O mar como berce de emprendedores

Os proxectos gañadores do programa Empreamar comezan a fase de preincubación en Moaña,.As seis iniciativas con maior potencial recibiron no Concello as chaves simbólicas dos espazos que ocuparán.

Por GC Emprende | Moaña | 07/07/2017

O programa de emprendemento mariño e marítimo Empreamar, impulsado polo Campus do Mar e o Concello de Moaña, iniciou este xoves a súa cuarta e derradeira fase, a de preincubación dos seis proxectos seleccionados, tras rematar as fases formativas previas. O acto simbólico de entrega de chaves tivo lugar onte no salón de plenos do Concello e nel estiveron presentes Emilio Fernández, director do Campus do Mar e a alcaldesa Leticia Santos.
 
Esta iniciativa, que conta co financiamento do Grupo de Acción de Acción Local do sector pesqueiro Ría de Vigo-A Guarda, arrancou en marzo buscando persoas emprendedoras locais, maioritariamente desempregadas, do sector da pesca e do mar, que tivesen unha idea ou proposta para converter en negocio. A primeira fase, con 25 inscritos, consistiu nunha serie de accións formativas de reforzo de capacidades para o emprendemento na que os participantes adquiriron os coñecementos e recursos necesarios; a segunda fase dedicouse á identificación de ideas de negocio sostibles, e a terceira fase, que rematou onte xoves, baseouse na selección de ideas de negocio, na que as persoas participantes redactaron co apoio de titorización personalizada unha memoria escrita sobre a súa idea emprendedora e a presentaron ao concurso propio do programa. Un tribunal, composto por persoas especialistas en temática mariña-costeira e en desenvolvemento empresarial elixiu de entre as dez propostas presentadas a concurso as seis con maior potencial que pasan xa á fase de preincubación.
 
Seis propostas que se desenvolverán empresarialmente no Patronato Beiramar
As seis propostas seleccionadas polo tribunal xiran principalmente arredor do turismo, a hostalaría e as novas tecnoloxías. Así, comezará a súa fase de preincubación A Galera Mariñeira, unha iniciativa de turismo mariñeiro e hostaleira; Mar reutilizable, unha proposta que buscará o aproveitamento e segunda vida para materiais de refugallo da actividade pesqueira; Smart Motor, un proxecto que explorará a utilización de novas tecnoloxías para a mellora e optimización do funcionamento de motores náuticos; Hostel Real, que propón a posta en marcha dun hostel turístico en Moaña; Consultoría SIX, iniciativa especializada no asesoramento na planificación territorial coa axuda de ferramentas informáticas e Polyana Cosmética, proxecto de elaboración de produtos cosméticos artesanais con ingredientes mariños.
 
A partires da vindeira semana e ata febreiro de 2018 desfrutarán de espazos de preincubación no Patronato Beiramar e contarán con titorización para a redacción dos seus plans de negocio, así como asesoramento científico-técnico da man de persoal especialista do ecosistema da I+D+i mariña de Galicia, para poder así poñer en marcha e sacar adiante os seus negocios e comezar a súa nova andaina profesional no territorio moañés.
 
Mesa redonda sobre o aproveitamento empresarial dos recursos mariños e marítimos
Tras a entrega de chaves e diplomas tivo lugar unha mesa redonda sobre as oportunidades de negocio e emprendemento baseadas no aproveitamento dos recursos mariño-costeiros da contorna de Moaña, na que participaron Coral Ríos, concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Moaña; Antonio García Allut, profesor da Universidade da Coruña; Eugenio Piñeiro, representante da Asociación Cultural Meiramar Axóuxeres; Jose Barreiro, representante do Náutico de Moaña e María Núñez, representante da Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo (Fecimo).

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Emprendedores de Empreamar

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.