A Xunta promete que as novas medidas a favor dos autónomos estarán listas este mes

Os compromisos do goberno son a ampliación da tarifa plana de 50 euros ao mes; axudas á consolidación do negocio a partir dos 42 meses desde a súa creación e o aumento dos permisos de maternidade e paternidade.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 12/09/2017

O conselleiro Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, avanzou este martes que todas as medidas incluídas na estratexia para os autónomos ata o ano 2020 estarán activas a finais deste mes.
 
MEDIDAS ORZAMENTADAS EN 160 MILLÓNS
 
Confirmouno na súa comparecencia ante o pleno da Cámara, onde expuxo unha batería de medidas pensadas para os emprendedores, que "complementan" as postas en marcha polo Goberno central, e que mobilizará 160 millóns de euros en catro anos.
 
Nese marco figuran, como detallou, a ampliación da tarifa plana de 50 euros ao mes; axudas á consolidación do negocio a partir dos 42 meses desde a súa creación; e o aumento dos permisos de maternidade e paternidade.
 
En concreto, sobre esta medida, o titular de Economía explicou que supón 16 semanas adicionais nas que se bonifica a totalidade da cota da Seguridade Social da persoa contratada para a substitución do autónomo que teña un fillo. Remitirase ao Consello Galego de Relacións Laborais, como avanzou, mañá mércores.
 
Outras iniciativas incluídas neste paquete son o programa de substitución xeracional que se está perfilando co sector, pensado para "dar acompañamento" a quen se xubila e a quen se fai cargo da súa actividade; e a oficina virtual do autónomo, unha especie de "portelo único" con toda a información relativa a estes traballadores.
 
"COMPROMISO IRRENUNCIABLE"
 
Debulladas estas medidas, Conde proclamou que o apoio ao emprego e ao emprendimiento é "un compromiso irrenunciable"para a Xunta, á vez que destacou que ser autónomo hoxe en Galicia é "máis fácil" que en 2009, cando Alberto Núñez Feijóo se trasladou a Monte Pío.
 
A pesar das súas afirmacións, os portavoces da oposición nesta materia fixeron fincapé na precariedade que padecen estes traballadores, no problema dos "falsos autónomos", nas baixas pensións que percibe este colectivo e nas súas dificultades para obter financiamento.
 
En primeiro termo, a representante do BNG no debate, Montse Prado, referiu un estudo europeo polo que máis dun terzo dos autónomos españois de entre 35 e 39 anos está "en risco de pobreza".
 
Pola súa banda, Abel Losada (PSdeG) tachou de "autocomplaciente" o discurso de Conde, pois esta estratexia para os autónomos chega tras máis de oito anos de goberno do PP; e Manuel Lago (En Marea) advertiu que o autoemprego pode non ser "máis que un intento desesperado de saír do paro", de modo que pediu traballar pola súa "competitividade".
 
En fronte, Miguel Tellado (PPdeG) lamentou que a oposición siga "noqueada" polo resultado electoral e "mirándose a si mesma", en alusión aos seus procesos internos, e iso impídalle aplaudir a medidas a Xunta ou facer achegas que redunden nun beneficio para a cidadanía.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



O conselleiro de Economía, Francisco Conde, no pleno

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.