Un espectáculo audiovisual do británico Dave McKean abre a 20ª edición de Viñetas do Atlántico

Eduardo Risso, Ralph Meyer, Javi Rey, Cameron Stewart, Kiko da Silva, Natacha Bustos, Nob (Bruno Chevrier), Rayco Pulido ou Julie Rocheleau entre os convidados.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 08/08/2017

Viñetas desde o Atlántico 2017 abriu este luns o seu calendario de actividades cun espectáculo audiovisual do debuxante británico Dave Mackean. Black Dog, the dreams of Paul Nash consistiu nunha sesión de música en vivo con proxección das imaxes que ilustran a novela gráfica que publicou o autor, un dos nomes claves no nacemento dos movementos modernista e surrealista.

Trátase da primeira vez que o programa de Viñetas desde o Atlántico inclúe unha proposta semellante que forma parte das novidades do Festival no seu vixésimo aniversario. Dave McKean é unha das voces creativas máis destacadas do Reino Unido. Este debuxante, pintor, deseñador gráfico, fotógrafo, cineasta e músico, deixou unha pegada indeleble no mundo da banda deseñada.

É o responsable de proxectos como Sandman. Os traballos para esta mítica colección levaron a McKean a alzarse co World Fantasy Award de 1991 ao mellor artista, e a gañar o Premio Eisner 1993 ao mellor deseño de publicación. A McKean debemos tamén a obra de creación propia Cages, novela gráfica merecedora dos premios Harvey, Ignatz, Eisner e Alph-Art. Black Dog: The Dreams of Paul Nash, é un dos seus proxectos máis recentes.

Nova edición

Este ano Viñetas contará cun cadro de persoas convidadas da máxima categoría:  Eduardo Risso, Ralph Meyer, Javi Rey, Cameron Stewart, Kiko da Silva, Natacha Bustos, Nob (Bruno Chevrier), Rayco  Pulido,  Julie Rocheleau e Dave McKean.

Esta vixésima edición do Salón Internacional do Cómic coruñés amplía a súa oferta habitual con propostas como a exposición A banda deseñada galega nos vinte anos de Viñetas, unha mostra retrospectiva-comparativa das autoras e autores galegos que participaron no Festival nestes vinte anos (Fran Jaraba, Fernando Iglesias, Xaquín Marín, DasPastoras, Fran Bueno, Alex Cal, Emma Ríos, Víctor Rivas, David Rubín, José Domingo, Fausto Isorna, Jano, Martín Romero e Ramón Marcos).

Tamén é unha novidade a mostra Dez anos de Premios Nacionais. Será a primeira vez que se poderán ver xuntos os dez traballos premiados co Premio Nacional de Cómic que concede cada ano, dende hai dez, o Ministerio de Cultura. Aí estarán dende as páxinas do primeiro agasallado, Max, en 2007, ata as do último premiado polo de agora, Pablo Auladell (2016). Ademais de Auladell, estarán en Viñetas boa parte dos galardoados: Juanjo Guarnido, Antonio Altarriba, Juan Díaz Canales, Santiago Valenzuela, Alfonso Zapico, e o propio Miguelanxo Prado, director do Salón.

Os escenarios destas dúas exposicións serán, respectivamente, a sede de Afundación e mais a da Fundación Barrié, espazos que se suman este ano aos de costume: Kiosco Alfonso, Pazo Municipal de María Pita, Sala Municipal de Exposicións Palexco e a Casa de Cultura Salvador de Madariaga. Na Torre de Hércules exhíbense os carteis das vinte edicións do Festival; entre eles, o deste 2017, que asina o debuxante galego DasPastoras.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Retrato do artista de cómic Dave Mckean retocado por él mesmo / Dave Mckean

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.