A USC capta 13,11 millóns de euros para investigacións competitivas

As propostas de grupos e investigadores da USC captaron máis do 60% do investimento total da convocatoria.

Por GC Emprende | Compostela | 27/10/2017

Na convocatoria de axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas do Sistema Universitario Galego, a USC captou un total de 13,11 millóns de euros, máis do 60 por cento dos 21,71 millóns de euros que a administración autonómica reservou para o conxunto das universidades galegas. O obxecto desta convocatoria é “axudar a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica”.
 
A convocatoria establecía catro posibilidades de financiamento: para Grupos de Referencia Competitiva (GRC), Grupos con Potencial de Crecemento (GPC), Redes de Investigación (RI) e para Proxectos de Excelencia (PE). 
 
Segundo informa a USC, o maior volume de financiamento reservado para o conxunto das universidades galegas foi no capítulo de  grupos de referencia, 14,64 millóns de euros repartidos entre 52 axudas. As propostas de grupos da Universidade compostelá captaron máis da metade, 32 axudas, por un importante que representa o 62 por cento desta partida (9,08 millóns de euros). O financiamento supón achegas económicas de ata 400.000 euros para o período 2017-2020.
 
Como GRC, a convocatoria apoia aqueles grupos “caracterizados por bos índices de publicacións científicas; un nivel de captación de recursos elevado, aínda que variable segundo a área en que traballen; competitivos a nivel estatal e en moitos casos internacional; con capacidade para formar e atraer mozos e mozas investigadores e habituados á cooperación con outros grupos de investigación, con institucións ou con empresas”.
 
GPC
 
Na modalidade de grupos con potencial de crecemento, a convocatoria dirixiuse a equipos “que, sen alcanzar os niveis de desenvolvemento dos anteriores, teñen calidade investigadora, constatable con criterios estritos, e que están na senda que os leve a ser grupos de referencia”. A convocatoria concedeu ás universidades galegas 3,69 millóns de euros repartidos en 41 axudas, das que 23 foron para grupos da USC por valor de 2,07 millóns de euros. Estas axudas levan asociadas unha contía económica de 90.000 euros a repartir entre os anos 2017, 2018 e 2019.
 
Redes
 
As axudas a grupos de investigación para apoiar o desenvolvemento dun plan de actuacións en rede que permita conformar novas capacidades científicas e abordar con maior efectividades novos obxectivos en investigación son a terceira das modalidades contempladas na convocatoria. A resolución publicada outorgou 19 axudas de 120.000 euros para o período 2017-2019. Dez propostas realizadas dende grupos da USC acadaron financiamento por valor de 1,2 millóns de euros, algo máis da metade dos 2,28 millóns destinadas a esta partida. Estas axudas terán vixencia para o período 2017-2021.
 
Proxectos de excelencia
 
Os proxectos de excelencia son axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores/as individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada o en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Das 11 axudas outorgadas por valor de 1,10 millóns de euros, oito foron para investigadores da USC cun importe total de máis de 764.000 euros.
 
Avaliación
 
Para a avaliación das distintas propostas presentadas, definiuse un panel de avaliadores formado por expertos de fóra do Sistema galego de I+D+i, propostos e aprobados pola Comisión Galega de Informes, Avaliación, Certificación e Acreditación (CGIACA). Cubrían as diferentes ramas de coñecemento (Artes e Humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).  A valoración das solicitudes presentadas debía referirse á produción e calidade científica e á idoneidade da programación proposta, de acordo cos obxectivos de cada unha das modalidades da convocatoria.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Universidade de Santiago de Compostela / USC.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.