Catalunya: a xustiza sen cerebro

A xustiza española incapaz de prever a decisión de non extraditar a Puigdemont por rebelión debido a que o monolitismo anula o pensamento

Por Horacio Vixande | Vigo | 17/04/2018

  • menéame
  • Chuzar
  • Do Melhor
  • Cabozo
  • del.icio.us
A negativa alemá a extraditar a Carles Puigdemont polo delito de rebelión colleu co pe cambiado ao Estado español, que non contemplaba esa posibilidade a pesar dos sinais que chegaban desde outras partes de Europa. Confeso que para min esta negativa era unha posibilidade remota, mais por razóns diferentes: ousaría Alemaña a desautorizar de forma tan contundente a España?.
 
Tras a detención en Alemaña de Puigdemont e antes da negativa a extraditalo por rebelión, dicía o xornalista Enric Juliana que Alemaña ía rematar xulgando a cuestión de Catalunya, aínda que el cinguía a decisión ao aspecto xurídico, “mais cunha enorme repercusión política”, que xa se anticipaba mediante declaracións que chegaban de todas as partes do mundo e que en xeral rexeitaban a extradición por rebelión.
 
Os xuíces polo xeral son persoas cunha alta consideración de si mesmas, tanto en España como en Alemaña ou en calquera outro sitio. As xustizas son celosas do seu sen importar o que digan as outras xustizas. É algo que sempre hai que ter en conta e que España ignorou. En realidade, o que aconteceu foi que a xustiza española foi desautorizada pola xustiza alemá porque cometeu a torpeza de poñerse nas súas mans. A xustiza alemá, pola súa banda, negouse a poñerse nas mans da xustiza española e rexeitou a extradición por rebelión.
Calquera xuíz, ante unha sentencia ou un fallo seu, pensa nas súas repercusións, avalía a transcendencia das mesmas, a posibilidade de recurso e a probabilidade de que un órgano superior comprometa o seu prestixio cun fallo contrario ao seu. Do mesmo xeito, cando vai autorizar unha extradición pensa no que farán os xuíces do país que a reclama, porque se a condena que finalmente se lle impón ao acusado é excesiva, tamén erosiona a credibilidade do xuíz e da xustiza do país que accede á extradición. Dáme a impresión de que pouco xuíces alemáns estarían dispostos a avalar unha sentencia de 30 anos de cárcere polos sucesos de Catalunya.
 
Todas estas reflexións obvias ignorounas o xuíz do Tribunal Supremo español Pablo Llarena. En xeral, nas capas máis altas da xustiza española subsiste unha mentalidade franquista de ordeno e mando que non concibe que alguén poda discutir as súas decisións. Mais isto vai contra a tendencia xeral e o sentido común.
 
Ese mecanismo de celo polo seu prestixio que fai que as distintas xudicaturas dos Estados democráticos mostren certa desconfianza mesmo entre si, devén nunha garantía democrática. Se Llanera chega a formular unha demanda de extradición máis comedida, sen fabulacións, os xuíces alemáns non terían temido tanto polo seu prestixio e tal vez terían concedido a extradición. Os acusados que van ser extraditados ven suavizada a aplicación das formas de xustiza máis autoritarias, en beneficio doutras máis democráticas.
 
Falamos dunha tendencia xeral de aplicación da xustiza conforme a criterios de reinserción non vingativos que é común nas democracias avanzadas. Outro exemplo dese modelo poden ser os acordos entre fiscalía e acusado, que permiten condenas máis lenes ao tempo que incorporan ao condenado ao proceso da xustiza. Non se trata só de resarcir ás vítimas, senón de comprometer ao acusado na súa rehabilitación permitíndolle certa participación na condena.
 
Incapacidade de pensamento
 
Retornando á negativa alemá a entregar a Puigdemont polo delito de rebelión, comezamos a ver que esa decisión non implica un proceso de aprendizaxe por parte do Estado español, que xa comeza a enrocarse, a negar a maior e a rexeitar a posibilidade de estar equivocado. Mesmo a posibilidade de extradición por malversación está no aire porque de momento non se demostrou documentalmente.
 
Esa incapacidade para a aprendizaxe do Estado español é consecuencia do monolitismo co que se organiza. A discrepancia, a disensión, é afogada e censurada por todos os aparatos do Estado, políticos e mediáticos, establecéndose unha vía única de pensamento que a cada paso se estreita máis debido precisamente a que o monolitismo premia as posicións máis vehementes e castiga a empatía, a actitude de poñerse na posición do outro –aínda que só sexa para adiantarse aos seus movementos. O resultado é xogar todo á mesma carta sen ampliar as perspectivas. Isto pode funcionar nun contexto pechado, mais non nun aberton con actores externos que non están condicionados pola capacidade doutros de impoñer a súa visión. Claro que nunha eventual apelación a órganos superiores europeos pode darlle a razón á xustiza española. É unha posibilidade teórica con baixa probabilidade que se produza, e sería por pura casualidade, non por unha estratexia pensaba polo Estado español, que non ve alén da cenoria.
 
Os independentistas cataláns, entroques, teñen máis capacidade de pensamento grazas á súa falta de unidade interna. As distintas estratexias duns e doutros provocan que algún deles dea coa solución. Mentres Oriol Junqueras aceptaba o cárcere como vía do proceso político, Carles Puigdemont optaba polo exilio. O primeiro manifestaba unha posición máis heroica; o segundo parecía optar polo vodevil. Mais, a forza de proba/erro, un deles deu cun filón. Foi Puigdemont, pero se mañá se trabuca, as propias divisións internas do independentismo catalán farán que tarde ou cedo alguén volva a dar co camiño acertado.

Horacio Vixande



Horacio Vixande

Horácio Vixande, xornalista, traballou na correspondencia da TVG en Vigo nos 90, foi xefe de prensa do Real Club Náutico de Vigo e e durante máis dunha ducia de anos redactor d'A Nosa Terra. Na actualidade dirixe O Cartafol, a primeira revista en galego para Ipads e outras tabletas.