Os incendios aumentan a capacidade de invasión do eucalipto en Galicia

Estudos previos xa demostraran a capacidade do Eucalyptus globulus para colonizar plantacións autóctonas en Galicia non afectadas polo lume. Agora, unha nova achega científica demostra por vez primeira que os incendios poden aumentar este risco de invasión, especialmente en bosques nativos de carballo.

Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 11/01/2018

É xa unha evidencia científica: os incendios forestais que se producen en Galicia contribúen a aumentar a capacidade de invasión do Eucalyptus globulus, a especie de eucalipto máis estendida no país, que ameaza a subsistencia da vexetación autóctona. 

Científicos da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo e do Centro de Ecoloxía Funcional da Universidade de Coimbra (Portugal) son os autores dun estudo no que demostran que os lumes aumentan o risco de invasión do Eucalyptus globulus para a vexetación nativa, especialmente nos bosques de carballos, máis resistentes ao establecemento de plántulas de eucalipto en ausencia de incendios, pero que se mostran moi vulnerables á invasión do eucalipto tras un lume.

Galicia é a zona de España coa maior concentración de eucaliptos e maior incidencia de incendios forestais. Malia que só representa o 6% do territorio español, posúe máis do 60% do total de plantacións de eucalipto no Estado e concentra máis do 40% dos incendios forestais que se produciron na década 2001-2010. Galicia é tamén a rexión forestal máis importante de España, cun 70% da superficie forestal arborizada.

Nas últimas tres décadas, as plantacións de eucalipto multiplicáronse por dez, chegando a cubrir unha superficie total dunhas 434.000 hectáreas dos aproximadamente dous millóns de hectáreas de superficie forestal que ten o país. Desas 434.000 hectáreas, 288.000 son de masas puras de eucalipto e 146.000 de masas mixtas. Nese vasto imperio de eucaliptais, o Eucalyptus globulus é o rei, cultivándose intensamente, principalmente para a industria do papel.

A emerxencia de plántulas do Eucalyptus globulus mellora en áreas queimadas en comparación con terreos non calcinados.

Sobre a incidencia do eucalipto nos lumes, un recente estudo do Centro de Investigación Forestal CIFOR-INIA demostrou que o eucalipto ten unha alta taxa tanto no número de incendios forestais como na superficie arborada queimada en Galicia, só por detrás do piñeiro bravo. Piñeirais e eucaliptais suman o 81 por cento dos incendios e o 88 da superficie arrasada en áreas arboradas. 

Todo isto fai especialmente relevante o estudo do recrutamento de plántulas de eucalipto despois dun incendio en Galicia. Un traballo que non se tiña feito.

A nova achega científica, asinada por investigadores das universidades de Vigo e Coimbra, vén agora a demostrar que a emerxencia de plántulas do Eucalyptus globulus mellora en áreas queimadas en comparación con terreos non calcinados. É dicir, onde hai un incendio é moi probable que o eucalipto acabe colonizando ese espazo, principalmente, en zonas de plantacións de árbores autóctonas.

Os resultados do estudo, titulado 'Fire increases Eucalyptus globulus seedling recruitment in forested habitats: Effects of litter, shade and burnt soil on seedling emergence and survival', publícanse na revista científica Forest Ecology and Management.

EXPERIMENTO SOBRE O TERREO E EN INVERNADOIRO

Os científicos analizaron o efecto do lume sobre a emerxencia e o establecemento de plántulas de Eucalyptus globulus en Galicia, tanto sobre o terreo como con experimentos en invernadoiro. A idea era comprobar se a emerxencia das plántulas de eucalipto mellora en zonas calcinadas en comparación con áreas non queimadas, e se este efecto difire entre hábitats de posible colonización e adxacentes a plantacións de eucalipto, principalmente carballeiras, piñeirais e matogueiras.

Os autores da investigación puideron confirmar a súa hipótese de traballo: o aumento do recrutamento de plántulas de eucalipto despois dun lume podería ser o resultado da destrución das follas das árbores, tanto as das copas, que proporcionan sombra, coma as caídas e acumuladas no chan, que actúan como barreira física contra a emerxencia das plántulas. 

Os resultados da investigación mostran que as zonas poboadas por carballos son máis vulnerables á colonización do eucalipto tras un incendio.

O traballo de campo realizouse nunha área que sufriu un grande incendio que arrasou 1.800 hectáreas a finais de agosto de 2013, no término municipal de Oia, no que se queimaron diferentes tipos de vexetación, principalmente plantacións de piñeiros, eucaliptos, carballos e matogueira. Ademais da área queimada, tamén se traballou en zonas non queimadas para os mesmos tipos de hábitats en áreas próximas a entre 100 e 1.500 metros de distancia dos lugares queimados. En total, delimitáronse 18 localizacións e 90 parcelas, nas que se esparexeron 49 sementes de Eucalyptus globulus por parcela, a mediados de setembro de 2013. A emerxencia e supervivencia das plántulas verificouse unha vez por semana nas seguintes dúas semanas, e quincenalmente despois nos seguintes tres meses ata finais de decembro, cun control final o 8 de febreiro de 2014.

Para comprender os factores que poderían explicar os patróns observados en sitios queimados e nos non queimados, os científicos completaron o estudo cun experimento en invernadoiro.

"Os nosos resultados obtidos no campo mostraron un efecto significativo do lume na emerxencia das plántulas, especialmente en áreas boscosas e, en particular, nos bosques autóctonos de carballo", conclúen os autores do estudo.

Os experimentos realizados en invernadoiro para comprender mellor os mecanismos subxacentes implicados suxiren, ademais, que estes patróns se poden explicar pola destrución da follasca polo lume, xa que a acumulación de follas no chan tivo un efecto negativo sobre a emerxencia da plántula de eucalipto, relacionado co seu papel como barreira física, e non tanto co seu efecto de sombreado, segundo os experimentos realizados.

"As follas anchas e planas dos carballos cobren a superficie do chan de maneira máis eficiente cas dos piñeiros".

Os investigadores constataron que "as follas anchas e planas dos carballos cobren a superficie de maneira máis eficiente cas dos piñeiros, con forma de agulla, de modo que case non queda espazo baixo a follasca do carballo para que crezan as plántulas de eucalipto nin para que a luz chegue á superficie do chan.

ZONAS BOSCOSAS VS MATOGUEIRAS

En hábitats boscosos, onde se poden acumular grandes cantidades de follas no chan, a destrución destas polo lume pode explicar a maior emerxencia de plántulas observada no campo, especialmente en áreas de bosque autóctono como as carballeiras, destacan os autores do estudo.

Pola contra, nas matogueiras, onde a acumulación de follaxe é moi baixa, o efecto positivo do lume na xerminación das plántulas foi menor. Con todo, aínda que máis débil, si se comprobou que o lume tivo un efecto positivo sobre a emerxencia das plántulas nas matogueiras, o que, segundo os científicos, "dificilmente se pode explicar pola destrución da follaxe".

O chan das matogueiras, explican, "aínda que relativamente libre de follasca, non está espido, xa que no chan crecen herbas e musgo" que, como a follasca, "supoñen unha barreira física para a emerxencia das plántulas, ao evitar a penetración da radícula no chan". Neste sentido, demostrouse que a emerxencia de plántulas de eucalipto aumenta en sementeiros perturbados, despois de lume ou arado, o que facilita a penetración da radícula no chan e, con iso, o establecemento das plántulas.

Unha maior dispoñibilidade de luz despois dun lume pode promover o crecemento e o establecemento dos eucaliptos.

Os científicos non obviaron que en condicións naturais, os efectos da follasca poden ser algo distintos aos atopados no invernadoiro, xa que, por exemplo, no campo o vento, a choiva ou os animais poden causar movementos nesas follas caídas que poden danar as plántulas débiles etioladas que crecen a través dela, limitando aínda máis as súas probabilidades de alcanzar a superficie.

Ademais, sinalan, en condicións naturais, as sementes ou as froitas xeralmente caen sobre unha alfombra de follas e non directamente sobre a superficie do chan, como no experimento de invernadoiro. Posteriormente, poden cubrirse con máis follas caídas das árbores. As sementes tamén poden moverse verticalmente a través da capa de follaxe e finalmente chegar á superficie do chan e xerminar, pero algunhas poden non chegar nunca á superficie. Isto podería diminuír aínda máis o éxito de emerxencia das plántulas, xa que as sementes atrapadas dentro da capa de follas poden non xerminar ou, se xerminan, as follas poderían actuar como unha barreira física que evite que a radícula chegue á superficie do chan.

Por outro lado, demostrouse que unha maior dispoñibilidade de luz despois dun lume pode promover o crecemento e o establecemento dos eucaliptos, xa que o espazo e a luz son factores críticos ao comezo da vida dunha plántula tanto para a supervivencia como para o crecemento. No Eucalyptus globulus as follas xuvenís adáptanse ás condicións de sombra, en contraste coas follas adultas, que se consideran adaptadas ao sol; con todo, demostrouse que a sombra profunda (10% da luz solar total ou menos) reduce o crecemento e a biomasa mesmo en follas novas e o sombreado atrasa o cambio da fase xuvenil á folla adulta, o que reduce a eficiencia do uso da auga e limita o crecemento. Este sería, polo tanto, outro factor que explicaría a maior supervivencia observada das plántulas de eucalipto emerxidas en sitios boscosos queimados, onde se reduce a sombra e aumenta substancialmente a luz.

Nas matogueiras observouse un efecto neutro xeral do lume sobre o éxito do establecemento de plántulas de eucalipto, en contraste cos bosques autóctonos e as plantacións de piñeiros, onde o efecto xeral foi claramente positivo.

Nos hábitats boscosos, a supervivencia das plántulas de eucalipto foi maior nos sitios queimados, o que contrastou co patrón oposto observado nas matogueiras. A queima da follaxe das árbores polo lume en hábitats boscosos aumenta a dispoñibilidade de luz, mentres que nas matogueiras as plántulas creceron a plena luz en lugares queimados e non queimados. Ademais, a crecente mortalidade de plántulas observada en matogueiras podería estar relacionada cunha estabilidade reducida da superficie do chan en sitios queimados, o que provocou que as plántulas fosen desenterradas ou soterradas despois das choivas.

Polo tanto, a maior vulnerabilidade das plántulas de eucalipto en zonas de matogueiras queimadas compensa o efecto positivo do lume na emerxencia desas plántulas, o que finalmente xera o que os científicos chaman un efecto neutro xeral do lume sobre o éxito do establecemento de plántulas nas matogueiras, en contraste cos bosques autóctonos e as plantacións de piñeiros, onde o efecto xeral foi claramente positivo.

En hábitats boscosos, as follas de carballo ou as agullas de piñeiro que se queiman pero non se consomen na súa totalidade caen xeralmente despois do lume, o que provoca unha acumulación de follas na superficie do chan que pode interferir no éxito do establecemento de plántulas de eucalipto, afirman os autores do estudo.

INFORMACIÓN PARA UN MELLOR MANEXO DO EUCALIPTO

Os experimentos realizados conclúen, polo tanto, que o lume aumenta o recrutamento de plántulas de eucalipto nos hábitats boscosos estudados, debido a un efecto positivo na emerxencia e supervivencia das plántulas que parece estar relacionado principalmente coa destrución da follasca, que xoga un papel importante como barreira física para a emerxencia de plántulas, e tamén co aumento da dispoñibilidade de luz como resultado da destrución das follas nas copas das árbores, o cal tamén ten un efecto positivo na supervivencia das plántulas.

Aínda que os científicos asumen que outros estudos previos xa demostraran a capacidade do Eucalyptus globulus para colonizar plantacións autóctonas en Galicia non afectadas polo lume, agora este estudo vén demostrar por vez primeira que os incendios poden aumentar este risco de invasión, especialmente en bosques nativos de carballo, especie que demostrou ser bastante resistente ao establecemento de plántulas de eucalipto en ausencia de incendios, pero que se observa moi vulnerable a ser colonizada tras un incendio.

"Este aumento do recrutamento de plántulas en áreas queimadas xunto coa alta propensión ao lume dos eucaliptos podería xerar retroalimentación positiva que favorecería a expansión dos eucaliptos, aumentando aínda máis a vulnerabilidade da vexetación autóctona á colonización por esta árbore foránea", conclúen os científicos, que consideran que "unha mellor comprensión do efecto do lume sobre o potencial invasivo do Eucalyptus globulus é esencial para un mellor manexo desta especie nas áreas de introdución".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

5 comentarios
4

pino

Síguense concedendo subvencións con fondos europeos a traballadores da xunta? Alguén sabe se agader o fai?


3

Arturo

Pois eso non o acaban de ver os galegos que prantan lume ao monte. Mais ben non o queren ver. ¿ Fará falta repetir, por milésima vez, que os oncendios en Galicia son provocados polos propios galegos, ( algúns, claro ) que non é a Xunta quen pranta lume, e que moitos sectores non queren admitir algo tan evidente, botándolle a culpa aos poderes públicos?


2

toxo o noso picudiño

SON PLANTUCULAS ASASINAS DE AUSTRALIAS, non e pranta autónoma ou autóctona NON E BOSQUE GALEGO, nin prantación aborixe precisamente, tamen a mimosa e a xesta e de australias, crece moito e arde moitisimo mais tamen, e moi grave agora xa 500 mil hectáreas polo país enteiro, os pre-zos caen antre a bundacián do plantuculo invasivo e o que quer ENCE, romper a lei da oferte e a demanda e afundir os pre-zos para os productores que se pague una mer... pola madeira de moer da pasteira... señores falen da ilp do bosque galego ata o 24 de marzo ha tempo con prorroga suplicada o parlamento de 3 meses mais para sacar as 10.000 sinaturas... SEÑORES DESPOIS SERA DEMASIADO TARDE... o eucalipto e invasivo non e galego!!! esta moi espallado xa non ha sitio para o noso picudiño toxo galego


1

En fin

Seguide mentindo e enganando co eucalipto. Deberes pensar que a xente é parva. Sodes información politizada máxima.

1 resposta
1

Por Anonymous: Pero quen mente, o xornalista, o xornal que lle publica a información, os científicos que fixeron o estudo, a revista científica que publica o estudo... ou TI? Pero como se pode ser tan pailán e simple? Pero como se pode falar de politización cando é ciencia? Pero como é posible que en pleno século XXI aínda haxa xente tan absurda e escéptica coa ciencia coma ti? Malditos ignorantes!!! Maldita xente a que queredes vivir na ignorancia e na conspiración e empurrarnos aos demais á nada máis absoluta. Grazas GC por informar, pero coidádevos desta xentuza como o do comentario de enriba, só buscan desprestixiar o voso medio, a información e o coñecemento.


Eucaliptos na zona de Cabo Ortegal / Pierre en www.flickr.com/photos/pierrepita/2962116512/

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.