"Cunha conexión a Internet podes cambiar o mundo"

“Cunha conexión a Internet, un ordenador e un disco duro podes cambiar o mundo porque en Internet non hai provincias senón que todo son capitais”, explica Andrés L. Martínez sobre as comunidades de programadores dos Google Developers Group nunha presentación en Ourense.

Por GC Emprende | Ourense | 22/02/2017

Google Developers Group Ourense e a Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus organizaron este mércores o taller High School Developers Parade #Ourense. Máis dun centenar de estudante e profesionais puideron coñecer nesta cita como funcionan as comunidades de desenvolvedores e que é o que lles poden achegar á súa formación tecnolóxica. Nun sector como o da informática, que avanza a un ritmo frenético, apuntaron os relatores, o traballo e o estudo en comunidade permite "acelerar e complementar" a formación tradicional.
 
Á cita no Edificio Politécnico do campus de Ourense acudiron estudantes ciclos de formación profesional acompañados polos seus docentes, alumnado e profesorado universitario, profesionais do eido tecnolóxico e persoas interesadas na temática abordada. Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus, e Francisco Javier Rodríguez, director da Escola Superior de Enxeñaría Informática, foron os encargados de darlles a benvida. O responsable do centro quixo agradecer aos organizadores que escolleran esta escola para celebrar “un acto desta relevancia e envergadura”, agradecemento que tamén recalcou Virxilio Rodríguez, que animou ao alumnado preuniversitario presente a considerar “a este campus como unha opción para continuar estudando no futuro”. 
 
Segundo explicou Germám Veras, organizador do taller xunto a Toni Martínez, ambos do Google Developers Group Ourense, este grupo naceu hai arredor de tres anos. Na actualidade, sinalou este alumno da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus, contan cunha comunidade formada por arredor dun centenar de persoas, tanto profesionais como estudantes que queren “traballar e aprender en comunidade, achegando cada un o que sabe, pois ninguén é experto en todo”. Desde a súa posta en marcha, apuntou Veras, teñen levado a cabo diferentes iniciativas formativas e divulgativas na cidade de Ourense co obxectivo de fomentar a aprendizaxe compartida. 
 
Os "maiores departamentos de I+D+i do mundo"
As conferencias do High School Developers Parade #Ourense comezaron cunha intervención de Andrés L. Martínez, coordinador dos grupo de desenvolvedores de Google para España e Portugal, entre outros países. Este enxeñeiro informático salientou como para aprender ou estudar certo tipo de tecnoloxía, como as máis novidosas, que non entran na educación regrada, as comunidades son moi útiles para formarse e ter máis opcións de emprego. “As comunidades son unha opción excelente de complementar a vosa formación”, díxolle ao alumnado asistente. Como mostra da importancia destes grupos, afirmou, boa parte da “innovación tecnolóxica vivida nos últimos 30 anos ten sido xestada en comunidades”, comunidades que cualificou como “os maiores departamentos de I+D+i do mundo”, nos que a xente participa de xeito voluntario, porque lles gusta o que fan. 
 
O experto explicou a política de Google respecto aos grupos de desenvolvedores, facendo fincapé en que a promoción da tecnoloxía que se fai neles é aberta e non cinguida só aos produtos e servizos desta empresa. Sobre os Google Developers Group, Andrés L. Martínez sinalou que na actualidade hai arredor de 600 repartidos polos diferentes continentes. “Cunha conexión a Internet, un ordenador e un disco duro podes cambiar o mundo porque en Internet non hai provincias senón que todo son capitais”, afirmou sobre o potencial destas comunidades. No caso de Galicia, engadiu, os grupos existentes son moi activos. Durante a súa intervención, tamén falou de iniciativas como os grupos de desenvolvedores expertos; Women Techmakers, de fomento da participación e visibilización da muller no eido tecnolóxico; do Anual Summer of Code ou de #HashCode. 
 
Ademais da súa intervención, a High School Developers Parade #Ourense contou no seu programa coa participación de Ana Gómez, que falou da impresión 3D en base á súa experiencia como socia fundadora da empresa +que3D, e de Miguel Reboiro, docente da Escola Superior de Enxeñaría Informática, que afondou nas outras formas de aprender no eido tecnolóxico. Os desenvolvedores de IBM Research Toni Martínez e Jesús Pérez falaron pola súa banda da experiencia profesional e a importancia da comunidade, no primeiro caso, e do traballo en remoto para unha grande empresa no segundo.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Andrés L. Martí­nez, coordinador dos grupo de desenvolvedores de Google para España e Portugal

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.