Evaristo Varo, cirurxián: "Non se pode recortar en sanidade da maneira salvaxe que se fixo na crise"

Evaristo Varo é xefe da Unidade de Trasplante Abdominal do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS). Xunto co seu equipo levan xa 1.000 transplantes de fígado en Galicia desde que a súa unidade a formaran el e os seus colegas no ano 1994. Agora fala con Galicia Confidencial sobre este fito e a actual situación dentro do sistema sanitario galego.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2018

-Que sensación se ten logo de 1.000 transplantes hepáticos dentro do servizo sanitario en Galicia?

Satisfacción tremenda, non só polo esforzo persoal senón polo esforzo de todo un equipo de compañeiros e compañeiras que desde hai vinte e catro anos nos metemos nesta campaña de sacar adiante unha campaña de transplante hepático das dimensións que finalmente adoitou. Así que unha satisfacción moi grande tanto no ámbito profesional como no familiar, porque eu vin de Córdoba para montar isto cos meus compañeiros.

-Mil transplantes é un bo sinal ou mal sinal da saúde hepática en Galicia?
É un bo sinal no sentido de que calquera persoa que precise un fígado ten máis posibilidades de ser transplantado en Galicia que ao mellor noutras comunidades. Pero isto non quere dicir que haxa en Galicia máis doenzas hepáticas que noutros lugares. Aquí a incidencia dese tipo de doenzas é moi parecida á das outras comunidades. O que si é certo é a que a posibilidade de ser transplantado é maior que noutras comunidades veciñas.

"A incidencia das doenzas hepáticas en Galicia é similiar a outros lugares en España"

-Hai vinte e catro anos do primeiro transplante hepático en Galicia. Pero ata ese momento houbo un camiño longo.
O ano 1994 comezou a formación dun grupo de persoas, eu transladárame en marzo dese ano a Santiago. Tamén se formaron compañeiros meus no Hospital antigo (en Rúa Galeras), compañeiros cos que levaba seis anos nun programa de transplante no Hospital Reina Sofía de Córdoba, algúns deles quedaron aquí formándose. Así aos tres meses, en xullo, fixemos o primeiro transplante en adulto. E logo en pouco tempo o primeiro infantil. Os integrantes do equipo estaban moi preparados e con moita disposición para traballar e pór en marcha o programa.

"Falta renovación xeracional nos equipos de transplante e niso debería facer algo a administración tanto política como sanitaria"

-Cantas persoas forman o actual equipo e cales son as fortalezas do mesmo?
Pois un conxunto coma este é moi grande. O caso é que calquera equipo de transplantes, mesmo os máis especializados dentro da sanidade pública española e do máximo nivel, é enorme. Podería dicir que hai médicos de moitos servizos, enfermeiras e auxiliares. Médicos están contabilizados máis de 21 especialidades diferentes e tamén con diferentes estamentos, non só os facultativos, senón celadores, dirección e máis. Iso é o que mobiliza e pon a proba os piares dun hospital. Sempre dixen que se hai algún programa capaz de demostrar que un hospital é bo ou non é un programa de transplante hepático activo. Porque son moitas as persoas que se mobilizan e son moitas os pacientes que se benefician, porque non só está quen é transplantado, senón que se forman bos anestesistas, bos cirurxáns e aí é onde se ve que un bo hospital está preparado para responder. 

-Nunha nota de agradecemento sobre este transplante número 1.000, recordou tamén os familiares das persoas doantes. Segue habendo tabú para doar?
Aquí estamos un pouco por debaixo da media nacional. Creo que aínda hai algo de tabú en medios máis rurais, pero en xeral é algo que se vai superando o medo á doazón. Pero si  estamos algo por debaixo da media nacional en doazón. Iso indica que hai algunha negativa máis a respecto da media nacional, mesmo das comunidades veciñas como Asturias. Aí falta por parte da administración sanitaria seguir traballando en explicar moi ben o que é a morte cerebral, o que é a doazón e a cantidade de persoas que poden salvarse se aumentan as doazóns.

-O equipo do que forma parte debeu pasar por diversos cambios na formación e na evolución da cirurxía.
Os equipos de transplante en xeral son das especialidades que máis evolucionaron durante os últimos anos. Eu comecei no 1987 e vin como foi evolucionando. Por iso a especialidade en transplantes de calquera tipo esixe unha reciclaxe, unha posta ao día e ir ao estranxeiro para importar técnicas ou sistemas de tratamento. Pero iso vai implícito en calquera especialidade.

-Que elementos tanto humanos como técnicos faltarían no equipo de trasplantes?
Esta pregunta é a que facemos todos os equipos de trasplantes en España. Sendo España líder en transplantes, cada vez que nos reunimos os que fomos os primeiros en aplicar cirurxía de transplante vemos que falta renovación xeracional. A administración sanitaria e os mesmos profesionais non están concienciados que para seguir mantendo ese estándar de calidade, ese liderado mundial, falta renovación xeracional para poder manter os estándares actuais.

-Pero cal é o motivo desa falta de relevo xeracional?
O primeiro é que a administración non se ocupa de que se formen persoas novas, que non se contrata persoas para eses equipos de trasplante e logo que non hai incentivos abondo, non digo económicos, senón profesionais para facer atractiva a especialidade de transplante ás novas xeracións. Por tanto, esa falta que sería por parte da administración basicamente, que non hai relevo xeracional nos equipos. Non hai incentivos a que esa xente nova quede nos equipos porque son enviados a outras áreas ou zonas hospitalarias, pero quen se formou para transplante debería quedar dentro dos equipos. A nosa xeración retirarase e por tanto falta ese salto de renovación que non se completou. Esa é a preocupación máis grande que temos os equipos de transplante en España.

"A renovación de equipos é a preocupación máis importante"

-Entón non ve posible a renovación e formación de equipos de transplante novos nun espazo de tempo de dez anos?
Claro, pero ademais diso está que formar cirurxáns de transplantes leva anos, non se forman rapidamente, é unha cirurxía moi complexa con moitos anos de formación. Así que a formación debería ter comezado hai xa tempo, porque non é só que non haxa máis equipos, é que os actuais poden baixar de calidade o estándar se non se fai unha substitución monitorizada de profesionais.

-Como está afrontando o equipo de transplante as actuais políticas sanitarias?
Pois parece ser que a crise vaise superando. Porque a nivel político ás veces dise unha cousa pero hai que escoitar o que din na rúa. Pero temos pasado por uns anos moi duros, moi duros. Non houbo substitucións, xubiláronse compañeiros e compañeiras que non foron substituidos en moitas áreas. A pesar diso seguiuse intentando traballar para non baixar de calidade. Pero se isto segue baixando vaise notar mesmo na actividade.

"Non se pagou máis prezo na Sanidade porque os profesionais estiveron aí loitando para manter a calidade do sistema"

-Se quixera transmitirlle unha mensaxe ás autoridades políticas e sanitarias cal sería?
Non só en transplantes, senón no tema sanitario en xeral. Creo que a sanidade española é unha xoia, algo que se exportou a outros lugares, o noso sistema e sobre todo en transplantes, iso si é marca España. Hai que coidalo e potencialo coa introdución de novo persoal titorizado. Non pasa iso co fútbol, que fomos líderes mundiais, pero logo baixou, pero en trasplantes levamos máis de vinte anos sendo líderes mundiais. Iso temos que mantelo e se se fai así, teremos profesionais con formación excelente para tratar calquera doenza. Non se pode recortar dunha maneira salvaxe como se fixo nos anos de crise. Sanidade e Educación deberan ter sido tratadas doutra maneira e non tan dura. Non se pagou máis prezo porque os profesionais estiveron aí loitando para que ese estándar sanitario seguise sendo de calidade. 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Evaristo Varo / Juan Oliver de La Duda Net

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.