O mundo dixital e as novas tecnoloxías triunfan nos premios Incuvi-Emprende

12 iniciativas emprendedoras foron escollidas entre 23 finalistas. Ademais, Brigantia e .beLeader foron premiados na convocatoria Incuvi-Avanza de consolidación empresarial.

Por GC Emprende | Vigo | 16/03/2017

A sexta edición da convocatoria Incuvi-Emprende xa ten os seus gañadores. Este xoves desveláronse os proxectos que pasarán o vindeiro ano nas instalacións de incubación dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra. 12 iniciativas emprendedoras escollidas entre 23 finalistas, das cales seis son do campus de Vigo, catro de Ourense e dúas de Pontevedra, ademais de dous accésits, un en Vigo e outro en Pontevedra.

As novas tecnoloxías e a contorna dixital consolidan ano tras ano a súa presenza entre os proxectos gañadores, ben sexa a través de aplicacións móbiles ou de plataformas de networking ou economía colaborativa. Con todo, esta convocatoria foi a primeira de Incuvi á que se presentaron proxectos de todos os eidos do coñecemento “cun fortísimo aumento da participación de estudantes do noso campus da creatividade, o de Pontevedra”, como explicaba na súa intervención a vicerreitora da Estudantes, Dolores González. Tamén se incrementou de xeito importante a participación feminina, xa que dos 38 proxectos que se presentaron en total, o 42,5% das persoas impulsoras son mulleres. De feito, entre os gañadores tamén se mantén unha situación case de equidade, con 12 homes e 11 mulleres. 

VIGO

O acto de entrega de diplomas e das chaves que abrirán as que serán as súas oficinas durante os vindeiros doce meses tivo lugar hoxe. Así, nas instalacións da pre-incubadora do campus de Vigo, situada na Cidade Universitaria, os seis proxectos gañadores disporán durante un ano dun ecosistema de crecemento e maduración das súas ideas. Entre os seleccionados hai propostas de moi diferentes eidos, dende as redes sociais e a economía colaborativa a propostas máis tanxibles relacionadas coa construción ou o sector alimentario. Bursay-Language & Digital Services é unha das ideas seleccionadas, unha axencia dixital de expertos lingüísticos para tarefas de tradución, corrección e redacción de textos en galego.

No contexto tecnolóxico está DIBLEO - Networking Community, unha rede social de emprendemento universitario que crea relacións de networking entre profesionais que actúan como mentores e mozos e mozas emprendedores. Neste mesmo campo encaixa WCube, un espazo virtual para exhibir arte contemporánea impulsado por un estudante da EE Industrial e unha egresada de Belas Artes, coa finalidade de crear “unha galería virtual” para achegar á mocidade mediante unha contorna dixital a arte contemporánea.

Sapere Vedere é a proposta de José Martínez para a transformación de produtos cárnicos con orixe no porco celta, mentres que Unidade Tintométrica Móbil, idea de Andrés Valga, aposta polo uso dun vehículo para trasladar os medios necesarios para a comparación de tonalidades e elaboración da pintura á porta do taller.

Completa o grupo de gañadores vigueses o proxecto Tiny House, centrado na fabricación e venda de casas construídas sobre remolques, cubrindo así un baleiro no mercado español para “persoas novas cun nivel salarial medio que buscan unha primeira vivenda”, explica Abraham Martínez. Tamén se entregou un accésit en Vigo a Slick. Cambiemos el Fitness.

OURENSE

Dependencia e diversidade funcional, marketing dixital, nutrición e turismo deportivo. Os niños da incubadora do CITI en Ourense xa teñen tamén novos inquilinos, catro novas iniciativas empresariais dispostas a dar o salto das ideas ao mercado empresarial real. Impulsada por Melanie Sol, Nutrición Integral en Tu Empresa é unha das catro ideas gañadoras.

Impulsada neste caso por Eva Robledo, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, outra das iniciativas gañadoras é Ridesport, unha plataforma en liña de economía colaborativa que ten como finalidade o turismo deportivo, poñendo en contacto viaxeiros con residentes para que poidan practicar a modalidade deportiva que comparten. 

Estas dúas iniciativas terán como veciños na preincubadora ourensá a Kuatro Marketing Digital, un proxecto de asesoramento e deseño de solucións estratéxicas e operativas de marketing dixital que optimicen a presenza en liña de calquera modelo de negocio, e OuVIr, que se centra en xerar unha acción transformadora para as persoas con diversidade funcional de todo tipo, dende cognitiva a intelectual e persoas en situación de dependencia, ofrecendo asistencia persoal.

PONTEVEDRA

E de Ourense a Pontevedra, Needin e Mediación Móvil son os dous proxectos gañadores con destino ás instalacións de AJE Pontevedra, e xunto a eles houbo un accésit para Galewood. Needin busca crear unha plataforma virtual para facilitar o contacto entre especialistas autónomos do eido sociosanitaorio, por exemplo, profesionais da enfermaría, psicoloxía, avogacía, traballadores sociais, etc. con persoas que poidan precisar dos seus servizos. 

No caso de Mediación Móvil, os dous promotores buscan crear unha aplicación para dispositivos móbiles e unha web para ofrecer un servizo de mediación para empresas, organizacións e particulares que precisen resolver conflitos. 

INCUVI AVANZA

Os seus representantes foron os encargados este xoves de dar os primeiros consellos aos impulsores dos doce proxectos, que ocuparán o seu lugar nos espazos de incubación de Incuvi-Emprende.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Entrega dos premios Incuvi-Emprende e Incuvi-Avanza / UVigo.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.