Dous estudantes galegos presentan en Estocolmo un sistema innovador para degradar toalliñas

A idea expoñerase no Stockholm Junior Water Prize, unha competición internacional que premia a investigación xuvenil en temas de auga e sustentabilidade. Se resultan gañadores, faranse cos 15.000€ de galardón para o desenvolvemento do proxecto.

Por GC Emprende | Santiago de Compostela | 27/08/2018

Dous estudantes de Primeiro de Bacharelato do Colexio Marista Santa María de Ourense, Miguel Aragón Fernández e Miguel Sequeiros Doval, participan este martes en Estocolmo no certame internacional da XXII edición do Stockholm Junior Water Prize (SJWP), considerado o Premio ‘Nobel da auga’ para a mocidade.

SISTEMA PARA DEGRADAR TOALLIÑAS HIXIÉNICAS

A investigación destes dous mozos galegos, que en maio gañaron o certame nacional deste concurso, céntrase nun innovador sistema ecolóxico para degradar as toalliñas hixiénicas, baseado na capacidade do verme do mel para descompoñer os compostos derivados do polietileno. Para desenvolvelo, estes estudantes estudaron as recentes investigacións das universidades de Cantabria e Cambridge, que demostran que este verme pode degradar o polietileno de forma natural, mediante a súa inxesta. Mais Miguel Aragón e Miguel Sequeiros deron un paso máis ao demostrar que este verme tamén é capaz de descompoñer os compostos derivados do polietileno, presentes nas toalliñas hixiénicas, sen xerar contaminantes nin afectar o ciclo vital deste ser vivo.

As toalliñas hixiénicas non son biodegradables. A súa porcentaxe de desintegración en auga non chega ao 40% nun período de dous días, fronte ao 95% do papel hixiénico, composto na súa maioría por celulosa, que se desfai en media hora. Esta difícil degradación ocasiona perdas millonarias - máis de 1.000 millóns de euros anuais na Unión Europea - polos atascos das tubaxes, chegando a inhabilitar temporalmente algunhas depuradoras de auga e creando un grave problema de saúde en moitas cidades.
 
O CONCURSO

O Stockholm Junior Water Prize é unha competición internacional que premia a investigación xuvenil en temas de auga e sustentabilidade. No Estado vén impulsada por Viaqua, Fundación Aquae e a Escola da auga. Nestes días, un xurado de expertos internacionais entrevistará o equipo, que viaxará á capital sueca xunto á súa titora, Lydia Castro. Unha vez o xurado delibere, o equipo gañador recibirá 15.000 dólares, un diploma e unha escultura de cristal azul de mans da princesa Vitoria de Suecia, patroa deste galardón. A cerimonia de entrega deste premio ten lugar durante a celebración da Semana Mundial da auga (26-31 de agosto).

O pasado ano os estudantes norteamericanos Ryan Thorpe e Rachel Chang fixéronse co galardón grazas a un sistema que detecta e purifica a auga contaminada con shigella, salmonela e cólera de maneira moito máis rápida e eficaz ca calquera outro sistema convencional. Un descubrimento que podería previr o brote de enfermidades transmitidas pola auga e expandir o consumo de auga potable no mundo.

A edición mundial do Stockholm Junior Water Prize está organizada polo Instituto Internacional da auga de Estocolmo (SIWI), cuxo obxectivo é fomentar o interese da mocidade e promover a súa creatividade en torno á auga e o medio ambiente. Pola súa banda, a edición española desta competición está patrocinada por Viaqua e Fundación Aquae, e organizada pola Escola da auga, unha institución creada por Suez para compartir e transferir coñecemento en materia de auga e sustentabilidade que conta con proxectos de capacitación en 17 países. A concesionaria galega da auga Viaqua, apostou unha vez máis polo apoio á formación e investigación dos máis novos no ámbito de auga e medio ambiente impulsando iniciativas como esta.

O obxectivo de SJWP, que cada ano recibe máis de 10.000 proxectos de todo o planeta, é premiar grandes ideas -procedentes de mozas de 15 a 20 anos- que axuden a mellorar a calidade de vida das persoas mediante a mellora da calidade da auga, a xestión dos recursos hídricos, a protección deste recurso ou o tratamento da auga, xa sexa potable ou residual. Este premio creouse en 1997.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Os dous estudantes ourensáns e a titora / Fundación Viaqua

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.