Sétima oportunidade para Carvalho Calero de ser homenaxeado no Día das Letras Galegas

A Real Academia Galega elixe este sábado ao homenaxeado do Día das Letras de 2019: Carvalho Calero ou Antón Fraguas.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/07/2018

Os membros da Real Academia Galega (RAG) votarán este sábado para elixir cal será o escritor ao que se lle dedicará o Día das Letras Galegas de 2019. Os finalistas, tal e como anunciou a institución a semana pasada, son os escritores Ricardo Carvalho Calero e Antón Fraguas Fraguas.

Os académicos votarán este sábado, posto que, segundo asegurou a RAG, a normativa interna establece que a designación se realizará no pleno seguinte ao último 17 de maio.

De igual modo, o regulamento decreta que a figura homenaxeada debe ser "autora dunha obra relevante en galego e persona de calidade cultura e humana que mereza porse como exemplo á sociedade galega de hoxe". Ademais, deberán pasar "polo menos dez anos" entre a súa morte e a elección.

A RAG creou o Día das Letras Galegas en 1963, ano que se lle dedicou a Rosalía de Castro por cumprirse o centenario da publicación da súa obra 'Cantares Galegos'. En 2018, o 17 de maio dedicóuselle á escritora cacereña María Victoria Moreno, quen realizou gran parte da súa obra literaria en lingua galega.

PERFIL DE CARVALHO CALERO

Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Santiago de Compostela, 1990) estudou Dereito e Filosofía na capital galega, onde desenvolveu unha intensa actividade intelectual e política coa que entrou en contacto co galeguismo do Seminario de Estudos Galegos, do que chegou a ser o seu secretario xeral.

Mantivo un estreito contacto cos escritores Vicente Risco, Castelao, Otero Pedrayo e outros membros da Xeración Nós, en cuxa revista colaborou. Así mesmo, tamén participou na fundación do Partido Galeguista e na redacción do Estatuto de Autonomía de Galicia de 1931.

Loitou no bando republicano, feito polo que foi encarcerado por separatista durante dous anos en Xaén. Na década dos 50 participou activamente no proxecto da Editorial Galaxia e ingresou como membro da RAG. En 1964 incorporouse como profesor interino na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde se converteu no primeiro catedrático de Lingua e Literatura Galegas en 1972. En 1981 foi nomeado membro da Academia das Ciencias de Lisboa e en 1984 recibiu a Medalla Castelao.

As súas primeiras obras literarias foron os poemarios 'Vieiros' (1931) e 'O silenzo axionllado' (1934). Nas décadas seguintes continuou con 'A gente da Barreira' (1951), a primeira novela en galego da posguerra, coa que conseguiu o premio Bibliófilos Gallegos.

Tamén publicou o volume de relatos curtos 'Scórpio' (1987), o libro de poemas 'Anxo de terra' (1950), 'Pretérito imperfeito' (1980) e 'Cantigas de amigo e outros poemas' (1986), así como as obras teatrais 'Catro pezas: A sombra de Orfeo, Farsa das zocas, A arbre, Auto do prisioneiro' (1971) e 'Teatro Completo' (1982).

Ademais, Carvalho Calero foi autor da 'Gramática elemental do galego común' (1966), cuxa sétima edición, de 1979, recolleu cambios importantes pola súa concepción persoal sobre o que debería ser o idioma propio, xa que, desde a década dos 70, o escritor pasou a defender a súa aproximación e reintegración coa lingua portuguesa. É por iso que, a partir de entón, deixou de asinar como 'Carballo' para facelo como 'Carvalho'.

Esta será a sétima vez que o escritor ferrolán é elixido entre os finalistas para ser o protagonista do próximo Día das Letras, polo cal a súa candidatura conta co apoio de entidades como o PSOE de Ferrol e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. En concreto, esta última pediu á RAG que "salde unha débeda" co autor porque "poucas persoas o teñen tan merecido".

PERFIL DE ANTÓN FRAGUAS

Antón Fraguas Fraguas (Loureiro, Cotobade, 1905 - Santiago de Compostela, 1999) foi historiador, profesor e director e presidente do Museo do Pobo Galego, así como un dos fundadores da Sociedade de Lingua e membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, no que inaugurou, baixo a dirección de Otero Pedrayo, os estudos de xeografía histórica.

Durante a súa mocidade publicou na revista 'Nós' e o xornal galeguista 'A Nosa Terra', e deixou biografías de personaxes ilustres como Manuel Murguía e Castelao, ademais da que foi a súa tese de doutoramento: sobre o Colexio de Fonseca da USC. No campo no que máis destacou foi no estudo da cultura campesiña, especialmente do seu parte espiritual.

Foi profesor auxiliar de Xeografía e Historia na USC e en 1933 conseguiu a cátedra no instituto da Estrada, que lle foi arrebatada ao comezar a Guerra Civil, motivo polo cal tivo que dedicarse á educación privada até 1950.

Compaxinou o ensino coa investigación en contacto con institucións como o Instituto Pai Sarmiento ou a RAG, na que ingresou en 1956 no sitio que deixou Castelao. Recibiu, entre outros galardóns, o Pedrón de Ouro, a Medalla Castelao, o Premio Trasalba e o Premio das Letras e das Artes da Xunta de Galicia.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Carballo Calero e Antón Fraguas, finalistas para o Día das Letras 2019. RAG / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.