“A transformación de Galicia-Norte de Portugal nunha comunidade transnacional é cada vez máis clara”

Xaquín S. Rodríguez Campos, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, analiza o proceso de construción e o potencial dunha nova "nación cosmopolita" galego-portuguesa que supere o "absolutismo das soberanías nacionais".

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 14/09/2017

Construír e afianzar unha nación cosmopolita galego-portuguesa de 6,4 millóns de cidadáns nun novo contexto transnacional que supere o absolutismo das soberanías nacionais. Ese é o reto que teñen por diante Galicia e o Norte de Portugal, que atoparon na constitución da Eurorrexión un mecanismo para desenvolver e consolidar esta aspiración. Estas son as premisas que plantexa o profesor Xaquín S. Rodríguez Campos, da Universidade de Santiago de Compostela (USC), nun artigo titulado 'Transnationalism between Galicia and Northern Portugal: An Emerging Cosmopolitism', publicado na revista científica Sociology Mind.

Rodríguez Campos propón, nun contexto de supresión das fronteiras na Unión Europea post-nacional, a consolidación de comunidades transnacionais próximas ás fronteiras dos Estados, entre as que a galego-portuguesa se presenta como un caso singular, pois "o proceso de transnacionalismo galego-portugués ten raíces étnicas, especialmente en Galicia, o que nos permite comprender os procesos económicos e políticos actuais" relacionados coa Eurorrexión.

"As relacións recentes entre as sociedades de Galicia e do norte de Portugal constitúen un bo exemplo de como os espazos sociais que pertencen ás vellas fronteiras europeas estanse a reconfigurar, agora que as fronteiras entre os estados da Unión Europea son máis leves", argúe o profesor da USC.

A partir destas ideas, propón unha reflexión antropolóxica para interpretar estas realidades sociais e políticas ligadas: por unha banda, observando como xorden os feitos que favorecen as transnacionalidades de cidadanía e institucións en ambos os países, por outro, analizando o proceso de afirmación da realidade galega no Estado español neste contexto. Así, recoñece dous procesos diferentes: transnacionalismo e etnicidade, que no caso galego-portugués son, para Rodríguez Campos, complementarios.

"As iniciativas institucionais e culturais e os seus efectos sobre o fluxo transnacional galego-portugués deben entenderse como un proceso de constitución dunha cidadanía común"

Para o profesor da USC, "a transformación das rexións de Galicia e do norte de Portugal nunha comunidade transnacional é cada vez máis clara a partir dunha variedade de actividades organizadas en diferentes lugares dos dous países". Así, pon como exemplos: a cooperación de universidades galegas e portuguesas, congresos, celebracións familiares e profesionais a ambos os lados da fronteira, festas e festivais gastronómicos e ecolóxicos populares, eventos musicais, a aparición de asociacións cidadás para a cooperación mutua e as orixes de novas institucións comúns... Manifestacións ás que se suman outros fenómenos e iniciativas integradoras como a ruta de peregrinación Portugal-Santiago de Compostela (o Camiño Portugués), a constitución da Eurorrexión e do Eixo Atlánticco como vertebrador da mesma, a emerxencia de novas entidades como a eurocidade Verín-Chaves, a Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés ou a candidatura da tradición oral galego-portuguesa a Patrimonio Inmaterial da Humanidade, entre outras moitas afirmacións desa nova nación cosmopolita que sinala Rodríguez Campos.

"As iniciativas institucionais e culturais e os seus efectos sobre o fluxo transnacional galego-portugués deben entenderse como un proceso de constitución dunha cidadanía común", aporta o profesor, quen apunta que "os límites administrativos entre Galicia e Portugal, que substitúen as antigas fronteiras, tamén se relaxaron para favorecer o transnacionalismo". Nese camiño cara á transnacionalización, facilitouse, por exemplo, que "hoxe en día é posible obter a dobre nacionalidade para os cidadáns dos Estados español e portugués", condición que é máis doada de obter que, por exemplo a dobre nacionalidade española e francesa, por poñer por caso.

FLUXO DE POBOACIÓN E DE MERCADORÍAS

O fluxo de cidadáns dun lado e doutro da liña denota a consolidación dun espazo común, compartido. Por exemplo, e como se aporta neste estudo, en 2012 ao redor de 22.797 cidadáns portugueses residían en Galicia. "Os inmigrantes portugueses son agora a maior nacionalidade estranxeira presente en Galicia", o cal "está a contribuír a un proceso de mestizaxe transnacional", salienta o experto da USC.

O certo é que, como sinala o profesor, "a transferencia transnacional de poboacións de Portugal a Galicia foi maior que a calquera outra Comunidade Autónoma española". En 2012, o 22,3% de todos os portugueses en España residían en Galicia, a maior porcentaxe en todo o Estado español. 

Esta comunidade transnacional galego-portuguesa é, para Rodríguez Campos, un bo exemplo de "comunidade de cidadáns que queren afirmar as súas solidariedades sociais e políticas sobre as súas denominacións étnicas e nacionais", ou dito doutro xeito, "un movemento que opera máis aló dos confíns dunha nación-estado, mobilizando etnias nacionais". Con todo, o profesor da USC pregúntase se sería posible crear instrumentos efectivos de solidariedade máis aló da organización dos Estados portugués e español. 

Ao fluxo de persoas hai que sumar o de mercadorías. Por exemplo, xa no ano 2004 o 23,2% das exportacións do Norte de Portugal a España foron destinadas a Galicia, e en 2005 o noso país importou o 57% do leite de Portugal exportado a España, "o que demostra a alta preferencia polos produtos portugueses no mercado galego", sinala Rodríguez Campos. Tamén en 2004, o valor de mercado enteiro entre Galicia e o Norte de Portugal foi similar ao que mantiveron os portugueses con Italia, Gran Bretaña ou os Países Baixos.

"Non hai dúbida sobre o aumento do tamaño do mercado entre Galicia e o Norte de Portugal tras a desaparición das fronteiras"

Os sectores de exportación máis importantes de Galicia ao Norte de Portugal foron a agricultura, a pesca e a alimentación, seguidos polo sector téxtil. Galicia exportou o 33,9% da súa produción de alimentos ao país veciño en 2011, o 35% da súa produción pesqueira en 2001, o 71% da súa produción de carne en 2005 e o 22% da súa produción téxtil en 2010. E Portugal foi o principal provedor de Galicia, co 57% da súa importación, segundo os datos expostos neste estudo.

Esta transnacionalidade no comercio "non é tan prominente para outras fronteiras hispano-portuguesas, como Andalucía, Estremadura ou Castela", compara Rodríguez Campos, quen aporta máis datos que demostran a súa tese: o 50,3% do tráfico viario entre España e Portugal a partir de 2004 pasa pola fronteira galego-portuguesa e o 87,8% deste tráfico componse de turistas e o resto, de traballadores; ademais, aproximadamente un millón destes viaxeiros fixeron pernoitas de máis dun e menos de dous días en Portugal, e fixeron máis de dous e menos de tres días en Galicia; a intensidade deste tráfico é maior desde o Norte de Portugal a Galicia que viceversa.

Para o profesor da USC "non hai dúbida sobre o aumento do tamaño do mercado entre Galicia e o Norte de Portugal tras a desaparición das fronteiras". 

LINGUA E IDENTIDADE

O profesor tamén se pregunta se se pode observar unha converxencia política similar noutras fronteiras españolas-portuguesas, como as de Castela, Estremadura ou Andalucía. A súa resposta é contundente: "Absolutamente non". E volve preguntar: "Por que non funcionou ata agora a macrorrexión oficial que tamén incluía Castela e León e Asturias?" A explicación, para el, sería que "entre Galicia e o Norte de Portugal xa existía unha comunidade esencial debido ás afinidades lingüísticas e culturais que historicamente se afirmaban. Aínda que as afinidades culturais non desenvolven por si mesmas desexos políticos, son necesarias para expresarse. As afinidades culturais non son suficientes para formar desexos políticos: é necesario que haxa outras mediacións culturais".

Aí sitúanse, entre outros elementos integradores, as afinidades lingüísticas, xa que "son tamén moi importantes, porque promoveron raíces culturais na comunidade étnica". "Cada día, os códigos lingüísticos da lingua galega son cada vez máis parecidos aos do portugués. Os portugueses do norte son definidos como 'galegos' polos sureños debido ao maior número de afinidades lingüísticas coa lingua galega que teñen", expón Rodríguez Campos.

"O nacionalismo galego evolucionou desde a idea da independencia ata o concepto de participación nun federalismo cosmopolita"

Nese proceso de integración tamén xogaron un papel fundamental "as vellas reivindicacións de intelectuais e artistas galegos e portugueses que, no século XIX, trataron de expresar a necesidade de formar unha comunidade transnacional a través das afinidades étnicas entre ambos os pobos", e cuxo legado tomou o movemento nacionalista galego

Esta narrativa portuguesa e galega a prol da integración "compuxo unha memoria cultural dunha etnicidade común en ambos os países, que serviu para iluminar a moitas persoas sobre a existencia desta etnia común nos comezos da democracia, onde os discursos sobre a etnicidade proliferan tanto en Galicia e Portugal", subliña Rodríguez Campos.

Nese proceso de desenvolvemento dunha conciencia colectiva común, "o movemento nacionalista galego evolucionou desde a idea de alcanzar a independencia -nos anos 70 e 80 do século XX- ata o concepto de participación nun federalismo cosmopolita, baixo o recoñecemento de Galicia como transnacionalidade emerxente que inclúe o Norte de Portugal nun Proxecto estatal federal ibérico, como Castelao propuxo ao comezo deste movemento", explica o profesor.

"Estamos a chegar ao final do absolutismo das soberanías nacionais, polo menos no mundo avanzado"

NOVOS DEREITOS PARA NOVOS CIDADÁNS

Este proceso de transnacionalismo galego-portugués debullado por Rodríguez Campos creou e seguirá creando "novas formas de comunidades étnicas que demandan actividades e dereitos culturais nos seus propios Estados". Por exemplo, apunta, "os dereitos a unha memoria e patrimonio común que esixe dereitos culturais comúns para ser recoñecidos como unha comunidade étnica, que esixe institucións globais e gobernanza".

Como suxire o profesor da USC, "estamos a chegar ao final do absolutismo das soberanías nacionais, polo menos no mundo avanzado", pola emerxencia de movementos transnacionais e de procesos étnicos afirmados dentro dos Estados que demandan "nacións máis cosmopolitas" e "novas esferas públicas, como a Eurorrexión entre Galicia e o Norte de Portugal".

Esta transición cara ás comunidades transnacionais e a constitución de nacións máis cosmopolitas, nas que se recoñecen os dereitos de ser cidadáns cosmopolitas, "podería ser ineludible e irreversible" e "constitúe novas oportunidades institucionais para as afirmacións étnicas e para o desenvolvemento das comunidades transnacionales".

"Os movementos étnicos non poden vivir ignorando a transnacionalidade dos seus cidadáns, nin o Estado pode vivir ignorando os seus movementos étnicos para a súa rexeneración cultural", conclúe Rodríguez Campos.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

16 comentarios
  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • 8

    Eicarballeira

    Non se referirá vostede, Pedro e sen embargo Bravo, ao Superfenómeno do Mao (non o chinés, claro...se non o arcoatlánticovividor).....


    7

    Fernando P.

    Outro chiringuito, digo non a eurorrexión. Cantidade non é calidade.


    6

    pasabaporaqui

    Magnifico analise, que constata una realidade que xa existe e presumo que cada dia tera mais forza, non en vano a Eurorexion suma 7 millons de habitantes co que iso supon, so hai na península duas áreas que sumen tantos habitantes nun territorio similar, que son Madrid e Barcelona, e a iso debemos aspirar a ter o pulo económico e político de esas duas zonas

    1 resposta
    1

    Por Fartaninistas: Xa... Pero non se enteran nin queren! Poderían ter un futuro para os seus fillos pero queren seguir escravos dos seus prexuízos e da propaganda... Quen nos dera un PNV e un pouco de confianza en nós mesmos... E ao norte de Portugal tamén lle viría moi ben unha alianza con nós, pero a maioría tampouco quere... Nin sequera recoñecen o galego coma unha lingua irmá. Foron moitos anos de crear propaganda para separarnos e foi moita a miseria dos nosos fillos a un lado e outro do Miño. E hora de darnos unha oportunidade. E hora de explicar con linguaxe clara a todos que o noso futuro pasa pola eurorrexión... En realidade o de Europa... Pero non queren oír, a ti estraño que pasas por aquí... Non queren! E xa vamos cansos de petar coma a velliña vella do conto de Risco. http://www.fundacionvicenterisco.co... Non hai pobreza máis grande que a de ser rico ou poder selo e non sabelo ou non o querer saber... Que triste a nosa terra!


    5

    pasabaporaqui

    Magnifico analise, que constata una realidade que xa existe e presumo que cada dia tera mais forza, non en vano a Eurorexion suma 7 millons de habitantes co que iso supon, so hai na península duas áreas que sumen tantos habitantes nun territorio similar, que son Madrid e Barcelona, e a iso debemos aspirar a ter o pulo económico e político de esas duas zonas


    4

    Pedro bravo

    Prefiro un aeroporto grande en Galicia, conectado a tódalas capitais importantes, e non unha eurorrexion pra enchufar os políticos sen empleo laboral coñecido.

    2 respostas
    1

    Por uncalquera: Un aeroporto grande en Galicia?, Hoxe o aeroporto do Porto move mais do dobro de pasaxeiros que os 3 da Galiza xuntos, por tanto é imposible que un gran aeroporto galego, poida ter tantas ofertas de voos

    2

    Por Luis3: oporto ten moitos pasaxeiros, pero non ten vós exoticos que Galicia non poida ter, moitos deles xa existen en Lavacolla.


  • Páxinas
  • 1
  • 2
  • Desembocadura do río Miño entre A Guarda e Caminha

    Fortaleza de San Lourenzo, en Goián (Tomiño). En Fronte, Vilanova da Cerveira, xa en Portugal.

    Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal / Xunta.

    Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.