100 actividades de educación financeira

ABANCA e Afundación presentan un programa dirixido a públicos de todas as idades. A proposta inclúe conferencias, programas formativos e xogos financeiros.

Por GC Emprende | A Coruña | 17/03/2016

 ABANCA e Afundación presentaron hoxe o seu programa de educación financeira 2016, dirixido a públicos de todas as idades, co obxectivo de que a poboación en xeral poida achegarse á información e conceptos máis importantes do ámbito financeiro. A presentación, na que participaron o director xeral de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; a directora de Responsabilidade Social Corporativa de ABANCA, Tatiana Suárez Cancelo; e a coordinadora adxunta da área de Educación Superior de Afundación, Carlota Sánchez-Montaña, coincide coa celebración en todo o mundo da Global Money Week (Semana Mundial do Diñeiro), impulsada pola ONL Child and Youth Finance International para xerar conciencia sobre a importancia da educación e inclusión financeira dos nenos e novos, unha iniciativa na que participarán 125 países e máis de sete millóns de persoas en 2016.
 
En palabras de Miguel Ángel Escotet, neste proxecto, «a educación financeira debe ser entendida como a capacidade de individuo para facer valoracións e tomar decisións sobre o uso e o manexo do seu diñeiro, é unha cuestión clave para a saúde das sociedades». De feito, «o desafío pasa, sen dúbida, por apostar pola formación nos diferentes ámbitos e ao longo de todas as etapas da vida, unha educación orientada a promover a sensibilidade do ético e estético das persoas e as sociedades». Así, engadiu Tatiana Suárez Cancelo, «para a RSC de ABANCA, a educación financeira é unha liña estratéxica prioritaria, que nace con vocación de continuidade e crecemento para responder as necesidades de información financeira de todos os segmentos da sociedade». Carlota Sánchez-Montaña, pola súa banda, resaltou que «este programa de “Educación financeira” desenvolvido por ABANCA e Afundación é, en resumo, un proxecto didáctico multidisciplinar nas súas canles de difusión e transversal no seu público obxectivo, unha proposta inclusiva e dinámica grazas a abrirse a través de diversas vías e a ofrecer variadas formas de consolidación da aprendizaxe, en consonancia coa realidade tan plural da nosa sociedade». 
 
O programa de educación financeira de ABANCA e Afundación estrutúrase en cinco proxectos, con máis de 100 actividades, nas que participarán durante 2016 máis de 13.000 persoas. A proposta para nenos e nenas inclúe tres programas: as xornadas formativas «As túas finanzas, o teu futuro» e «Preparados para dar o salto? As necesidades financeiras ao longo da vida», dirixidas a estudantes de ESO e bacharelato, que teñen como obxectivo achegar a mocidade a conceptos como o aforro, o orzamento persoal ou o consumo responsable e impartiranse en centros de toda Galicia ao longo de 2016. O segundo proxecto, a obra de teatro Dos contos ás contas, producida especialmente para o programa de educación financeira de ABANCA e Afundación, pretende mostrar dunha forma lúdica a importancia do aforro e do esforzo persoal e común.
 
Estrearase o 3 de outubro, con motivo da celebración do Día Nacional da Educación Financeira. A terceira proposta, o «Grand prix financeiro», fóra do ámbito escolar, está aberta á participación de nenos e nenas, co obxectivo de apoiar as familias no seu labor de educación financeira para o futuro. Este punto estable de encontro para a aprendizaxe financeira, que se instalará nas sedes de Afundación, inclúe, entre outros, un mercado da vida, a fonte do diñeiro, as árbores das necesidades e dos desexos ou un xogo da oca, onde os nenos e nenas poderán aprender o uso intelixente dos recursos económicos mediante ferramentas adaptadas á súa idade. Nas tres actividades, os participantes aprenderán, con linguaxes adaptadas á súa etapa, a importancia dunha xestión adecuada do diñeiro no día a día, a responsabilidade que leva calquera decisión que tomen, o valor do esforzo, do sentido da previsión e o aforro e da empatía e a solidariedade.
 
Co obxectivo de chegar ao maior espectro de poboación posible, o programa inclúe tamén, en colaboración coas tres universidades galegas e a Escola de Negocios Afundación, talleres formativos sobre emprendemento e encontros de networking que aborden a cultura emprendedora. Así mesmo, nos 11 centros de maiores de Afundación, desenvolverase o proxecto «Circuíto financeiro», que contará coa participación de traballadoras e traballadores xubilados de ABANCA como formadores voluntarios, co fin de proporcionar ás persoas participantes ferramentas accesibles para que poidan mellorar a súa comprensión e coñecemento dos conceptos e produtos financeiros.
 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Miguel Ángel Escotet

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.