A Mesa pola Normalización vén de denunciar os feitos acontecidos o pasado 17 de abril nun cribado da Covid19 en Rianxo. Segundo expoñen dende a entidade de defensa da lingua, un cidadán que acudiu á realización das probas diagnósticas recibiu unha "negativa rotunda" a ser atendido en galego e, ademais, mesmo se lle chegou a negar a realización do cribado e a Delegación do Goberno propuxo sancionalo cunha multa de 600 euros.
Perante a indignación do cidadán ante a negativa de ser atendido na nosa lingua, interveu a Policía Local que, apuntan dende a Mesa, non só non lle recoñeceu o seu lexítimo dereito a ser atendido en galego senón que "segundo consta no mesmo informe policial, o instou a mudar de lingua e empregar o castelán 'tentando explicar a esta persoa que ambas linguas son cooficiais na Comunidade Autónoma'”.
A entidade de defensa da lingua salienta a importancia duns feitos que en palabras do seu presidente, Marcos Maceira, "demostran que ante unha vulneración dos dereitos lingüísticos que afecta tamén ao dereito á saúde e á dignidade dun cidadán, as forzas de seguridade vulneran toda a lexislación que ampara o lexítimo dereito da cidadanía galega a empregar a nosa lingua, tentando coaccionar a un cidadán para que renuncie a facelo".
"Non satisfeitos con mentir e desinformar sobre os dereitos lingüísticos", explica Maceira, "os policías denunciaron a vítima por suposta alteración da seguridade e a delegación do goberno afonda na indefensión dos nosos dereitos lingüísticos, propondo unha sanción cualificada como grave cunha multa de 600€". Así, dende a Mesa pola Normalización censuran que a Delegación do Goberno avalou o informe emitido polos axentes, mostrando "a falta de neutralidade e de imparcialidade por parte da instrutora do procedemento, nomeada pola delegación do goberno español en Galiza".
A entidade, a través da Liña do Galego, xa se dirixiu á delegación do goberno, instándoa a suspender o procedemento contra o cidadán e abrir dilixencias contra os policías. A Mesa solicita tamén "que se forme os membros das forzas de seguranza nos dereitos lingüísticos da cidadanía para evitar que se repitan feitos como este".