Os traballadores do 061 definen os servizos mínimos de emerxencias para a folga ante a "inacción" e "chapuza" da Xunta

O persoal de Urxencias Sanitarias alerta do "desastre" da situación causada pola "irresponsabilidade" da Consellería, a empresa Grupo Norte e a Fundación 061, e advirte de que "unha simple rebaixa do número de xestores" polos paros do luns "tería consecuencias sobre mortalidade e supervivencia".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 09/09/2018

Continúa o caos e a polémica arredor do 061. Persoal da central de chamadas do Servizo de Emerxencias acordou, por "responsabilidade", e para "evitar consecuencias letais para a cidadanía galega", uns servizos mínimos "que non puxo a Administración" ante a folga convocada para este luns 10 de setembro, con motivo da falta de acordo na súa reclamación de compensación económica polo traslado á Estrada.

A CIG alerta de que "unha simple rebaixa do número de xestores" polos paros do luns "tería consecuencias sobre mortalidade e supervivencia".

Segundo a CIG,  é a primeira vez que a unha Consellería se lle pasa o prazo para establecer os servizos mínimos nunha folga, polo que tiveron que ser os traballadores quen o fixeron.

O comité de empresa considera "absolutamente irresponsable" a "inacción" da empresa Grupo Norte, a Fundación 061 e a Consellería de Sanidade, ao "non estar previsto un retén para atender ás emerxencias" que poidan suceder entre as 12.00 e as 14.00 horas, nin entre as 19,00 e as 21,00 horas do luns.

Fontes consultadas por GC dos traballadores din que "a situación é un desatre" e que a Consellería, "lonxe de solucionar o problema, está a agravalo". 

"Mañá temos folga e nin sabemos se temos dereito a non vir ninguén e a Consellería non ten ningún interese en dicir se pecha a central ou non e o deixa á nosa vontade. Vaia chapuza", láianse as fontes consultadas por este xornal.

A CIG indicou que, segundo a Consellería de Sanidade, os servizos mínimos "deberían ser do 100%", xa que "unha  minoración do número de xestores telefónicos-teleoperadores supón unha perda da porcentaxe de chamadas atendidas", o que implica "desatender parte das urxencias vitais en materia de saúde que suceden no territorio galego".

Respecto diso, asegurou que isto tería "consecuencias directas sobre a mortalidade e a supervivencia na poboación" e "quedarían sen realizar a activación e seguimento de todos os recursos asistenciais" —ambulancias, helicópteros e persoal médico e de enfermaría—, "imprescindible para a asistencia sanitaria e os traslados urxentes".

Deste xeito, a CIG sinalou que a ausencia de persoal neses postos "comportaría o atraso na activación do recurso asistencial", coa consecuente "demora na atención ao paciente e, á súa vez, o aumento da mortalidade" e "a diminución da supervivencia nas patoloxías tempo-dependentes", como é o caso do ictus, o infarto agudo de miocardio e as paradas  cardiorrespiratorias.

"IRRESPONSABILIDADE"

Segundo lembrou a organización sindical, no decreto de servizos mínimos do 100%, a Consellería afirmou que "a poboación non pode quedar  desasistida en circunstancias de urxencia e emerxencia", e que "as funcións do persoas afectado pola folga son tarefas específicas que non poden ser  suplantadas por outro persoal".

Con todo, explicou que, "agora mesmo, a Consellería se puxo na postura totalmente contraria", o que "supón unha clara irresponsabilidade", con "consecuencias no aumento da mortalidade" e "na diminución da supervivencia nas patoloxías".

Por iso, a CIG asegurou que xa se puxo en contacto coa empresa Grupo Norte para mostrar a súa "preocupación" pola situación creada e "buscar solucións que permitan o exercicio do dereito á folga", pero "evitando consecuencias que estarían na conciencia de todos".

O persoal estatutario da Fundación Pública de Urxencias Sanitarias 061 e o persoal de atención de chamadas do Grupo Norte realizarán, ademais, unha concentración este luns 10 de setembro, ás 12.00 horas, ante as dependencias da CRTVG en San Marcos.

SERVIZO GARANTIDO

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061 informou que o seu servizo está baseado na garantía da cobertura do servizo de urxencias e emerxencias a toda a cidadanía, polo que quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade á poboación.

Ante a convocatoria de folga prevista para este luns 10, a Fundación di garantir a cobertura do servizo tamén para todos aqueles que se poñan en contacto co 061 a través da Central de Coordinación.

DISCREPANCIAS

Os puntos onde hai máis discrepancias son “que se recoñeza o tempo de traslado como tempo traballado e que o importe económico da compensación se axuste á realidade dos gastos que vai ocasionar”, explica o presidente da Xunta de Persoal e do comité de folga, Mario Otero.

A Administración oferta 140 euros por 12 meses, “cando os gastos de ir e vir á Estrada andan xa polos 250 euros nun só mes”. Estes son os motivos polos que traballadores e traballadoras do 061 e do Grupo Norte manteñen as mobilizacións e a folga.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Archivo

Concentración de traballadores do 061 en San Marcos, Santiago. REMITIDA SINDICATOS

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.