A ciencia demostra que a propagación dos lumes é maior en eucaliptais e piñeirais que en carballeiras

A Sociedade Galega de Historia Natural recupera un estudo que demostra que a velocidade de propagación dos incendios e o risco de lumes secundarios é maior en zonas de eucaliptos e piñeiros.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/05/2018

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) sae ao paso do debate sobre a relación entre incendios e eucaliptos para arroxar luz con evidencias científicas. Así, "fronte aos que afirman case que os eucaliptos arden por combustión espontánea e os que defenden a posición diametralmente oposta, o máis sensato é unha análise seria e rigorosa da información dispoñible", expón a SGHN, para o ca recorre ao estudo Foto-guía de combustibles forestales de Galicia y comportamiento del fuego asociado, un traballo realizado por investigadores do Centro Centro de Investigación Forestal. Lourizán, a Unidade de Xestión Forestal Sostible da. Universidade de Santiago de Compostela, e da Universidad Juárez, no Estado de Durango, México.

O estudo, publicado en 2016, analiza lumes en vexetación de piñeiros (19 de Pinus pinaster, 15 de P. radiatae 13 de P. sylvestris), de eucaliptos (17 de Eucalyptus globulus) e de carballos (16 entre Quercus robur e Q. pyrenaica), recompilando os datos de comportamento do lume nun escenario intermedio: 20% de pendente e 30 km/h de vento (a publicación contempla pendentes de 0-40% e ventos de 0-60 km/h).

Nesas condicións "intermedias", a menor velocidade de propagación do lume, con diferenza, atópase nas carballeiras (promedio de 6 m/min), mentres que nos eucaliptais a velocidade é 2 veces maior (12 m/min) e nos piñeirais, entre 3 e 4 veces maior (18-23 m/min), recordan desde a SGHN.

Ademais, salientan, mentres que nas carballeiras nunca se detecta risco de que aparezan lumes secundarios, nun 35-40% dos lumes en eucaliptais e piñeirais hai risco de que as faíscas ou muxicas xeneren lumes secundarios a distancias de ata 0,5 km en piñeirais e 1,9 km en eucaliptais.

Por último, s SGHN salienta do estudo que en ditas condicións nun 94% dos lumes en carballeiras é posible intentar a súa extinción directa (mesmo con medios manuais nun 30% dos casos), mentres que, pola súa maior dificultade e riscos, é necesario recorrer ao ataque indirecto con medios mecánicos (motobombas, bulldozers, avións ou helicópteros) na meirande parte dos lumes en piñeirais (46% en P. sylvestris, 63% en P. pinaster, 73% en P. radiata) e eucaliptais (67% en E. globulus).

Nos escasos exemplos que contempla a publicación para soutos de castiñeiros (Castanea sativa) e bidueirais (Betula alba) —dous para cada especie—, os resultados son semellantes aos das carballeiras.

Por todo isto, a SGHN, baseándose nas evidencias científicas, conclúe que "nos bosques de caducifolias autóctonas os lumes propáganse máis despacio e son máis doados de apagar".

"Os defensores do eucalipto argumentan que en caso de incendios forestais son máis perigosas as matogueiras, pois a velocidade de propagación do lume nelas é maior, e que a meirande parte da superficie anualmente queimada en Galicia está cuberta por mato. Aínda máis, poñen como exemplo que os eucaliptos non supoñen un risco maior indicando que nos distritos forestais do norte da Coruña e Lugo, onde se concentra a metade dos eucaliptais de Galicia, a incidencia dos lumes forestais é mínima.Qué hai de verdade nisto?", pregúntanse desde a SGHN.

Esta asociación científica subliña que é certo que os lumes se propagan máis rápido nas matogueiras. De feito, as evidencias científicas indican que "nas mesmas condicións antes contempladas para as formacións forestais (pendente 20%; velocidade do vento 30 km/h) o lume avanza a 35-40 m/min en breixeiras (Ericaspp.), carqueixais (Pterospartum tridentatum) e toxeiras (Ulexspp.), e a 56 m/min en xesteiras (Cytisusspp.)". Con todo, matizan desde a SGHN, "non indica que haxa risco de lumes secundarios nos incendios de matogueiras, vantaxe que non se debe esquecer"

Por outro lado, aínda que "é verdade que no norte da Coruña e Lugo hai poucos lumes, iso non é porque haxa moitas plantacións de eucaliptos moi rendibles e supostamente moi ben xestionadas, senón grazas ás condicións climáticas", resalta a SGHN, que recorda que "o único treito de autovía ou autoestrada de toda Galicia (e de España) que ten que pecharse reiteradamente pola falta de visibilidade debido á néboa está precisamente no norte de Lugo".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

o roxo

seguimos 'arroxando' con estas noticias


Dantesca imaxe da parroquia de Chandebrito (Nigrán), onde morreron dúas persoas tras os devastadores lumes que arrasaron a zona e boa parte de Galicia en pleno outubro / Miguel Núñez.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.