Por Manuel H. Iglesias | Ourense | 22/04/2020
Ben sei que estamos nunha situación complexa onde, un inimigo invisibel, que non sabemos de onde saiu, resulta moi dificil de atacar.
Máis, sabedores deso, nas redes sociais a mala ostia dalgúns, e a de grupos organizados e adoutrinados non paran de traballar contaminando a paisaxe con bulos e medias verdades, e axudando a enlamar a comunicación, pois actuan como persoas adoctrinadas pouco tolerantes e nada reflexivas.
A oposición ó goberno, sobor de todo a da extema dereita, e tamén a dos populares pouco axuda a sair desta situación tan belixerante. Pois, nalgúns momentos, actúan como se fosen rapaces pretendendo soamente estar no foco mediatico pra non perder cancha. E, deste xeito, azuzan e sementan críticas e incertezas con tal de desgastar e se é posibel derrubar ó goberno que algúns chaman social comunista.
Esta crise sanitaria mundial, nunca vivida, pouco parece importar. Polo tanto, anclados en posturas antagónicas, cada quen barre pra súa casa. E ninguén ten a capacidade de asumir que todos teñen respnsabilidades dado que, tanto o goberno como a oposición, mandan en comunidades onde houbo importantes recortes en sanidade. Pero, xa se sabe, a culpa sempre é do outro. E así veñen os silencios do que convén nas comparecencias, mentres se lle atiza coas esaxeracións ó adversario político.
Se en Galicia o maior número de mortes se dá nas residencias de maiores e as denuncias de carencias de todo tipo afloran continuamente, como é posible que a Xunta non asuma que é responsabel da vixiancia e control desas entidades? Ise podería ser un bo exemplo. Vivimos nun tempo onde a crispación parece que é necesaria e ate gusta. Ten moito morbo.
Vivimos momentos de certa anguria e parece que aínda non somos capaces de escoitar e de asumir unha autocrítica todos. E cando digo todos, inclúo a gobernantes, oposición e tamén ós cidadáns que nas redes sociais están continumante compartindo e espallando trolas. Cómpre que tomemos nota do que se fai no veciño Portugal onde, a oposición, ponse ó servizo do goberno. Que preto estamos de Portugal no físico e que lonxe noutras cousas.
En fin, esperemos que a comisión de negociación, anunciada despois do principio de acordo entre o PSOE e o primeiro partido da oposición, abra un novo tempo. Un espazo onde o dialogo e o sentidiño se impoñan e, onde todos, alvisquemos un futuro con máis acordos e menos enfrontamentos. Chegou o tempo de falar, escoitar, argumentar e acordar. E si nesa comisión se chega a importantes acordos todos sairemos gañando e seremos unha democracia madura na que, a pesares das diferencias, o que importa son os cidadáns e os seus problemas.
Vivimos un tempo de confinamento forzado; vivimos unha situación que endexamais aconteceu. Fagamola mais levadeira co concurso de todos que mellor nos ira como sociedade.
Manuel H. Iglesias
Ou paciente abandona ou hospital entre aplausos do persoal sanitario. HOSPITAL VITHAS NOSA SEÑORA DE FÁTIMA
© GC 2025 | Galicia Confidencial | RSS | Legal | Política de cookies | O Proxecto | Sustentabilidade | Preguntas | Achegas | Publicidade | Autopromo | Co apoio de dinahosting