A proposta de La Voz de Galicia para 2019: "recortes salariais", "ameaza de despedimentos" e muro de pago

O xornal activará un novo modelo de negocio ante a caída de vendas e da publicidade en papel e na edición dixital. O comité considera "inaceptables" as propostas da dirección, que pretende "minoracións salariais" entre o 12,5 e o 14,5%, coa "ameaza de despedimento de 60 traballadores". Outras fontes da empresa negan as acusacións dos traballadores e xustifican a redución do cadro de persoal.

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 10/12/2018

2019 podería ser un ano de conflitividade laboral no xornal coruñés La Voz de Galicia se a dirección da empresa non muda as súas propostas para os traballadores e o seu xeito de aplicar o novo modelo de negocio que pretende. O comité intercentros considera "inaceptable" o posicionamento da plataforma negociadora da empresa, que "reclama un maior esforzo salarial por parte do persoal" e ameaza con máis despedimentos.

A plataforma pretende "unha garantía de emprego só para o 80% do persoal ao 31 de decembro, é dicir, descontadas as baixas incentivadas". A dirección tamén propón unha "minoración salarial entre o 12,5% (para ao redor de 40 traballadores) e o 14,5% (para o resto) en función do nivel de ingresos" e unha "recuperación relacionada co 50% dos beneficios da empresa, sen límite de recuperación".

A estas medidas súmase unha "ampliación do segundo día de libranza a todo o ano a cambio de modificar as libranzas dos festivos: fin dos 19 días e aplicación de 1,5 días libres por festivo efectivamente traballado", sinalan fontes internas.

O comité intercentros considera "inaceptable esta plataforma, que reclama un maior esforzo salarial por parte do persoal, coa ameaza de despedimento de 60 traballadores ao longo da vixencia do acordo (un ano, 2019)". "A última vez que se asinou un acordo deste tipo, a empresa executou todos os despedimentos aos que estaba facultada", lembran fontes de La Voz.

Os traballadores consideran a proposta da empresa "máis sorprendente" porque "está a pedir ao persoal un esforzo suplementario para que se adecúe a novos horarios que, en moitos casos, supoñerán cambios relevantes na actividade diaria dos traballadores". "A cambio", denuncian, "ofrece despedimentos e aumentar o recorte salarial".

O comité espera reconducir a negociación coa empresa e lembra ao persoal o seu dereito a manter as súas condicións de traballo actuais. Os representantes dos traballadores din estar "seguros do compromiso de todo o persoal para facer o esforzo necesario para impulsar o novo proxecto" e "confía en que a empresa reflexione tamén sobre o valor dese compromiso".

NOVO MODELO DE NEGOCIO

Fontes internas de La Voz explicaron a Galicia Confidencial que a empresa iniciará unha nova etapa en 2019, mudando o seu modelo de negocio "ante a constante baixada da publicidade (tanto no papel como na web) e a caída da venda nos quioscos".

O consello de administración de La Voz de Galicia aprobou activar o muro de pago en marzo de 2019. Isto, segundo as fontes consultadas, "implicará unha reorganización profunda de todos os departamentos e redaccións para aforrar custos" e "unha dirección única para a edición dixital e a de papel".

Segundo estas fontes, o director xeral da Corporación Voz, Lois Blanco, pediu axuda á redacción nunha reunión retransmitida a todas as delegacións para que a xente achegue ideas ante o muro de pagamento.

"No persoal hai absoluta perplexidade pola falta de planificación ante un asunto tan importante que o resto de grandes medios levan anos preparando", lamentan algúns traballadores, que "non entenden que a cúpula do diario, cos altos soldos que cobra, lles pida agora que pensen por eles e lles saquen as castañas do lume", engaden, "fartos duns directivos sen ideas e sen dirección".

"NON HOUBO NIN RECORTES NIN DESPEDIMENTOS"

Outras fontes da empresa consultadas aseguran que "a plataforma de negociación da empresa non é a mesma que a de hai cinco anos" e que "a paz social é total" na Corporación Voz. As mesmas fontes negan recortes salariais nestes anos e manteñen que o que houbo foi "minoracións saliariais". "De feito, ao final de ano fixéronse devolucións desas minoracións en función de beneficios", defenden.

Tamén manteñen que "non houbo despedimentos" na empresa nos últimos anos, senón “baixas incentivadas”. “Pactouse un 100% do mantemento do emprego no último convenio e no actual proponse manter un 80%. Pero é que é arriscado manter o 100% do emprego. Iso non é normal en convenios de empresa", argúen para defender a súa posición.

Ademais, din que "a plataforma de negociación é inicial" e insisten en que "é mentira que non houbese paz social". "Houbo moita paz social nos últimos tempos e coa negociación deste novo convenio acabará acontecendo o mesmo", predín.

Sobre a reorganización da redacción, aseguran que "o comité a recibiu de xeito entusiasmado" e que "non houbo improvisación", como denuncian os traballadores, porque "esta medida se iniciou o 7 de xaneiro e informouse dela hai dúas semanas e media". “É absurdo dicir o contrario", manteñen desde a cúpula da Voz.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

9 comentarios
  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 9

    luis ferrolán do psco

    Nos vestiarios do periódico di-se que o camiseiro Ortega e os irmaus Jove albaneles e linces das finanzas son copropietarios de La Voz .Tambén se diz que o que programou. a atual derrota da linea e da economía do xornal foi o supereconomista Castellanos ,Santiago Rey según os empregados quedóu relegado a un papel tan so de imaxe , Sen a menor relevancia no diario.


    8

    EsteMesmo

    É engraçado que com a cheia de milhões que chucham do povo galego através de "ajudas" da Junta, para que, entre outras coisas, utilizem o galego no jornal, acabem por ter problemas económicos. É patético até níveis extremos. Sinto-lho pelos trabalhadores do jornal, mas prensa que mente, manipula e rouba, não é boa prensa para ninguém.


    7

    PagayCalla

    Ah! Y lo de pedir ideas a los redactores para hacer el "muro de pago" ya es el triple combo del descaro. Lo de pagar por leer en internet ya lo intentaron ¿cuatro veces? antes. Salió mal, claro. Y ahora directivos que cobran un pastón piden ayuda a la misma gente a la que quieren recortar hasta un 14% del sueldo. Pues aquí va una: qué tal publicar reportajes currados (esto es, pagar a un equipo de tres o cuatro peridistas para que sigan un tema durante MESES, sin hacer otra cosa) o qué tal no encamarse con NINGÚn partido ni personalidad política. Yo pagaría por contenidos así. No pago por leer masajes a Feijóo ni por vajillas cutres.


    6

    chas

    que desapareza xa o panfleto pepeiro corrupto subvencionado e antigalego. Sería o mellor ben que lle podería pasar a GALICIA.


    5

    Ines

    Anda que... Menudos impresentables


  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • Sede de La Voz de Galicia en Sabón, A Coruña / lourdesvirtual.com

    Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.