Leiceaga lembra a Feijóo o seu "episodio de 'noivo á fuga' da dereita española"

O portavoz socialista di que co PP "Galicia vai a menos" por mor dun Goberno "paralizado" e "sen proxecto". Asegura que Feijóo leva anunciadas tantas baixadas de impostos que poderían converter Galicia "nun paraíso fiscal".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/10/2018

O portavoz parlamentario do PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, atribuíu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, unha "Galicia que vai a menos" polo seu Goberno "paralizado" e caracterizado pola "inercia e a propaganda" co "único obxectivo de gañar eleccións". "Non ten proxecto, carece dunha visión de Galicia máis aló de querer seguir no poder catro anos máis", sinalou.

Así se pronunciou no seu discurso con motivo do Debate do Estado de Autonomía, unha intervención que iniciou lembrando á figura de Castelao. "Foi un galeguista, deputado da Fronte Popular e exiliado. Non deberiamos obviar quen foi", incidiu o dirixente socialista, que citou unas as palabras do intelectual galeguista ao pronunciar "os elementos da dereita só conciben unha patria artificial, posta ao servizo dos seus intereses".

Na súa comparecencia, Leiceaga afeou ao máximo mandatario autonómico o seu "balance" e referiuse ao seu Executivo como "un surfeiro" que se "limita a aproveitar a inercia das ondas" para manterse no poder. "Que lembramos dos seus últimos 12 meses se deixamos ao carón o episodio de 'noivo á fuga' da dereita española?", cuestionou o portavoz socialísta dirixíndose ao escano do presidente, ao que preguntou se "a súa decisión de non marcharse" obedece "ao cálculo" ou "ao compromiso".

Logo de lembrarlle episodios como os incendios de outubro de 2017 nos que faleceron catro personas, a folga feminista do 8 de marzo e a morte dun home sen atención médica na PAC da Estrada, Leiceaga lamentou que a Xunta non atendese "nin á fractura social, nin á xeracional, non á de xénero ou á territorial" que o PSdeG denunciou "hai 12 meses".

"Leva gobernando dez anos, xa non pode apelar a herdanzas", asegurou o socialista, que censurou que, en demografía "Galicia segue indo a menos"; en economía hai "máis desigualdades, menos emprego e máis precariedade"; e en servizos públicos os axustes "provocaron feridas severas".

DÉBEDA E ECONOMÍA

Así mesmo, no seu discurso, reprochoulle ao máximo mandatario autonómico que a súa xestión non estea a axudar á recuperación. "A Galicia resistente, con capacidade de superación é a que está a sacar aos poucos a cabeza do pozo, a que nos está facendo avanzar", argumentou antes de incidir en que o Goberno da Xunta, "paralizado", está "a axudar moito menos do que é exixible".

"Unha Galicia que vai a menos e un goberno que, na práctica, mira para outro lado por mera incapacidade", subliñou Leiceaga antes de afear que en I+D+i a comunidade "quede atrás", que "en formación chegue tarde", ou que "tirase a toalla en infraestruturas". "En política industrial, en innovación, en formación, en infraestruturas... merece un rotundo suspenso", engadiu.

IGUALDADE DE XÉNERO

Por outra banda, en materia de igualdade de xénero, instou ao máximo mandatario autonómico a favorecer políticas de conciliación con medidas como a equiparación dos permisos de igualdade e de paternidade, como "vai facer o Goberno de Sánchez".

"A fenda salarial existe, as mulleres teñen un chan de barro e un teito de cristal", lamentou o portavoz socialista, que emprazou a Feijóo a "romper o teito de cristal" na Administración autonómica para ter "máis lexitimidade para esixirllo ao sector privado".

Ademais, referiuse á situación da sanidade pública galega para asegurar que a súa realidade "está nas salas de espera dos hospitais e os centros de saúde. "Os cidadáns saben perfectamente o que pasa e dannos a razón", apuntou nunha intervención na que tamén censurou que Feijóo leve anunciadas tantas baixadas de impostos que poderían converter a Galicia "nun paraíso fiscal".

ÚNICO PROXECTO, ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO

Por todo iso, Leiceaga botoulle en cara a Feijóo que o seu único proxecto sexa el mesmo. "O único proxecto serio de Alberto Núñez Feijóo é moi simple de definir, chámase Alberto Núñez Feijóo", subliñou nun discurso no que tamén lle afeou que non aproveitase a remodelación do seu Executivo para darlle un novo impulso a Galicia.

"O novo goberno defínese en dúas palabras: control e continuidade", sinalou o socialista, que considerou que a composición "anuncia" que Feijóo ten na cabeza "volver ser candidato en 2020".

Na súa comparecencia, tamén subliñou o rexeitamento do PSOE á aposta independentista e avogou por recuperar a "convivencia". Ademais, propuxo avanzar no "federalismo" e "configurar unha oferta pública que seduza aos que hoxe queren marchar e lles convenza de que España é un magnífico horizonte de futuro".

Por último, lembrou as palabras nas que o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, asegurou que a bancada socialista estaba "anestesiada" para denunciar a "narcolepsia" na que se atopaba o Executivo galego baixo o goberno de Rajoy. "Esa somnolencia incontrolable só desaparece cando están na oposición", afeoulle.

O discurso de Leiceaga foi seguido desde a tribuna de invitados por cargos como o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; o delegado do Goberno, Javier Losada; membros da Executiva do PSdeG como Iván Pontes e a que fora presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, a quen subiu a saudar o actual presidente da Cámara, Miguel Santalices.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



El portavoz parlamentario del PSdeG, Xoaquín Fernández Leiceaga, en Parlamento. PSDEG / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.