Feijóo prepara o terreo para convocar eleccións xa: "Imos ter que votar coa pandemia"

O Consello da Xunta declara que a situación de emerxencia sanitaria en Galicia é "compatible" con que haxa comicios autonómicos. O presidente manexa como data máis probable o 12 de xullo. Defende unha campaña "moito máis curta".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/05/2020

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ratificou que "nuns días" anunciará a súa decisión sobre a data electoral das eleccións galegas, aínda que xa non oculta a súa preferencia por xullo —o primeiro domingo para o que podería chamar ás urnas é o 12— e defendeu que, baixo o seu punto de vista, a campaña electoral non só debería ser "distinta" senón "moito máis curta".

Feijóo tivo a oportunidade de falar cos seus conselleiros na reunión semanal do seu Executivo, un día despois de "ouvir" ao resto de partidos, como lle obrigaba o decreto que deu pé a suspender a cita coas urnas convocada para o pasado 5 de abril, por mor da crise sanitaria do coronavirus. Un encontro no que se deu un paso máis para preparar o terreo para a convocatoria electoral.

Así, o Consello da Xunta "modulou" o estado de emerxencia sanitaria para "adaptalo" ao último decreto de prórroga do estado de alarma estatal, que, segundo subliñou Feijóo, autoriza de forma "explícita" a cita coas urnas. "Queda subsumido no mesmo", remarcou o presidente.

En concreto, o Goberno galego acordou a adopción das medidas necesarias para "garantir a saúde" cando se celebren eleccións. Desta forma, en canto se active o proceso, as administracións implicadas terían que adoptar as medidas necesarias con este fin.

O Consello abordou a compatibilidade do marco xurídico en Galicia sobre a actual situación de crise sanitaria ocasionada pola COVID-19 e o desenvolvemento dun proceso de eleccións ao Parlamento e, tras concluír que o último estado de alarma "non supón obstáculo algún" para que haxa comicios, declarou "que a situación de emerxencia sanitaria en Galicia é compatible" con que haxa comicios.

"NUNS DÍAS"

Preguntado expresamente sobre a data electoral, o presidente galego asegurou que aínda non ten "unha resposta cun día exacto", aínda que si se reafirmou en todos os argumentos que utilizou nos últimos días —sobre todo nos informes sanitarios solicitados pola Xunta— para evidenciar que se inclina por que sexan "canto antes".

"Debemos valorar o escenario para poder celebrar eleccións no momento máis próximo posible, considerando que non estamos autorizados a convocalas 15 días antes, senón 54 días antes", alegou, antes de engadir que a súa intención é tomar unha decisión e anuncialo "nuns días". "Darémolo a coñecer nos prazos máis breves posibles", esgrimiu.

Tras lembrar a cita que tivo co resto de partidos na pasada xornada, sinalou que "hai tres a favor de seguir os criterios dos expertos sanitarios" —convocar canto antes—, PP, Cs e En Marea; aínda que a formación laranxa defendeu posteriormente que prefería setembro. Os tres que rexeitan o horizonte de xullo son os rivais máis significativos dos populares: PSdeG, Galicia en Común-Anova Mareas e BNG.

Pero en todo caso, Feijóo fixo outro cálculo: de acordo coa actual distribución da Cámara ve "46 deputados" a favor de convocar e 29 que non o están.

A OPOSICIÓN, "CONTRA OS SEUS PROPIOS ACTOS"

Feijóo declarouse "sorprendido" por "algunhas cousas", para advertir, a continuación, que se dixese que non convoca eleccións ata o fin da lexislatura se lle "acusaría" de "aferrarse ao poder".

"Se situase as eleccións en setembro desatendendo aos expertos, diríaseme que actúo de maneira frívola e irresponsable... E se os expertos din que mellor canto antes, onte dixéronme o que opinan. O que non me dixeron é a súa alternativa", censurou.

"Non me sorprende que estean en contra de calquera convocatoria electoral. Levo catro convocatorias e este tres partidos sempre estiveron en contra. Pero chámame a atención que este tres partidos vaian contra os seus propios actos", engadiu, antes de aludir que PSOE e Podemos votaron "a favor" do decreto para prorrogar o estado de alarma que autoriza "explicitamente" as eleccións, e o BNG abstívose. Así, interpretou que "van contra a normativa que eles mesmos aproban".

Con estas claves, ratificou que espera anunciar a súa decisión tras analizar e reflexionar "nos próximos días" sobre cal é a data na que os galegos corren "menos risco" para ir ás urnas.

"Imos ter que votar coa pandemia. Haberá virus en xullo, en agosto, en setembro, en outubro, en decembro e o próximo ano. Pretendo que o presidente sexa lexítimo, e as urnas deben lexitimar aquel ou aquela que os galegos queren que sexa presidente", reivindicou.

UNHA CAMPAÑA "MOITO MÁIS CURTA" E MECANISMOS PARA SUSPENDER

Acerca de se comparte co PNV a necesidade de acurtar a campaña electoral (a súa duración habitual é de 15 días), Feijóo manifestou a súa convicción de que esta será "distinta". "A campaña electoral clásica non poderá facerse porque os tempos desas campañas pasaron, polo menos durante os dous próximos anos", prognosticou.

"Temos que facer unha campaña distinta. Na nosa opinión moito máis curta? en dúbida. Preocuparnos prioritariamente da saúde da xente? Sen dúbida. Que non vai haber actos masivos? Por suposto", reflexionou, antes remarcar a súa coincidencia co PNV.

"SE NON CONVOCASE ESTARÍA PREVARICANDO"

O presidente tamén vería "prudente" que o decreto de convocatoria electoral incluíse mecanismos para poder acometer unha nova suspensión se o esixise a situación. Pero engadiu que iso non significa que se teñan que acudir aos mesmos, igual que interpretou con que se agora non convocase eleccións "estaría prevaricando".

"Agora teño a obriga legal de convocar as eleccións. Non teño ningún interese en participar nunhas nesta situación pero non podo elixir, se excedo o mandato estaría nun escenario de ilegalidade e de ilexitimidade. Os presidentes autonómicos, con parlamento disolto, non poden alongar o seu mandato sine die. Estaría nunha situación alegal", esgrimiu.

Sobre a posible coincidencia cos vascos, Feijóo, quen nesta semana xa afirmou que sería "bo", defendeu que escoita "os mesmos criterios de prudencia e seguridade sanitaria que en Galicia no lehendakari (Iñigo Urkullu) e outros partidos vascos".

"Espero que os socialistas vascos non escoiten o secretario xeral dos socialistas galegos e se tomen de broma as súas manifestacións. Na mesma situación que se atopa o lehendakari atópome eu, na procura do momento con menor incerteza para ensaiar unha convocatoria electoral", esgrimiu. Se finalmente Galicia e Euskadi volven ir da man ás urnas, será a cuarta vez desde 2009.

Feijóo non aclarou se comparecerá na Cámara a semana que vén, como lle tocaría segundo o acordo asinado coa oposición, pero xa esta semana o portavoz parlamentario do PPdeG, Pedro Puy, avanzara que, se hai unha convocatoria electoral —que podería materializarse o luns ou o martes como moi tarde se a data elixida é o 12 de xullo—, o acordo da Deputación Permanente que, entre outras cuestións incluía comparecencias quincenais do presidente, quedaría anulado.

"DISTANCIA FÍSICA" PARA VOTAR

Finalmente, Feijóo recalcou a situación excepcional que hai sobre a mesa e, tras apelar a non confiarse, insistiu en que é preciso estar "preparados para un rebrote".

Tamén avanzou que haberá que articular novos mecanismos para a votación e preservar "a distancia física". "Pero igual que acudimos a terrazas, supermercados ou ao traballo, ir votar está dentro desa normalidade que adquirimos semana a semana. O que queira ir votar, buscaremos a fórmula para que vaia de forma segura", garantiu.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

8 comentarios
4

Riolo

42-45 deputados. Lembremos o caos do bipartito. Agora sería peor con tres partidos que ademais levanse a matar dentro deles. Mindundis como o sobrino do alcalde, o pijo de Podemos e a apoltronada do BNG teñen pouco futuro.


3

CastelaoPaSogama

Vai arrasar. Non nos foi mal. Montaron dous hospitais de sangue e non chegaron a úsalos. Aos socialistas non lles chista gobernar en coalición. Vai arrasar. Ao tempo, rapaces.


2

Gamela

Vieja anormalidad: regresar a las cavernas ! https://i.gal/gamela24 Acaso existe aínda alguén que defenda o estado de alarma logo de 63 días ? Curioso sistema de gobernar por Decreto !


1

galeguiña

Adiante meu presidente. Desexo que teñas toda a sorte do mundo e que os cidadáns de Galicia saiban apreciar o teu traballo como o presidente de todos os galegos. Agardo o teu éxito, mais que nada para que lle tapes a boca a todos eses politiquiños da oposición que teñen como único proxecto político botar ao PP das institucións.

4 respostas
1

Por Sentidiño: ...para que a corrupción, a ignorancia e o caciquismo desaparezan da nosa terra.

2

Por Gustavo: Botar ao PP das institucións é sen dúbida o mellor proxecto político para o presente e futuro de Galicia. O país máis despoboado, coas peores taxas do estado en todas as ordes económicas, un país sen futuro da man deste sinvergonza e de quen o apoia.

3

Por galeguiña: Non sentidiño, non, Non é para iso que ti dis; é para poñerse eles, os seus amigos, os dos chiringuitos da lingua, das asociacións independentistas, doutras asociacións "culturais e identitarias" que trataran de modelar a sociedade dende o poder para levar a nosa querida Galicia a ser só Galiza, un burdo remedo do peor de Cataluña e o País Vasco. Será para facer que os que non sexan nacionalistas, reciban o insulto de fachas, españolistas e cousas polo estilo. A Galicia nacionalista comunista independentista, non representa mais que o aillamento, a confrontación e a intolerancia.

4

Por Casilda: Españolita auténtica vaite manifestar pola 'Libertaz' con Borjamari ao barrio de Salamanca co trapo de cores reclamantes e dando golpes na cazola, que alí están as da túa casta e pelaxe. Si, Gallinita, libérate e mostra a auténtica facha-da que levas dentro: 'Abrase visto, adónde vamos! Si con Franco se vivía mejor!'


Alberto Núñez Feijóo / © Miguel Núñez

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.