Noctámbula e comprometida co galego; as cartas que descobren como era María Vitoria Moreno

Os documentos figuraban dentro do arquivo da agrupación cultural O Facho. A publicación realízase na véspera do aniversario da conferencia sobre a lingua galega que a autora pronunciou o 23 de maio de 1975 nun ciclo con perspectiva de xénero.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 22/05/2018

O fondo do Facho está custodiado no Arquivo da RAG e aí consérvase a correspondencia da escritora e filóloga María Victoria Moreno arredor deste relatorio. As cartas son testemuño do seu coñecemento da realidade sociolingüística do momento e das dificultades que sufría, como tantas escritoras, para conciliar a vida familiar coa escrita e o activismo cultural. Entre outros documentos tamén figuran os mecanoscritos de catro relatos cos que a autora protagonista do Día das Letras Galegas 2018 participou nos anos 70 no premio de contos infantís convocado pola asociación O Facho. Dous deles foron logo integrados en Mar adiante (1973), o seu primeiro libro.

"Envíolles currículum e máis guión. Todo foi escrito a man porque son neste intre as tres da mañá e non podo espertar coa máquina a miña filla nin a rapazada dos veciños. Perdón. Agradézolles as súas inquedanzas polo meu desprazamento e mais estancia na Coruña, pero non hai problema de ningún xeito: irei no meu coche e voltarei a Pontevedra esa mesma noite". Estas poucas liñas de María Victoria Moreno e as que as acompañaban nunha carta remitida ao Facho na primavera de 1975. Corenta e tres anos despois, a RAG amosa dixitalizada a documentación do fondo da devandita agrupación cultural relacionada coa autora. Sería correspondencia e mecanoscritos de varios relatos infantís que son testemuño da súa creatividade literaria, do seu coñecemento da realidade sociolingüística e tamén, como salientou o pasado 17 de maio a académica Marilar Aleixandre, da falta de tempo e espazo propio que, como tantas escritoras, sufriu.

Na asociación O Facho o 23 de maio de 1975 na Coruña, impartiu o relatorio dedicado ao “ensino das linguas vernáculas” dentro do ciclo titulado "Galicia e a muller galega", no que estaba previsto, ao longo de seis sesións, contar coas achegas doutras tantas mulleres de distintos eidos. Nesta tribuna María Victoria Moreno abordou problemas como a diglosia, "a permeabilización" do galego por parte do castelán, o papel de axentes como a escola, a igrexa, a administración e os medios de comunicación e mesmo a "responsabilidade da muller" na transmisión interxeracional do idioma galego, tal e como bosquexaba no guión remitido ao Facho.

"A muller, máis sensible aos prexuízos sociais, é a primeira desertora do galego, feito que repercute na desgaleguización dos fillos", advertiu no relatorio María Victoria Moreno, segundo recollían as crónicas dos xornais do día seguinte. Malia que naquela altura aínda non se realizaran estudos que apoiasen con cifras este argumento, xa foran publicadas investigacións internacionais que indicaban a existencia dun padrón de comportamento nas mulleres que implicaría unha maior tendencia a cambiar cara á variedade máis prestixiada en sociedades con situacións de contacto de linguas. Décadas despois, as análises demolingüísticas da realidade galega corroborarían que, malia non existiren diferenzas avultadas, tal e como observara xa María Victoria Moreno naquela conferencia a mediados dos anos 70, as mulleres fan un maior uso do castelán que os homes e que esta fenda de xénero se amplía coa entrada no mundo laboral e nas contornas periurbanas ou vilegas urbanas.

María Victoria Moreno acompañou o guión da conferencia enviado ao Facho días antes de pronunciar a conferencia dunhas breves notas autobiográficas, tamén dispoñibles en versión dixital. Nesta presentación persoal mantiña, coma sempre fixo, que nacera en 1941 (dous anos despois da data real de nacemento),  quizais pola tardía incorporación, por motivos económicos, ás aulas de bacharelato. Aquela etapa estudáraa, recordaba igualmente de xeito telegráfico, no Liceo Francés de Barcelona e foi entón cando gañou, con 14 anos, o seu primeiro literario cun texto escrito no idioma que promovía o centro. Despois chegarían, coa oposición de profesora de ensino medio xa aprobada, o recoñecemento acadado como finalista do Premio Café Gijón (1969), o primeiro premio de relatos dos Xogos Florais de Guimarães (1970) e tamén o segundo posto do Premio O Facho de 1972 de literatura infantil con "Crarisca e Luceiro", proseguía.

O mecanoscrito deste relato consérvase no fondo do Facho que custodia a Real Academia Galega, xunto ao "Conto de Mariquiña", que presentara á mesma edición. Ambos os dous foron integrados en 1973 en Mar adiante, o primeiro libro de María Victoria Moreno, onde selou de por vida un dobre compromiso literario: escribir sempre en galego e centrarse no público infantil e xuvenil, sen dúbida co mesmo propósito que a movía como conferenciante ou profesora dos cursos de galego, outra faceta sinalada nos apuntamentos biográficos para O Facho e que desenvolvía desinteresadamente en distintas localidades, incluso despois de que lle custara a retirada do pasaporte por parte das autoridades franquistas.

O fondo do Facho conservado no Arquivo da RAG conta tamén cos mecanoscritos doutros dous contos cos que María Victoria Moreno concorreu a outras edicións do premio creado pola asociación en 1968 (cando se premiou A galiña azul de Carlos Casares) para promover a creación de obras en galego dedicadas ao público máis novo. Son o de "A brétema", conto presentado na edición de 1973, e o de "O cataventos", co que volveu ser premiada, desta volta co primeiro galardón, en 1975. Entre a correspondencia referida a María Victoria Moreno, este fondo amosa ademais unha carta do seu amigo Xavier Senín na que lle solicita á asociación en nome da autora autorización para verter ao catalán o relato "O cataventos", “El penell”, tradución que vería a luz en 1989 a través da editorial Abadía de Montserrat.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



María Victoria Moreno

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.