A Xunta cre que a Covid-19 non influíu na participación nas eleccións galegas

Rueda sinala que "a desmobilización" á que se apelou desde certos sectores "non se produciu"

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 16/07/2020

A Xunta celebrou a "normalidade" coa que transcorreu a xornada electoral das autonómicas celebradas o pasado domingo, uns comicios marcados polas circunstancias especiais ás que obrigou a pandemia de Covid-19, algo que, para o Executivo galego, non tivo repercursión na caída da participación, que diminuíu cinco puntos porcentuais respecto da última convocatoria.

Este xoves, o vicepresidente en funcións, Alfonso Rueda, fixo balance das eleccións autonómicas do 12 de xullo acompañado por membros do equipo encargado da organización dunha cita coas urnas "moi complexa" e na que "a premisa fundamental era garanitzar a seguridade sanitaria".

Neste sentido, a Administración galega valorou positivamente o transcurso dunha xornada que se saldou "sen incidencias destacables", tanto na constitución das mesas, as votacións, o reconto e o traslado dos resultados.

Todo iso baixo un dispositivo sanitario "que permitiu votar con seguridade e normalidade en todos os colexios galegos", apuntou o coordinador de prevención da Xunta, Emilio de la Iglesia, que agradeceu o traballo das máis de 4.000 persoas que se encargaron de regular o acceso aos colexios e supervisar o cumprimento das medidas (máscara e uso de xel).

COLEXIOS ELECTORAIS

Pola súa banda, o número dous da Xunta, Alfonso Rueda, tamén puxo o foco no equipo de 133 persoas que velaron por que os colexios electorais cumprisen as condicións para acoller as mesas coas medidas establecidas no protocolo.

Neste sentido, cifrou no 5 por cento o número de cambios producidos en mesas electorais que foron levadas a novos emprazamentos por criterios de prevención, que trataban de evitar amoreamentos á hora de acudir aos colexios e permitir a correcta mobilidade dos cidadáns polos circuítos de entrada e saída establecidos.

Segundo Rueda, algúns destes cambios de localización de mesas electorais, que foron recolocados en recintos próximos, terán continuidade en próximos procesos porque "son moito máis racionais".

PARTICIPACIÓN

En canto á participación, Alfonso Rueda desbotou a idea do medo ao coronavirus como causante da caída de cinco puntos respecto das eleccións de 2016. "A baixada de participación, tendo en conta como se desenvolveu, non a conectamos directamente cun temor pola falta de seguridade. Todo o mundo que foi ao colexio puido ver que iso estaba garantido", incidiu Rueda.

Para o 'dous' da Administración galega, a "chamada á desmobilización" lanzada, di, desde algunhas voces en días previos ás eleccións "non se produciu". "Todo o mundo fixo o que pediamos desde a Xunta, que se fose a votar á opción que se quixese, pero que se fose a votar con seguridade", manifestou.

OBSERVADOR DA GENERALITAT

Doutra banda, un responsable da Generalitat de Cataluña acompañou ao equipo encargado da organización das eleccións galegas ao longo da pasada fin de semana para, en palabras de Rueda, coñecer o desenvolvemento do proceso en vista de que Cataluña poida celebrar comicios proximamente nunhas circunstancias similares.

Deste xeito, segundo Rueda, esta persoa do Goberno catalán, ao que agradeceu que elixise Galicia en lugar de Euskadi, visitou o sábado o centro de proceso de datos e o domingo desprazouse a dous colexios electorais para ver o dispositivo de seguridade e prevención deseñado pola Xunta para as eleccións autonómicas.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Alfonso Rueda / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.