Primeiras reaccións: Ciudadanos rexeita analizar as sondaxes que indican a posibilidade de perder os escanos por Galicia

Desde a formación laranxa en Galicia, din non confiar nas enquisas. En Común Unidas Podemos confían en manter os dous escanos por Galicia. Desde o BNG son cautos ante as enquisas que lles dan un escano. O PPdeG dá as grazas á cidadanía galega pola normalidade da xornada electoral.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 10/11/2019

O secretario de Organización de Ciudadanos en Galicia, Laureano Bermejo, destacou a "tranquilidade absoluta" e a "calma" na que se desenvolveu esta xornada electoral, á vez que rexeitou analizar as sondaxes, que apuntan a que a formación perdería os dous representantes por Galicia que obtivo o 28A.

Nunha primeira comparecencia ante os medios, pouco despois das 21,00 horas, Bermejo quixo "dar as grazas á xente que participou" nesta xornada, tanto aos apoderados e interventores de Ciudadanos, como aos membros das mesas electorais, que "conseguiron que estas eleccións se desenvolvesen nun clima e unha sensación de tranquilidade absoluta".

Con todo, rexeitou analizar as primeiras sondaxes sobre os resultados electorais, xa que se trata de "valoracións moi iniciais". "Non temos aínda présa, os resultados finais veranse cando se abran as urnas", indicou. "Nunca fixemos caso das enquisas e non é agora tampouco o momento de facelo", explicou o secretario de Organización de Ciudadanos.

UNIDAS PODEMOS CONFÍA EN MANTER OS DOUS ESCANOS POR GALICIA

En Común Unidas Podemos destacou a "madurez democrática" tanto a nivel galego como estatal que, ao seu xuízo, demostran os datos de participación nas eleccións xerais que, aínda que baixan respecto dos comicios de abril, "mantense"dentro dos niveis "da serie histórica".

Dez minutos antes das 21,00 horas, a coordinadora de campaña de En Común, Elena Cardezo, compareceu ante os medios no coworking Campus Stellae da Praza de Quintana de Santiago, lugar escollido pola coalición para seguir a xornada do domingo, na que confían en manter os dous deputados logrados en abril, obxectivo que, segundo as enquisas, están en condición de lograr.

Tras agradecer o traballo de apoderados e valorar a "normalidade" coa que transcorreu o día nos colexios electorais, Cardezo sinalou que, a pesar da baixada na participación respecto de abril, as cifras "mantéñense na serie histórica, o que é un signo de madurez na cidadanía, que está mobilizada".

Polo momento, a candidatura de coalición entre Podemos Galicia e Esquerda Unida non valorará as enquisas (que apuntan a dous escanos, un pola Coruña e outro por Pontevedra) e esperará a que o escrutinio estea avanzado.

CAUTELA DO BNG

O coordinador de campaña do BNG, Rubén Cela, achacou ás forzas políticas de ámbito estatal, "que foron incapaces de xestionar a composición dun novo goberno", a "baixada significativa" da participación en Galicia nas eleccións xerais deste domingo, un 5,64% menos que o 28 de abril segundo datos ás 18,00 horas.

Cela compareceu pasadas as 20,00 horas no restaurante A Nave de Vidán de Santiago de Compostela, lugar escollido polos nacionalistas para realizar o seguimento da noite electoral. Desde alí, expresou que "nunca é unha boa noticia" unha caída da participación na Comunidade, unha abstención que é mesmo maior que a do conxunto do Estado.

En vista dos datos do 'tracking' elaborado por GAD3 para RTVE e A Forta, que dá posibilidades ao BNG para regresar ao Congreso tras catro anos de ausencia --estaría a pugnar con Vox un escano pola Coruña--, o coordinador de campaña da formación mostrouse "moi cauto" e preferiu non facer valoracións.

Con todo, trasladou as "moi boas vibracións" que deixa no Bloque a campaña realizada, "a única", segundo as súas palabras, que "merece tal nome" en Galicia. "O BNG non contou cos estudios electorais en Madrid pero si cunha militancia entregada", engadiu.

Neste sentido, o coordinador de campaña dos nacionalistas galegos celebrou que "se non fose polo BNG, non se falaría de Galicia" nestas eleccións xerais. Así mesmo, Cela agradeceu ás case 4.000 persoas que se involucraron na campaña e que actuaron como interventores en mesas electorais de "practicamente todos os recunchos" da Comunidade. "A militancia do BNG, hoxe máis que nunca, demostrastéis que sodes o mellor desta organización", manifestou.

PPdeG ESPERA UN GOBERNO CAPAZ DE AFRONTAR OS RETOS DE ESPAÑA

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, deu as grazas este domingo "ao conxunto da cidadanía galega" que participou nos comicios e manifestou o seu desexo que das urnas "saia un goberno" que sexa capaz de enfrontar os retos que se abren en España e de "comprometerse" con Galicia.

"Queremos dar grazas ao conxunto da cidadanía que participou no proceso. Grazas por vencer o cansazo electoral, o tedio de repetir eleccións, incluso a meteoroloxía adversa dunha xornada complicada", apelou Tellado, nunha rolda de prensa na que compareceu acompañado do responsable de Organización do PPdeG, Alberto Pazos Couñago.

"Grazas por volver dar unha lección de normalidade democrática", engadiu, antes de destacar que Galicia viviu unha xornada electoral "exemplar". Tellado remarcou que "ninguén" pediu os comicios celebrados este domingo, que teñen lugar "polo capricho e irresponsabilidade" do líder do PSOE, Pedro Sánchez. A continuación e nun contexto marcado polo temor ao bloqueo en vista das enquisas, que rexeitou analizar, Tellado subliñou que España volve enfrontar un escenario "complicado" nos ámbitos económico e territorial.

Por iso, manifestou o seu desexo de que das urnas "saia un goberno", un goberno que sexa capaz de "afrontar os retos de presente e de futuro que vive España" e capaz de "comprometerse coas necesidades" de Galicia. Finalmente, trasladou o agradecemento da formación que lidera Alberto Núñez Feijóo aos miles de apoderados e interventores populares, así como aos medios de comunicación que seguen a xornada.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



O secretario de Organización de Cidadáns Galicia, Laureano Bermejo.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.