O persoal sanitario de Pontevedra está "ao límite"

O sindicato Prosagal denuncia falta de recursos que está levando aos profesionais de todas as categorías a "unha situación reiterada de tensión, impotencia, enfado e esgotamento físico e psíquico". Insta á poboación a denunciar.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/01/2018

O sindicato Prosagal, a Agrupación de Profesionais da Saúde de Galicia, asegura que o persoal sanitario de Pontevedra está "ao límite" da súa capacidade para atender os doentes. "Todos os días o mesmo: non quedan cadeiras nin padiolas, as salas de espera están a rebordar, 20 ou 30 pacientes pendentes de ingresar en plantas pero que seguen en urxencias porque non hai camas, non hai baños para asear a estes pacientes en espera de ingreso", resumen sobre a situación que se vive no Hospital Montecelo e tamén no Provincial.

Un día si e outro tamén, din, as carencias afectan a practicamente todos os servizos sanitarios, o que "leva aos profesionais sanitarios de todas as categorías a unha situación reiterada de tensión, impotencia, enfado e esgotamento físico e psíquico", que "acaba repercutindo na súa saúde", situación esta que "ninguén recoñece", denuncia o sindicato.

Prosagal considera que as medidas tomadas pola xerencia son "insuficientes", malia que se conseguiu reforzar os servizos con máis persoal, pero "segue sendo mínimo", critica.

Así, o sindicato indica que en urxencias, nas unidades de hospitalización, no servizo de radioloxía e nos demais servizos implicados estase a traballar todo o ano “en servizos mínimos“ e "hai estudos que así o avalan".

INSTAN A DENUNCIAR

Por todo isto, instan aos pacientes e á poboación en xeral a denunciar para loitar por unha atención digna.

"Se non hai escritos que reflictan a situación que están a vivir, os de arriba, crense que todo vai ben e cando os sindicatos lles recriminamos todo isto, a súa resposta ás veces é: «onde están as queixas dos usuarios?»", argúen.

Por iso consideran importante que os doentes deixen os seus escritos dirixidos aos responsables dos distintos servizos e da xerencia dos hospitais.

"Cambiar a traballadores de servizo, reforzar cun traballador ou poñer unas cantas padiolas nunha sala, non é suficiente. Así non coidan aos enfermos nin aos traballadores", subliña Prosagal.

Desta situación "límite" non se libra tampouco a Atención Primaria, que "tamén sesofre o 'pico', que neste caso se agrava, xa non pola falta de reforzo, se non pola falta de cobertura total ante as ausencias dos profesionais: se o profesional goza dun día de permiso ou está de baixa, a súa axenda de citas bloquéase e os pacientes derívanse a outra consulta ou ao PAC", advirte Prosagal.

Precisamente sobre os PAC (Puntos de Atención Continuada), sinalan que está a suceder "máis do mesmo", xa que "están desbordados", porque "tanto a asistencia a pacientes no centro, como nos domicilios, é cada vez maior pero o persoal segue sendo o mesmo", denuncia o sindicato, que considera que "non se pode dar unha atención de calidade cando hai o dobre de demanda asistencial cos mesmos traballadores".

Outro servizo moi afectado, din, é o das ambulancias, onde "tamén repercute esta situación". "A parte dos traslados interminables ou as demandas de servizo sen terminar o anterior, hai que engadir longas esperas en urxencias por non haber padiolas suficientes no servizo para trasladar o enfermo", describen desde Prosagal.

"Estamos saturados desde a 7ª planta (uroloxía e pneumoloxía) ata farmacia e limpeza na planta -2", describen sobre a situación en Montecelo. Mentres que "no hospital Provincial pasa exactamente o mesmo: ingresan pacientes en salas de espertar cirúrxico con diferentes patoloxías", apuntan.

Por todo isto, instan aos mandos a que "estean menos nos despachos e máis a pé de cama".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Hospital de Montecelo, en Pontevedra / aldhos.com

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.