Persisten os desbordamentos na balsa mineira de Bama (Touro) pese ás continuas denuncias veciñais

A Plataforma Mina Touro - O Pino Non deu a coñecer en varias ocasións estas circunstancias ao longo do último ano. Ademais, tamén se lle impuxeran dúas multas á empresa concesionaria Explotaciones Gallegas SL. Con todo, esta poza segue vertendo cara un afluente do río Ulla.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 16/12/2018

Os problemas da balsa mineira de Bama non cesan. Cada vez que chove abundantemente, a poza segue desbordándose e vertendo cara o río Brandelos, un afluente do Ulla. Esta situación reitérase malia as continuas denuncias presentadas pola Plataforma Veciñal Mina Touro - O Pino Non durante este ano. De pouco serviron tamén o par de denuncias interpostas por Augas de Galicia á concesionaria Explotaciones Gallegas. A asociación cidadá esixe que se revertan estas circunstancias dunha vez por todas.

Ao parecer, as multas á empresa por valor de 30.000 e 20.000 €, respectivamente, non foron suficientes para poñerlle fin a esta problemática de contaminación ambiental. Estas dúas sancións coñecéronse no mes de setembro, aínda que afectaban aos desbordamentos producidos en febreiro deste ano. A asociación Aldea Viva fixo pública a segunda destas multas, que castigaba "a alteración da calidade das augas por concentración de contaminantes superiores aos límites autorizables". 

"Nin a empresa nin a Administración tomaron ningún tipo de medida que evite ou minimice novas verteduras de lixiviados contaminantes desde a antiga mina de Touro", expoñen dende a Plataforma. Critican que, no entanto, TEN SL, a empresa encargada da suposta rexeneración dos terreos mineiros, non deixe de gañar premios en certames "nos que participan como membros do xurado, curiosamente, organismos da Xunta". 

Este conflito vén a confirmar, din dende a plataforma Mina Non, que a Xunta non pode dar luz verde en ningún caso ao novo proxecto mineiro de cobre a ceo aberto, xa que iso "só viría a rematar de contaminar os nosos ríos e terras".

UNHA PROBLEMÁTICA QUE CHEGOU A MANS DA VALEDORA

O descoido ambiental desta zona foi reflectido nun informe da Valedora do Pobo, en resposta á Plataforma no pasado mes de xuño. Nese documento expoñíase a constatación por parte de Augas de Galicia da existencia dun vertido "constante e continuo".

Ademais, sinalábase que non hai "ningunha sinalización da balsa mineira, nin da súa existencia, nin da súa profundidade, composición ou risco, nin medidas de seguridade que impidan o acceso a ela". A única xustificación que alegaba a empresa propietaria dos terreos ao respecto era "que se trataba do sistema máis económico, non o máis eficaz nin eficiente". 

Por todo iso, instouse a Explotaciones Gallegas a remediar o problema, mais semella que aínda non o fixo á vista dos últimos acontecementos que denuncia a Plataforma. Aseguran que seguirán en pé de loita, dispostos a denunciar estes feitos "as veces que sexa necesario", ata que haxa unha solución.

 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Balsa mineira de Bama/Aldea Viva

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.