Alertan da chegada a augas de Galicia dun molusco asiático invasor e depredador de ostras

O Grupo de Estudo do Medio Mariño constata por primeira vez na costa galega e española a presenza de Ocinebrellus inornatus, especie propia do Mar de Xapón, e pide medidas ás autoridades para frear a chegada de especies exóticas e invasoras.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 24/06/2019

Grupo de Estudo do Medio Mariño en Galicia (GEMM) identificou na ría de Arousa unha especie de gasterópodo mariño predador de bivalvos que non estaba citada en augas de Galicia e da costa española até agora.

Trátase do Ocinebrellus inornatus (coñecido como caracol da ostra xaponesa), un gasterópodo carnívoro orixinario do Pacífico norte que xa fora introducido en Europa, en 1995, a través da cría de ostra en Francia. A especie foi identificada grazas ás mostraxes que habitualmente son levadas a cabo por membros do GEMM para o seguimento das especies exóticas e invasoras que habitan na costa galega.

O achado desta especie en Arousa suma unha nova ameaza á xa longa lista de especies exóticas e invasoras que na súa maior parte son voraces predadores de bivalvos de interese comercial”, alertan desde o GEMM. De feito, sábese que o Ocinebrellus inornatus é unha especie depredadora de ostras.

Os científicos deste grupo recordan que “Galicia, como potencia internacional na produción de moluscos bivalvos, non pode permitirse deixar pasar máis especies que ameacen constantemente os bancos e explotacións marisqueiras, polo que as autoridades locais, autonómicas, nacionais e europeas deberían poñer medios para cortar esta preocupante entrada de especies perigosas para a fauna mariña autóctona”.

O Ocinebrellus Inornatus é orixinario do Mar do Xapón e foi introducido accidentalmente na costa do Pacífico americano desde a década de 1920. Os primeiros exemplares de Ocinebrellus inornatus en Europa atopáronse na década de 1990 na Bretaña francesa e de aí foi estendéndose por diferentes países. Pero até agora, segundo o GEMM, a costa española, e a galega en particular, estaba libre desta especie exótica.

AMEAZA PARA AS OSTRAS

Trátase dun depredador de xuvenís de ostras, polo que podería ter un impacto moi negativo para esta especie en Galicia, pero tamén para o mexillón e outros bivalvos, xa que estudos científicos certificaron que, aínda que, en menor medida, tamén son presas deste invasor.

En Portugal foi detectada por primeira vez a súa presenza na zona de Sagres (extremo sur do país), en 1999, vinculada ao cultivo da ostra. Desde entón constatouse un elevado potencial de expansión deste molusco, rexistrado como especie instalada no país veciño, onde se comprobou que ten impactos negativos na biodiversidade e socioeconómicos. En Francia tamén se observaron graves danos no cultivo de ostras causados pola expansión desta especie exótica.

No informe ‘Hacia un sector europeo de la acuicultura sostenible y competitivo: situación actual y futuros desafíos’ (2017), da Comisión de Pesca do Parlamento Europeo, ínstase á Comisión e os Estados menbros da Unión Europea a que “presten o seu apoio na loita contra o depredador de ostras Ocenebra inornata”.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Ocinebrellus inornatus / GEMM.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.