As fortalezas e as debilidades do talento empresarial no estranxeiro

O informe «Xestión de talento e marca para a internacionalización das empresas españolas» destaca que só un 30 % destas compañías ofrece un plan de carreira aos seus expatriados e un terzo non xestiona a súa marca como empregador fóra de España.

Por GC Emprende | A coruña | 13/07/2018

«Xestión de talento e marca para a internacionalización das empresas españolas» é unha análise levada a cabo co obxectivo de identificar boas prácticas, necesidades e retos no proceso de internacionalización das compañías españolas, así como estratexias que potencien o papel da marca para atraer e reter talento nesta contorna na que se require unha maior competitividade global e onde o valor da marca como catalizador do talento é aínda máis esencial. 
 
Este estudo realizouse entre compañías con presenza internacional consolidada, de distintos tamaños (desde 250 a máis de 10.000 empregados) e de sectores moi variados, como financeiro, enerxía, infraestruturas, gran consumo, industria, do automóbil, servizos profesionais, tecnoloxía, telecomunicacións, sanidade, distribución, editorial, moda, hostalería e turismo.
 
Entre as principais conclusións extraídas desta análise destacan que só un 30 % das compañías contan cun plan de carreira internacional para os seus profesionais, e a mesma porcentaxe carece dunha política de expatriación unificada. Ademais, só o 24 % ofrece adestramento intercultural e formación en idiomas.
 
En canto á selección de expatriados, as compañías valoran moi positivamente as habilidades persoais (35 %), a actitude (34 %) e o coñecemento do idioma. Con todo, non outorgan a suficiente importancia a cuestións relacionadas coa preparación internacional, como o coñecemento do mercado de destino (15 %), a experiencia internacional previa (13 %) ou aspectos relacionados coa conciliación familiar, como a disposición para desprazarse (3 %), a pesar de que a inadaptación familiar sexa unha das causas máis frecuentes do fracaso das asignacións internacionais.
 
En canto á análise por áreas, a que máis dificultades presenta para atraer e reter talento, identificada por case a metade das empresas consultadas, é a que máis directamente incide nos resultados do negocio: a área comercial. As de employer branding e xestión da multiculturalidade son as áreas de menor investimento dentro da xestión do talento: un 33 % das empresas non xestiona a súa marca como empregadora fóra de España. Ademais, identificouse unha dependencia de mandos e profesionais de confianza, xa que só o 9 % das empresas considera que aproveitar o talento local é un factor de éxito.
 
O informe foi presentado no Campus da Coruña de IESIDE este mércores dentro da xornada «Talento e marca: alicerces do éxito internacional» organizada polo Foro de Marcas Renombradas Españolas, ICEX e PeopleMatters coa participación de IESIDE. O acto contou coa presenza de Francisco Conde, Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia; Antonio Abril, secretario xeral e do Consello de INDITEX e vicepresidente do Foro de Marcas Renombradas Españolas; e Pedro Otero, director xerente de Afundación e secretario xeral de IESIDE, quen foron os encargados de abrir a xornada.
 
PEOPLEMATTERS
 
PeopleMatters é unha firma de servizos profesionais de consultoría de xestión de persoas, líder en Employer Branding e comunicación en España. Outras liñas de servizo inclúen a estratexia de Capital Humano, Transformación Cultural, Xestión do Talento, Organización, Retribución e Recompensa, e Diversidade e Benestar Corporativo. 
A compañía creou e desenvolve o programa Recruiting Erasmus para a atención de talento nas empresas. Ademais realiza formación e profesionalización avanzada e diversos estudos e benchmarking.
 
FORO DE MARCAS RENOMBRADAS ESPAÑOLAS
 
O Foro de Marcas Renombradas Españolas (FMRE) é unha alianza público-privada integrada por máis de cen das principais empresas españolas con marcas líderes nos seus respectivos sectores xunto co Ministerio de Asuntos Exteriores y de Cooperación, o Ministerio de Economía, Industria e Competitividad, ICEX España Exportación e Inversiones e a Oficina Española de Patentes y Marcas (OEPM). O seu obxectivo é fomentar a todos os niveis a importancia estratéxica das marcas e impulsar a súa internacionalización, potenciando así a imaxe dos produtos e servizos españois no exterior a través destas marcas e en colaboración coa administración.
 
IESIDE
 
O Instituto de Educación Superior Intercontinental da Empresa (IESIDE) nace en 2016 por iniciativa de ABANCA e Afundación para impulsar a súa actuación no ámbito da educación superior, avalado polos trinta anos de experiencia no ensino no ámbito dos negocios. Neste marco, IESIDE promove a cooperación entre empresa e universidade, dirixido cara á creación de valor económico, social e cultural para Galicia. Constitúese como un servizo público, sen ánimo de lucro, que complementa a oferta universitaria actual procurando a mellora da competitividade das empresas nacionais e internacionais, con especial acento no eixe atlántico.
 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Participantes na xornada «Talento e marca: alicerces do éxito internacional» organizada polo Foro de Marcas Renombradas Españolas, ICEX e PeopleMatters coa participación de IESIDE

Unha das mesas da xornada «Talento e marca: alicerces do éxito internacional» organizada polo Foro de Marcas Renombradas Españolas, ICEX e PeopleMatters coa participación de IESIDE

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.