Os salarios do lume en Galicia: o que cobran os profesionais e o que cobran os militares

Os pagamentos aos profesionais da vixilancia, prevención e extinción do lume, varían moito en función da categoría profesional e os pluses que se lles sumen. Tamén existen outros gastos, como os efectivos militares e os equipamentos de vixilancia, que levan unha importante partida do orzamento para a loita contra o lume.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/06/2019

A maioría da sociedade descoñecemos cales son os axentes que interveñen na extinción do lume. Mesmo a maioría tamén confundimos terminoloxía, pois extinción implica apagar o lume, mobilizar medios humanos e materiais para sufocar o incendio. Mais as diferenzas non están só en concepción de políticas contraincendios.

Existe tamén unha política orzamentaria arredor da extinción do lume que, cando menos, estaría evidenciando uns gastos cuxo retorno non implicaría precisamente apagar lume. É dicir, algunhas partidas de Medio Rural estarían pagando servizos que primeiro eliminara das súas categorías laborais e agora paga a terceiros para eses mesmos servizos.


VIXILANCIA E DISUASIÓN

Galicia Confidencial falara xa das patrullas militares que percorren os montes galegos durante a época de maior risco de incendio. As funcións son basicamente vixilancia e disuasión. “Houbo un tempo en que dispoñiamos de vixiantes móbiles na Coruña, antes denominados peóns condutores e agora son bombeiros condutores” din desde a Asociación Profesional de Bombeiros Forestais de Galicia (Apropiga).

As brigadas de vixilancia móbil desapareceran co tempo, “Por que? En alto risco de incendio, segundo convenio, se van realizar preferentemente labores de vixilancia e extinción. Nós no verán facemos vixilancia, no verán sintúannos ás brigadas en puntos altos”. Quen si facía labores de prevención eran as brigadas de Seaga. O motivo, “recibían fondos da Unión Europea, mais había protestas porque en período de alto risco, en agosto, ordenaban desbrozar e esa carga de traballo nese tempo non hai quen o soporte”.

Por outra parte, os puntos de vixilancia tamén poden ser fixos, con cabanas onde estean os ou as vixilantes. Mais a día de hoxe, un bo número destas casetas están pechadas ou abren só puntualmente ou nunha soa quenda. “Hai casos de cabanas de vixilancia  pechadas mesmo en período de alto risco ou durante todo o ano”.

Entón que fai o Exército? “Realmente non son efectivos, primeiramente envíanos a zonas que non precisamente coinciden coas zonas de alto risco de incendios, nin con parroquias de alta actividade incendiaria” din desde Apropiga. “En 2016 houbo zonas de alto risco onde non se viu ningunha patrulla militar”.

As tarefas destas patrullas militares consiste en “realmente chamar o 085, como faría calquera persoa que quere avisar dun lume”. O caso é que os soldados integrantes destas patrullas tampouco teñen coñecementos específicos para tarefas de prevención contraincendios. “Mais esa vixilancia, fixa ou móbil, tamén a facemos as brigadas”. Así, a súa eficacia destas patrullas está por ver, “pois en zonas onde estaban despregados non deixou de haber lumes”.  “O que si está demostrada é a efectividade dun vixilante nunha caseta” sinalan as fontes de Apropiga.

GASTOS OPACOS E SALARIOS VARIABLES

O custe de máis de medio millón de euros que custan as patrullas, segundo Apropiga podería “ser destinado á mellora dos servizos e dos equipos”. Ademais disto, está o sistema de vixilancia mediante cámaras “onde gastaron unha suma importante de diñeiro e a eficacia está por ver, porque de cantos lumes avisaron?”. Os datos sobre superficie queimada en incendios forestais dispoñibles na web da Consellería de Medio Rural son ata 2017.

En tal caso, os datos sobre cal é o método máis eficaz para o aviso de incendios non están dispoñíbles. “Os datos quen os ten é a Consellería de Medio Rural, porque fan estatísticas e comparativas entre como actúan vixilantes e cámaras” din Apropiga.

A outra cuestión son os salarios. “É moi variable, en principio tes que ter en conta que dentro do dispositivo están os da Xunta, os de Seaga, que agora pasarán á Xunta, están os de Natutenia, os de Tragsa e as brigadas municipais”. Os salarios son dispares. “Nos concellos, por exemplo, en cada un cobran un salario diferente, hai brigadistas municipais que cobran 1.000 euros brutos, incluídas vacacións e horas extras”, sinalan desde Apropiga.

“Dentro da Xunta un salario base estaría en 900 euros e pico, mais logo entran os complementos. Logo hai que ter en conta a antigüidade, ou trienios. O salario neto tamén é que varía moito” todo dependendo dos diferentes pluses e complementos. “Un bombeiro forestal condutor pode que ande polos 1.100 netos sumando complementos”. Hai profesionais, como apunta Apropiga, que poden ter 1.300 por sumárenlle ao salario a antigüidade.

O soldo base dos bombeiros forestais da Xunta está relacionado coa súa categoría. Despois entrarían pluses como toxicidade, penosidade ou especial responsabilidade. Ademais, están as horas nocturas que se pagan á parte. “Aí xa é unha verdadeira confusión, depende das que fagas, e tampouco é o mesmo o que fan nun distrito que noutro, porque varía moito”. Isto en parte é así porque o número de semanas en que o traballador ou traballadora ten quendas de noite varía durante o ano. Ademais, existen diferentes tipos de quendas e horarios dependendo do distrito ou da categoría profesional.

PROCESO DE FUNCIONARIZACIÓN

O traballadores e traballadoras do servizo contraincendios da Xunta (non confundir con Seaga), están envoltos nun proceso de funcionarización. Este proceso afecta a quen é xa fixo de cadro de persoal. Mais como o proceso é voluntario, non se sabe aínda que pasará cos que non queiran entrar no proceso de funcionarización. O persoal interino funcionaríanse todos, mediante O.P.E.

A categoría en que desenvolvían o seu traballo era a de persoal laboral, grupos laborais III, IV e V. Logo, dentro da Consellería de Medio Rural están os axentes forestais que son funcionarios.  Os trababalladores e traballadoras de Seaga están tamén inmersos nun proceso de entrada para formaren parte do Servizo da Xunta. O que é unha interrogante é se o goberno galego seguirá recibindo fondos da UE para estes traballadores ou non.

En conclusión, non hai coñecemento de se as cámaras de vixilancia son efectivas para o control do lume e actividade incendiaria. O custo das patrullas militares segundo os profesionais da Xunta, podería axudar a mellorar equipamentos. E logo está o proceso de funcionarización que está presentando complicacións para quen quere ser persoal funcionario.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Bombeiros f

Táboa salarial persoal laboral Xunta /Apropiga, DOG

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.