánchez prometía subir as pensións a partir de decembro segundo o IPC real, menos dun mes despois das eleccións do 10N. O colectivo de pensionistas, case dez millóns de persoas en todo o Estado, máis de 750.000 en Galicia, convértese por números, nun terreo aboado para a colleita de votos. Nos últimos anos, o avellentamento da poboación fronte a un menor aumento de persoas activas, pon en risco o actual sistema de retiro, segundo algunhas voces mentres que outras apuntan unha mala distribución do orzamento público e do rendemento interno, PIB.

O Pacto de Toledo, un intento de “despolitizar” tanto a Seguridade Social e as pensións e que o debate sobre as mesmas puidese consensuar o maior número de partidos e axentes sociais. Logo das eleccións de 1996, gañadas polo PP con José María Aznar como presidente do Goberno, as subas programadas quedaron só nun 0´25%, moi por debaixo do IPC real do momento. Ademais, durante os anos anteriores e posteriores ao “crack” de 2008, o diñeiro en fondos de pensións privadas acabou desaparecendo coa caída dos bancos, mentres que o diñeiro público quedaba conxelado no mellor dos casos ou era recortado en paralelo a unha suba do custe da vida.

CAPACIDADE DE RESPOSTA

O mércores 16 de outubro está convocada a manifestación pola blindaxe das pensións. Pensionistas de todo o Estado reivindicarán diante do Congreso dos Deputados a blindaxe constitucional das pensións e o seu incremento segundo o IPC real. “As palabras de Sánchez soan ben, mais estamos en campaña electoral” manifestan desde Modepen (Movemento pola Defensa das Pensións Públicas) con escepticismo.

Outro colectivo de pensionistas, a Mesa Estatal pola Blindaxe das Pensións (MERP) participa tamén na manifestación, aínda que non é unha das organizacións convocantes. Carlos Vázquez, un dos seus membros en Galicia, explica que “aínda que xa existe o artigo 50 da Constitución” para garantir as pensións “non é de obrigado cumprimento, di que as pensións deben ser dignas mais non hai unha obriga detrás”. Así a MERP pide incluír un artigo na Constitución que recolla o poder adquisitivo real e a prohibición expresa de que calquera goberno poda recortar o privatizar o sistema de pensións” di Vázquez.

O modelo proposto por este colectivo para a modificación constitucional é moi semellante ao asinado entre PP e PSOE para modificar o artigo 135, onde recollen a obriga de pagar a débeda pública antes que calquera outra recollida polo Estado. “Para nós están diante as persoas, os pensionistas neste caso, antes que asegurar os bancos” reflexiona Carlos Vázquez.

SUBA DAS PENSIÓNS

Subir as pensións en paralelo ao incremento do IPC é visto como “unha medida insuficiente, ademais de que o fan seguindo os argumentos do Pacto de Toledo, un pacto que depende da composición electoral de cada momento” din desde a MERP. Con todo, as subas do IPC dependerán tamén de como marche a produción interna do Estado, o PIB, que este ano tiña unha previsión de crecemento do 2,2% aínda que logo a ministra de Economía en funcións, Nadia Calviño, anunciou o pasado 15 de outubro a posibilidade de non chegar a esa cifra e quedar ás portas do 2%.

Outro cabalo de batalla para os pensionistas son as diferenzas existentes entre as pensións das diferentes CC AA. Desde as máis altas en Navarra, Euskadi ou Cataluña ás máis baixas, Galicia ou Extremadura, pode haber diferenzas case que abismais. “Estariamos de acordo en que houbese unha pensión mínima para todo o Estado de 1.000 euros, aínda que os compañeiros de Modepen falan dun estudo da UE que apunta un mínio de 1.080” di Carlos Vázquez. O goberno de Sánchez xa descartou no seu momento a pensión dos 1.080 euros.

Non obstante, as diferenzas entre as pensións serían moi difíciles de corrixir debido ao poder adquisitivo ou a riqueza e produción interna de cada lugar. “As pensións difiren porque cada lugar ten os seus convenios, as súas implementacións que suman á pensión correpondente, é difícil” din desde Modepen.

Así pois, as pensións deberían estar subindo segundo o IPC desde hai case vinte e catro anos, tal como se recollía no Pacto de Toledo. Mais durante todo este tempo dito pacto, aínda que revisado cada cinco anos por unha Comisión non permanente do Congreso dos Deputados desde 1999. “Cando entrou o goberno de Aznar, ese principio de suba segundo IPC foi retirado, e a suba foi dun 0,25%, cando o custe da vida naquel momento andaba polo 2,5%” di Carlos Vázquez. A blindaxe das pensións na Constitución eliminaría o Pacto ou o faría innecesario, por tanto xa non dependería das maiorías parlamentarias de cada momento.

“A suba que nos fixeron o ano pasado dun 0,25% pareceunos tan humillante, que non vimos outra maneira de expresar a nosa disconformidade como a de saír á rúa” explica Marieta Bañobre da Plataforma de Pensionistas de Compostela. “Este ano subíronnos un 1,6%, mais o ano que vén non estamos seguros que haxa outra suba”. Se se quixera comparar a suba mínima que piden, Bañobre di que “polo menos como a feita co salario mínimo interprofesional”.

PLANS PRIVADOS E NEGOCIO

As recomendacións do Banco Mundial desde os anos 80 e logo o “Libro Branco de Delors”, inspiraron un plan de futuro para manter o sistema de pensións, os dous modelos foron estudados para o nacemento do Pacto de Toledo. As recomendacións concebían un modelo mixto público e privado. A parte privada son os plans de pensións ofrecidos sobre todo por entidades financeiras e aseguradoras. O risco deste sistema privado está na súa volatilidade dentro dos mercados financeiros. Algúns deles crebaron durante os primeiros anos da crise que comezou en 2008.

“Crear un sistema de pensións privado é ruinoso, a maioría dan perdas” di Manuel Alfonsín, membro de Modepen. “Un plan coma este necesita un salario moi elevado, porque con 800 ou 1.000 euros non podes entregar unha cantidade atractiva para poder cobrar unha pensión o día de mañá”.  “Os fondos privados de pensións teñen as súas raíces en organismos privados dos EE.UU ou Europa, ademais é un intento de desprestixiar as pensións públicas”di Carlos Vázquez desde a Merp.

PENSIÓNS E FUTURO

Coa crise económica familias enteiras viron perder os seus postos de traballo, logo a finalización das prestacións por desemprego e outras axudas. A solución moitas veces, foi recorrer á pensión dos pais e nais retirados. Desta maneira pensións de 900 euros e ás veces menos, tiveron e teñen que manter familias onde viven tres xeracións. “Atacar as pensións non afecta aos receptores das mesmas, senón que indice nun tecido social moito máis amplo, familias que subsisten das pensións dos maiores”.

“A situación dentro das familias con escasos ingresos ou ningún, pensan en como poden ofrecerlle un futuro aos fillos” di Carlos Vázquez. E a isto súmaselle a teoría de que a baixada en número de persoas en activo diminúe e a cifra de pensionistas aumenta, os prognósticos destes teóricos é que así, o sistema de pensións non ten futuro a medio prazo. “Podería ser así, mais tamén esquecen un punto que é a produtividade” di Vázquez. “Neste país o PIB a nivel anual, segue medrando, é dicir a produción dunha persoa en activo é catro ou cinco veces máis que hai uns anos, todo depende de como se xestionan os cartos e cara onde van”. A visión para algúns pensionistas é que nun futuro as pensións acaben sendo esmolas.

“Nós como Plataforma presentamos no Concello de Santiago unha petición para que se aprobe unha moción para realizar un estudo sobre a situación das persoas maiores neste municipio” di Marieta Bañobre. “Buscamos que se aplique unha política de atención ás persoas maiores debido a situacións de soidade e sobre a vida do pensionista, dicir que hai quen se dedica ao coidado dos netos e outras persoas buscan outras actividades”.

Por que non suben as pensións? “Creo que é un motivo basicamente económico, mais nos programas electorais apareceremos os pensionistas, porque somos un colectivo grande” di Bañobre. “Politicamente vano utilizar, mais din que é inviable aumentar as pensións, esas pensións estaba na caixa da Seguridade Social que foron baleirando para asuntos que non gardaban relación coas pensións”.

O diñeiro que reciben as persoas retiradas depende das fluctuacións políticas do momento. O Pacto de Toledo funciona segundo as maiorías parlamentarias de cada lexislatura. Os plans privados de pensións non son unha solución segura. Desta maneira, os pensionistas deste país tiveron que empoderarse para reclamar unhas medidas que lles garantan a eles e aos que veñan no futuro, un retiro digno.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

3 comentarios
2

Celia

Nin CCOO, nin UGT, nin a CIG apoiaron as protestas dos pensionistas


1

Antonio Vázquez

Todo lo que no sea equiparar las pensiones de los gallegos a las del resto de España será una muestra más de que los 23 políticos que mandamos a Madrid son unos ineptos. No se puede vivir con la miseria que cobramos muchísimos pensionistas gallegos enfermos. Pensión mínima de 900€ ya.

1 resposta
1

Por lóstrego: Os 23 políticos que van a Madrid, débense aos partidos españois. Polo tanto non esperes ren deles para cos galegos.


Protestas en Coruña pola defensa do sistema público de pensións. MODEPEN / CEDIDA - Arquivo

Concentración en defensa das pensións convocada por UXT e CCOO en Santiago

Pensións. Europa Press - Archivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.