O BNG di que os lumes seguen sendo o "maior problema ambiental" de Galicia

Pontón denuncia que os municipios aínda non recibiron axudas da Xunta para limpar leiras e critica a "calma abraiante" coa que o Goberno galego afronta a loita contra os incendios forestais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2018

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou a "calma abraiante" da Xunta na loita contra os incendios forestais e denunciou que, a dez días de que acabe o prazo para que as franxas de seguridade forestal estean habilitadas --31 de maio--, os concellos "aínda non teñen nin un só euro" do Goberno galego para actuar nas zonas nas que non existen propietarios.

A líder do Bloque centrou a súa habitual rolda de prensa dos luns na política forestal despois de que esta fin de semana se rexistraran dous incendios forestais en Santiago de Compostela e A Estrada que xa foron extinguidos. Na súa intervención, Ana Pontón asegurou que, a día de hoxe, os incendios forestais son "o maior problema ambiental" que ten Galicia, un problema que "vai ir a máis se non se toman medidas" e fronte ao que ve á Xunta "incapaz de tomar medidas" acordes á "relevancia" da cuestión.

"Lamentablemente parece que non tomou nota despois das graves consecuencias da vaga de incendios" que viviu Galicia, manifestou en referencia aos lumes que arrasaron máis de 49.000 hectáreas en outubro de 2017 e que provocaron a morte de catro persoas.

A pesar diso, Ana Pontón lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, estea "enrocado" na súa teoría do "terrorismo incendiario" desmentida pola propia Fiscalía. Ademais, censurou que, "un ano máis", o Pladiga "se presente tarde e mal" e que "tampouco se tomase nota no ámbito das emerxencias para mellorar a coordinación".

A todo iso, segundo engadiu, súmase o feito de que o borrador do novo plan forestal "segue apostando polo eucalipto", unha liña que ve "un disparate" cando "xa se superan en 230.000 as previstas" no plan actual. "Vemos como Ence segue marcando a política forestal", censurou.

FRANXAS DE SEGURIDADE

Nesta "relaxación" enmarcou a súa denuncia de que "os concellos aínda non teñan nin un só euro" do Goberno galego para "pór en marcha as franxas de seguridade nos casos onde non existan propietarios que o fagan". "E estamos a menos de 15 días para que remate o prazo para que estas franxas estean operativas", censurou a portavoz nacional do BNG en referencia ao prazo límite do 31 de maio fixado polo Executivo autonómico.

Neste punto, tamén se referiu ás declaracións realizadas por Feijóo a pasada semana, nas que lembrou aos concellos que a obrigación legal de limpar os montes "leva dez anos vixente" e asegurou que este é un "incumprimento do conxunto do país", "empezando" por el "mesmo". Respecto diso, cualificou de "irresponsables" as afirmacións do presidente da Xunta que, na súa opinión, "é o primeiro que debe dar exemplo".

Por último, após lembrar que a súa formación xa denunciou noutras ocasións que a Xunta "non estaba a pór medios aos concellos", criticou que só se contemplen 8 millóns de euros para este fin, unha cifra que "só permitiría actuar en 4.000 hectáreas".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.