Spin2016 fai de Galicia o centro internacional do emprendemento

Máis de mil universitarios de 20 países inscribíronse xa para participar nos programas de apoio á creación, consolidación e crecemento de novas empresas.

Por GC Emprende | Santiago | 19/07/2016

A Universidade de Santiago (USC), a Xunta de Galicia e RedEmprendia deron a coñecer este martes o acordo de colaboración para a organización de Spin2016, a gran cita para emprender desde a universidade que terá lugar en Santiago do 29 de setembro ao 1 de outubro. O acto contou coa presenza dos conselleiros de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e de Economía, Emprego e Industria, Román Rodríguez e Francisco Conde; o reitor da USC, Juan Viaño; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González; o director xeral do Igape, Javier Aguilera; e o director xeral de RedEmprendia, Senén Barro; así como os emprendedores galegos seleccionados no programa Model2Market de Spin2016. 

Máis dun milleiro de emprendedores de 20 países presentaron as súas candidaturas para participar nos programas de apoio ao emprendemento de Spin2016, un evento organizado pola rede universitaria RedEmprendia coa colaboración da USC, a Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e Banco Santander a través de Santander Universidades.

“O éxito de convocatoria é unha mostra exemplar do talento emprendedor que existe nas universidades de toda a rexión iberoamericana”, salientou Senén Barro. Só en Model2Market, deseñado para axudar a quen está a punto de crear a súa empresa, presentáronse 464 candidaturas de 12 países. Román Rodríguez mostrou a súa satisfacción polo feito de que sete proxectos emprendedores saídos das universidades galegas –5 da USC e os outros dous da UDC e UVigo– figuren entre os 100 semifinalistas de Model2Market. O conselleiro confía ademais en que eses sete se clasifiquen para a fase final e estean entre os 30 que competirán en Santiago polos 100.000 euros en premios que se distribuirán durante Spin2016. Os semifinalistas recibiron asesoramento do IC 2 Institute da Universidade de Texas para perfeccionar os seus proxectos de cara á selección final. 

Pola súa banda, o programa de aceleración e foro de investimento SmartMoney4Stars recibiu 114 solicitudes de startups e spin-off universitarias –cinco delas das universidades galegas- que buscan en Spin2016 o capital necesario para crecer.  

O conselleiro de Economía destacou que SmartMoney4Stars traerá por primeira vez a Galicia os principais fondos de investimento, capital risco, business angel e aceleradoras de negocios de Iberoamérica. Entre eles, NXTP Labs, a aceleradora máis importante de Arxentina; Xcala, a rede de business angel máis grande de América Latina e o Caribe; o Performa Investimentos, fondo brasileiro que xestiona máis de 480 millóns de dólares de capital. 

SPIN WAY: EMPRENDER NO CAMIÑO 

Este ano Spin2016 incorpora unha novidosa actividade que porá a proba a capacidade de esforzo e espírito emprendedor dos universitarios. Trátase de Spin Way, unha aventura emprendedora que os levará a desenvolver unha idea de negocio mentres percorren o Camiño de Santiago

Máis de 300 universitarios de 18 países mostraron o seu interese en participar nesta aventura, pero só 30 serán elixidos para facer a ruta. A universidade compostelá, a través de Uninova, coordina esta actividade xunto con RedEmprendia e o Tecnológico de Monterrey, co apoio de Xacobeo, Santander Universidades e a Fundación Cotec para a Innovación. 

O reitor da Universidade de Santiago valorou moi positivamente o éxito da universidade en Model2Market e reseñou o valor engadido que representa Spin Way. “Unha universidade necesita traballar con boas ideas e é imprescindible estar moi atentos ao resultado de concentrar talento emprendedor, xa sexa no Camiño, nas aulas ou nos laboratorios”, manifestou. 

TALENTO GALEGO

Con máis de 2.000 asistentes previstos, Spin2016 converterá Galicia no epicentro do emprendemento e o talento universitario. “Spin2016 creará un ecosistema internacional de emprendemento e innovación na Cidade da Cultura que, aínda que poida parecer efémero, deixará sen dúbida unha pegada permanente en todos os que formen parte del”, asegurou o director xeral de RedEmprendia. Un encontro que servirá para proxectar o talento galego no mundo, con historias inspiradoras como a de Anxo Pérez, creador de 8Belts.com, un método único que garante falar un idioma en menos de oito meses, mesmo o chino, e autor de 'Los 88 peldaños del Éxito', o libro máis vendido en España aos 50 días da súa publicación. Tamén estarán o atleta Javier Gómez Noya, cinco veces campión do mundo de triatlón, o músico Carlos Núñez, o CEO de Hijos de Rivera y Estrella Galicia, Ignacio Rivera, ou a creadora téxtil afincada en Lugo Idoia Cuesta, emprendedora que conseguiu levar a cestería galega a novos escenarios como a Pasarela Cibeles ou coleccións de marcas de luxo como LOEWE. 

En setembro coñecerase a axenda completa do evento, con máis de 50 relatores do mundo da ciencia, a cultura, os negocios ou a universidade. 

REXISTRO

A asistencia a Spin2016 é gratuíta e a inscrición pode realizarse a través de http://registro.spin2016.org. Unha vez feito o rexistro, os participantes recibirán información puntual sobre todas as novidades do evento. 

As tres universidades galegas -USC, Universidade de Vigo e da Coruña- recoñecerán a participación en Spin2016 ao seu alumnado de grao cun crédito transversal, ofrecendo tamén transporte gratuíto ao Gaiás. 

Nesta edición, Spin2016 conta co patrocinio principal da Xunta de Galicia e Santander Universidades, ao que se suman o doutras entidades e empresas como a Fundación EY, Indra, Google, Gas Natural Fenosa, Hijos de Rivera, Clarke, Modet & Co., Iberia e a Deputación de A Coruña, contando ademais coa colaboración de máis de medio cento de organizacións públicas e privadas e universidades, informa a USC.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Presentación de Spin2016 / USC.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.