Inmigración e mobilidade laboral axudan aos traballadores menos cualificados

Nas últimas semáns vimos asistindo con horror a máis grande onda de refuxiados experimentada por Europa nos últimos decenios. Proliferan os posicionamentos inducidos polo medo a que os inmigrantes ocupen os postos de traballo dos nativos, impoñan importantes custes aos contribuintes ou simplemente a convivencia se deteriore. Nun recente referéndum, a poboación suiza ven de rexeitar o libre movemento de traballadores da UE, tamén recentemente o primeiro ministro británico reclamou o incremento das restriccións a mobilidade laboral dentro da UE. A propia UE tivo unha actitude titubeante ao comezo da chegada dos refuxiados. Tras a conmoción xerada polas brutáis imaxes dos refuxiados mortos a UE aborda a creación dun sistema de reparto entre estados dos demandantes de asilo.

Por Francisco Xavier Lores | Compostela | 15/09/2015

Non sei se esta decisión está inspirada na experiencia dinamarquesa mais o certo é que Dinamarca xa ten ensaiado esta política. Nun estudo de próxima publicación en American Economic Journal: Applied Economics dous economistas estudan algunhas das consecuencias dunha política semellante a que se está a discutir na UE e que considero de moito interese xustamente neste intre no que é moi probabel que se implante unha política de dispersión controlada de refuxiados. O traballo completo pode consultarse aquí .
 
 
Entre 1986 e 1998 os refuxiados que chegaron a Dinamarca foron distribuidos entre os equivalentes aos nosos concellos seguindo a chamada «Spatial Dispersal Policy». Esta política implicaba que un organismo administrativo distribuía aos refuxiados entre os concellos baseandose exclusivamente na información sobre a nacionalidade e o tamaño familiar. É decir, os refuxiados foron dispersados polo país sen ter en conta as características económicas e as preferencias dos refuxiados. O organismo carecía de información sobre a educación, habilidades profesionais ou coñecemento do idioma. O obxectivo desta política era dobre; por unha banda distribuir uniformente aos refuxiados polo país axudándolles a atopar vivenda, proporcionábaselles vivenda gratuita por un ano e se lles axudaba a atopar unha vivenda definitiva. O 90% dos refuxiados acolléronse a esta política e ficaron nos concellos asignados unha media de 18 meses, ainda que non eran obrigados a aceptar esta oferta. Por outra banda, a política pretendía crear agrupacións étnicas de refuxiados, coa idea de que estas agrupacións facilitan a colaboración entre os refuxiados. Porén, a localización destas agrupacións foi accidental dependendo do momento en que se producían as chegadas dos continxentes e a disponibilidade de aloxamento nese intre. A administración local non tiña moita participación na toma de decisións, o organismo que xestionaba esta política comunicáballe aos concellos a cantidade de refuxiados que tiña que aceptar unha vez arranxaban o aloxamento. Polo tanto estas agrupacións étnicas non tiñan ningunha relación coa situación do mercado de traballo nos concellos de destino nen tampouco coas características económicas dos inmigrantes, en palabras algo máis técnicas: as agrupacións étnicas e as condicións do mercado de traballo estaban incorreladas, igual que coas características económicas dos inmigrantes.
 
Xusto a mediados dos anos noventa, en 1995, Dinamarca comezou a experimentar un incremento importante na chegada de inmigrantes debido aos conflitos bélicos de Yugoslavia, Somalia, Afganistán e o Iraque. A política «Spatial Dispersal Policy» foi progresivamente eliminándose até desaparecer completamente en 1998. Despois de 1998 a localización no país dos novos emigrantes foi guiada pola inclinación a ubicarse perto das comunidades nacionais creadas durante os anos de vixencia da mencionada política. Esta conbinación de eventos supón un incremento da oferta de inmigrantes non esperada e completamente aleatoria que se distribuíu entre concellos que experimentaran a creación dirixida de agrupamentos étnicos durante os anos previos, de novo en palabras máis técnicas un shock estocástico na oferta de inmigrantes que se distribuíu entre as comunidades previamente creadas. Unha rara situación para os economistas xa que non soe ser frecuente atopar episodios que representan auténticos experimentos sociais. 
 
O importante é que este experimento social permítelle aos autores identificar causalidades claras para responder a pregunta crucial nestes debates sobre crises migratorias: Desplazan os inmigrantes de baixa cualificación aos nativos de semellante cualificación dos seus traballos e reducen os seus salarios? Existe unha abundante literatura económica que trata de respostar a esta cuestión, mais se enfrenta a importantes limitacións para determinar efectos causáis dos inmigrantes sobre os nativos por duas razón. Primeiro porque os inmigrantes soen dirixirse a rexións onde a demanda de traballo é maior provocando efectos no mercado de traballo desas rexións e non afectando a outras rexións. Isto dificulta identificar causalidades claras xa que nas rexións con maior demanda de traballo os salarios e as oportunidades de emprego xa eran diferentes antes da chegada dos inmigrantes. Segundo, porque os efectos da inmigración no emprego dos nativos e os seus salarios poden precisar de tempo para realizarse por iso son precisos datos individuáis que se extendan nun longo periodo de tempo. O experimento provocado pola «Spatial Dispersal Policy» permítelle aos autores superar estas dificultades.
 
Así, os autores presentan evidencia de que despois de 1998 e até o 2008, último ano do estudo, a localización no país dos novos emigrantes foi guiada pola inclinación a ubicarse perto das comunidades nacionais creadas durante os anos de vixencia da mencionada política, e non polos diferenciáis en demanda de traballo entre unhas localizacións e outras. Tamén mostran que os inmigrantes chegados despóis de 1998 foron persoas con baixa cualificación educativa, pouco dominio do idioma nativo e que se empregaron en traballos de contido manual e baixa complexidade. 
 
Se un considera os traballadores non cualificados nativos e inmigrantes como sustitutivos, un incremento na oferta de man de obra inmigrante non cualificada empeorá o emprego e o salarios dos nativos con esas mesmas características. Porén, o que os autores atopan non é iso. Os principáis achadegos son os seguintes:
 
O incremento dos inmigrantes empuxou aos traballadores nativos a cambiar de ocupación. Este cambio foi hacia ocupacións non manuais máis complexas. Este efecto foi maior naqueles nativos que mudaron de empresa, é decir aqueles nativos que foron desplazados polos inmigrantes do seu posto de traballo.
 
Os nativos menos educados experimentaron un efecto nulo ou positivo tanto sobre o seu salario como sobre o seu emprego, e estes efectos permanecen no longo prazo.
 
Estes dous achádegos suxiren que os nativos e os inmigrantes sen cualificación son sustitutos imperfectos e realizan tarefas diferentes. O mecanismo que permite esos efectos positivos sobre o emprego e os salarios dos nativos non cualificados é a mobilidade hacia empregos complementarios cos dos inmigrantes e a especialización en ocupacións máis complexas. Ademáis, como os nativos altamente cualificados e os inmigrantes de baixa cualificación son moito máis complementarios ainda, tamén pode haber un efecto positivo sobre o salario dos nativos con alta cualificados.
 
O estudo pon de manifesto a importancia de que o mercado de traballo facilite e mesmo favoreza a mobilidade ocupacional, este é o mecanismo clave que permite efectos positivos da inmigración sobre os nativos. Un mercado de traballo máis flexibel na mobilidade ocupacional fai que se esvaezan os medos sobre os inmigrantes. Ao mesmo tempo, estos achádegos permiten anticipar que os efectos que o sistema de reparto de refuxiados establecido pola UE terá sobre os nativos dos países vai depender do grao de flexibilidade dos seus respectivos mercados de traballo. 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.