Sobreseída a Operación Patos para os políticos, agás Louzán, que segue imputado

A xuíza ordena a apertura das pezas separadas solicitadas pola Fiscalía por suposta prevaricación, falsidade e outros delitos.

Por E.P. | Vigo | 14/09/2017

A titular do xulgado de instrución número 7 de Vigo accedeu ás pretensións do Ministerio Fiscal e ditou auto acordando o sobresemento da chamada Operación Patos con respecto a todos os políticos que estaban a ser investigados, con excepción do ex-presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán (PP), así como de varios empresarios e técnicos, para quen ordenou continuar o procedemento de instrución e abrir pezas separadas.

Segundo se recolle no auto, a xuíza decreta sobresemento parcial e provisional da causa con respecto a 23 dos investigados, entre eles o alcalde de Vigo, Abel Caballero; os concelleiros Isaura Abelairas, David Regades, Ángel Rivas e José Manuel Figueroa; varios funcionarios municipais de Vigo; a ex-delegada da Xunta, María José Bravo Bosch, e diversos empresarios, entre outros.

A maxistrada ordenou a apertura de pezas separadas con respecto ao resto de investigados. Son 13 persoas, entre as que está o ex-presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán; e o empresario Enrique Alonso Pais, suposto 'conseguidor' dunha trama para amañar concursos públicos; a eles súmanse empresarios, e técnicos da Deputación, do Porto e do Concello de Vigo.

Na súa resolución, a maxistrada comparte os argumentos esgrimidos pola Fiscalía no seu informe de xullo pasado, e constata que, tras unha "instrución ampla", houbo "numerosos casos" investigados dos que non se puideron corroborar os indicios de delito "por razóns diversas": ou ben porque as testemuñas dixeron non ter "constancia/memoria, real ou finxida", por declaracións "convincentes" doutras testemuñas, porque os documentos públicos desvirtuaron as sospeitas, ou pola falta doutros documentos e elementos obxectivos.

O ministerio público xa expuxo no seu día que, na maioría dos casos, non hai probas que corroboren que as adxudicacións de obras ou cursos, ou mesmo un suposto ascenso laboral dun funcionario, estean vinculados á capacidade de influencia da que presumía o xerente da construtora Eiriña, Enrique Alonso Pais.

COMPORTAMENTOS REPROCHABLES PERO NON CRIMINAIS

Con respecto ás obras do Concello de Vigo investigadas nesta causa, o Fiscal admite que, á marxe de posibles irregularidades administrativas, ou de comportamentos que poidan xerar certo reproche ético, non hai indicios suficientes de criminalidade.

Nesa liña, ve "sospeitosos" algúns comportamentos, como algunha conversación entre Alonso Pais e funcionarios municipais; ou o pago, por parte dunha concesionaria, dun concerto organizado polo Concello. E tamén se refire aos 'enchufes' do edil Ángel Rivas na empresa Cespa, unha conduta que "non é tipificable en sede penal", xa que non houbo beneficio para o cargo público.

Con respecto aos agasallos de Nadal que, supostamente, a empresa Eiriña entregaría a cargos políticos e funcionarios, entre eles o alcalde, Abel Caballero, e varios concelleiros, o Fiscal tampouco ve probada a existencia de delito.

INVESTIGADOS

Con respecto ás persoas que seguen investigadas, Enrique A.P. (xerente da construtora Eiriña), Jaime A.V., Rafael Louzán, Manuel G.J., Mauricio R.O., José Enrique E.P., Alberto T., Julio Manuel V.M., Agustín R.D., Álvaro C.C., José Manuel C.P., e Luís S.A., a xuíza ordenou a apertura de pezas separadas por diversos posibles delitos, en atención ao solicitado pola Fiscalía.

Segundo o Fiscal, este trece persoas poderían cometer os supostos delitos de prevaricación, falsidade documental, e alteración de prezos, entre outros, na adxudicación de varias obras.

Entre os expedientes con supostas irregularidades están obras realizadas pola Deputación no campo de fútbol de Moraña, nun centro da Comunidade de Montes de Coruxo, así como a presentación de orzamentos 'de acompañamento' noutro tres obras. O Fiscal tamén aprecia indicios de delito na adxudicación da ampliación do posto de control anexo ao escáner de colectores do Porto; e no pago, por parte do xerente de Eiriña, do servizo de prostitutas ao funcionario do Concello de Vigo, Álvaro C.C. (por suposto suborno impropio).

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

Galegus

Nunca se proba nada. Haberá próximo ascenso para a xuíza por esta estupenda decisión?


1

Gamela

a xuíza seguramente tampouco atopará delito algún neste asunto https://flic.kr/p/RboG8y e pagar 1,5 millóns ao ano (durante 60 anos) a unha empresa quebrada tampouco será delito... https://flic.kr/p/fkLLxj e así todos contentes a seguir transferindo cartos públicos a "mangantes privados" e a vivir que son dous días... !!!


Rafael Louzán nos xulgados de Vigo polos Patos.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.