O 38% dos postos de traballo en Galicia, en risco elevado de ser robotizados

A porcentaxe é dous puntos maior que no conxunto de España, segundo un estudo de Juan Ramón García, investigador do BBVA Research. En xeral, os ocupados no sector servizos teñen menor probabilidade de ser substituídos por máquinas cós da industria ou da agricultura. A probabilidade de automatización diminúe co grao de responsabilidade, o nivel educativo, a disposición a participar en accións formativas e a adopción de novas formas de emprego, como o teletraballo.

Por Alberto Quian | Madrid | 19/09/2018

O 38% dos postos de traballo en Galicia estarían en risco elevado de ser computarizados, é dicir, case 4 de cada 10 empregos ocupados por humanos poden acabar sendo realizados por máquinas autónomas. Esta porcentaxe sitúase dous puntos por enriba do conxunto de España. Ademais, a probabilidade de automatización do traballo realizado por humanos é maior para os empregados sen cargos de responsabilidade, ocupados na agricultura, o comercio, a hostalería, a industria manufactureira ou as actividades financeiras e inmobiliarias, con baixo nivel educativo e con menor disposición a participar en accións formativas ou a adoptar novas formas de traballo. 

Estas son as principais conclusións dun estudo realizado por Juan Ramón García, investigador do BBVA Research, publicado no último número da Revista Galega de Economía co título 'Galicia perante o reto da automatización do traballo'.

Segundo este traballo, outras variables como o xénero, a idade, a antigüidade, o tipo de contrato e a situación laboral de procedencia do traballador, así como o tamaño da empresa, xogan un papel secundario para explicar o risco de automatización. 

O risco é "comparativamente reducido para os ocupados en educación, sanidade, servizos sociais, TIC, enerxía e actividades artísticas ou científico-técnicas".

O estudo, baseado mos microdatos da mostra anual da EPA (Enquisa de Poboación Activa) entre 2011 e 2016, determina as características persoais e laborais que condicionan o risco de que un traballador en Galicia sexa substituído por unha máquina. Os resultados das estimacións realizadas para este traballo amosan que "a probabilidade de automatización diminúe co grao de responsabilidade, o nivel educativo, a disposición a participar en accións formativas e a adopción de novas formas de traballo, como o teletraballo, e é comparativamente reducida para os ocupados en educación, sanidade, servizos sociais, TIC, enerxía e actividades artísticas ou científico-técnicas".

Con todo, o investigador matiza ese 38% de postos de traballo en Galicia en "risco elevado de ser computarizados" debe ser "interpretado con cautela". "En primeiro lugar", di, "porque asume que todas as habilidades requiridas para desempeñar unha ocupación teñen a mesma facilidade para seren computarizadas, o que foi posto en dúbida na literatura [científica]". "E en segundo lugar", apunta, "porque fai referencia ao risco de automatización ‘de primeira rolda’, causado pola viabilidade tecnolóxica, pero non incorpora o ‘de segunda rolda’, relacionado coa conveniencia económica de automatizar unha ocupación".

OCUPACIÓNS MÁIS VULNERABLES

Galicia, ao igual que o resto de España, amosa unha distribución do emprego "polarizada". Nun extremo, García sitúa as ocupacións ligadas á dirección, á enxeñaría, ao ensino ou á saúde, que están "menos expostas ao risco de automatización"; no outro extremo coloca o que chama "tarefas máis rutineiras", como as administrativas ou as asociadas á construción ou ao sector primario, que son "susceptibles de poder seren desenvolvidas por máquinas". 

A ameaza é maior para os empregados na agricultura, a hostalería, a industria manufactureira, as actividades financeiras e inmobiliarias e o comercio.

O sector de actividade é a variable que xera maiores diferenzas no risco de automatización dos empregos. En termos xerais, considérase que os ocupados no sector servizos teñen menor probabilidade de ser substituídos por máquinas cós da industria ou da agricultura. 

Actividades ligadas á educación, a arte, a saúde e os servizos sociais, os empregos na administración pública e os traballadores dos sectores TIC, enerxético e científico-técnico teñen un risco de computarización comparativamente reducido. No extremo oposto, García sitúa os empregados na agricultura, a hostalería, a industria manufactureira, as actividades financeiras e inmobiliarias e o comercio.

Outra variable que condiciona o risco de robotización do posto de traballo é o cargo que se ocupe na cadea de traballo, isto é, a posición xerárquica. "A probabilidade de dixitalización baixa co nivel de responsabilidade", conclúese no estudo.

"O risco de que un director de empresa sexa substituído por unha máquina é 26 puntos menor, ceteris paribus, có dun ocupado sen traballadores a cargo (20 puntos no conxunto de España)", detalla o autor do estudo.

Ante a ameaza robótica, García apunta a adopción de novas formas de traballo como un factor que pode contribuír a reducir a vulnerabilidade á automatización. "A capacidade de adaptación do traballador (e da empresa) pode compensar o risco de robotización", expón.

Así, pon como exemplo o teletraballo (traballo a distancia, xeralmente desde o fogar): "A probabilidade de que un ocupado que teletraballa perda o seu emprego é 10 puntos menor cá de quen non o fai", aporta no estudo.

"A evolución recente do emprego en Galicia non deixa lugar á compracencia", alerta o experto do BBVA Research.

MENOR RISCO CANTO MÁIS FORMADO

A porcentaxe de ocupados en risco pola robotización en Galicia é semellante á de Finlandia —país onde se sitúa nun 35%—, pero menor que en Estados Unidos —onde é do 47%— ou Alemaña (59%). Pero "a evolución recente do emprego en Galicia non deixa lugar á compracencia", alerta o experto.

"Durante a crise, as ocupacións con media ou baixa probabilidade de automatización concentraron case o 60% do emprego destruído. Durante a recuperación, tan só explican a metade do emprego creado", apunta o autor do estudo.

No conxunto de España, García sinala que o risco de automatización é comparativamente elevado na Rexión de Murcia, Baleares e Canarias, e reducido na Comunidade de Madrid, Asturias e o País Vasco.

"Un maior nivel educativo permite adquirir habilidades en áreas nas que as capacidades humanas aínda superan ás máquina".

O estudo suxire que a probabilidade de computarización baixa co nivel educativo, o grao de responsabilidade e o desenvolvemento de actividades ligadas á educación ou á saúde.

García subliña que existen evidencias de que "un maior nivel educativo permite adquirir habilidades en áreas nas que as capacidades humanas aínda superan ás máquinas, o que favorece a complementariedade entre o capital e o traballo e a creación de novas oportunidades de emprego".

"Os traballadores máis formados –sobre todo, os titulados universitarios en disciplinas relacionadas coa educación, a saúde e os servizos sociais– e os que participaron en accións formativas non regradas teñen menos risco de ser substituídos por máquinas", afirma.

"Dado que o impacto da tecnoloxía probablemente acurtará a vida útil das habilidades dos traballadores e que os novos modelos de negocio implicarán cambios continuos das competencias demandadas, a importancia da formación continua –regrada e non regrada– como paliativo do risco de dixitalización aumentará no futuro", vaticina o investigador do BBVA Research.

As mulleres están "mellor posicionadas cós homes para arrostrar o risco de dixitalización".

O estudo tamén advirte de que "a probabilidade de automatización é comparativamente elevada entre a mocidade", pero "apenas discorda por xénero".

En canto ao xénero, sinala que as mulleres –malia a súa infrarrepresentación en ocupacións de ciencia, tecnología, enxeñaría e matemáticas– están "mellor posicionadas cós homes para arrostrar o risco de dixitalización dada a súa maior presenza en ocupacións cualificadas ligadas á saúde ou á educación". 

"Cando se diferencia por xénero, aprecíase que a probabilidade de automatización das mulleres é maior cá dos homes con independencia do nivel educativo. Tan só as mulleres con titulación secundaria nunha rama sociosanitaria teñen un menor risco de dixitalización cós homes", afonda o experto.

As restantes variables terían un impacto menor sobre a probabilidade de robotización dos postos de traballo. Por exemplo, en relación coas características da empresa, estímase que o risco de ser substituído por unha máquina é máis reducido no sector público e nos establecementos de maior dimensión.

Con respecto ás características do traballador, a probabilidade de automatización descende coa idade e é lixeiramente máis elevada en Galicia para os menores de 38 anos (28 anos no caso de España).

No caso dos traballadores estranxeiros, en Galicia enfróntanse a unha probabilidade de robotización da súa ocupación semellante á dos nativos. E no que respecta á antigüidade do traballador na empresa, tan só os ocupados con maior antigüidade exhiben unha probabilidade de automatización máis elevada. 

En xeral, a probabilidade de automatización do traballo é maior para os asalariados –sobre todo, aqueles que teñen contratos temporais ou están empregados no sector privado–, os ocupados na agricultura, a industria manufactureira, a hostalería, o comercio, as actividades do fogar e as administrativas, e os que procuran outro posto de traballo ou estiveran desempregados con anterioridade.

García pide "reconsiderar a regulación laboral vixente" para adaptarse á expansión de modelos de negocio baseados en plataformas e de novas formas de contratación.

GOBERNAR O CAMBIO

Ante este escenario, García considera "imprescindible que os axentes económicos, tanto públicos como privados, gobernen o cambio" co "obxectivo de atenuar as repercusións negativas do progreso tecnolóxico sobre o emprego e acadar un crecemento inclusivo". E avisa: "Para acadalo, é preciso actuar en dous ámbitos estreitamente relacionados: a educación e o mercado de traballo".

En primeiro lugar, considera "esencial investir máis e mellor en capital humano para que a poboación adquira coñecementos e habilidades cognitivas e non cognitivas complementarias ao progreso técnico".

A isto engade a urxencia de "apostar pola formación continua" para os individuos, as empresas e o sector público, para o cal "é necesario anticipar as necesidades formativas e aumentar a flexibilidade do sistema educativo". 

No que respecta ao mercado laboral, García ve "ineludible mellorar a eficacia e a eficiencia das políticas do mercado de traballo, tanto das activas –que se deberán orientar cara a reciclaxe profesional– como das pasivas –que deberán ampliar a súa cobertura durante o período de transición–".

Nesta liña, recomenda que "os servizos públicos de emprego utilicen a tecnoloxía xa dispoñible para explotar grandes bases de datos que recompilan información sobre as necesidades das empresas e as características dos traballadores", coa fin de "optimizar os emparellamentos laborais e acurtar o tempo de permanencia no paro". E, paralelamente, tamén aconsella "reconsiderar a regulación laboral vixente"para adaptarse á expansión dos modelos de negocio baseados en plataformas e das novas formas de contratación.

O AUTOR

Juan Ramón García é economista principal na unidade de España e Portugal de BBVA  Research. Entre outras responsabilidades, está a cargo da análise conxuntural e estrutural do mercado de traballo e do consumo dos fogares en España.

Foi economista sénior nas unidades de Análise Sectorial e de Tendencias Globais de BBVA  Research e investigador na Fundación de Estudos de Economía Aplicada (Fedea).

Obtivo a Licenciatura en Economía pola Universidade de Santiago de Compostela en 2001 e o Diploma de Estudos Avanzados pola mesma universidade en 2003.  

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

cyborg ou robot

O autor non se entera de nada... pero ainda seguimos coas 8 horas de traballo coma nos anos 30 do seculo pasado??? pero non se dan conta que por exemplo un ordenador cun programa de radioloxia e capaz de acertar mais veces que 7 radiólogos (médicos) xuntos... non saben dos coches conducidos como drons, non saben de flotas de camions e taxis ou calisquer vehiculo, incluso de combate conducidos por robots, si porque cando a tecnoloxia e cada vez mais avanzada remata parecendo a maxia... e non se trata so de reciclaxes sinon de repartir o traballo, de reducir as horas de traballo, de repartir a tarta dos beneficios... ou é que nos queren seguir engañado os capitalistas, sinon xa saben crisis social, crisis de tesouras entre a producción e a xente que non pode consumir (por que estará no paro e sen ingresos)... https://www.youtube.com/watch?v=eWg...


1

que será das diputacións?

Pero vamos a ver... se salvas ao sector saúde cos enfermeiros, auxiliares, celadores, médicos e demáis sen entrar noutras cuestións e salvas a ensinanza que tamén é esencial... o resto poñede robots carallo que o fan millor... nas diputacións pos robots e non se entera nin dios e nos concellos nin che conto polo menos pódelos encender as oito da mañan... O risco real é que desaparecerán un 80% dos traballos se inclúes o sector funcionarial da administración deixádevos de caralladas...


Os robots gañan terreo / Nieman Journalism Lab

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.