A historia da “muller adúltera” que leva 900 anos ollando cara nós na Catedral de Santiago

A "muller adúltera" é unha escultura románica colocada na Fachada de Praterías, considerada un precedente do cómic feito en pedra. GC fala coa guía turística Merichel Vicente e o historiador Asar Fernan Rodri para descubrir os segredos da figura. E para reflexionar sobre a ollada do turista, do peregrino e do compostelán.

Por Alicia Casas | Santiago de Compostela | 10/08/2018

A "muller adúltera" é unha muller de pelo revolto que sostén coas súas mans, sobre as súas pernas, a caveira do seu amante. Un amante degolado por un marido que obriga a súa muller a soster o pecado, a bicalo dúas veces ao día. Un castigo para ensinarlle ás mulleres o que pode e non pode facerse e que foi contado cunha "anónima dama" que "sentiu en cada momento o latexo da cidade compostelá".

Así a describe, no seu relato, o historiador Asar Fernan Rodri. Como unha "testemuña excepcional da vida diaria desta cidade durante os últimos 900 anos". Porque a "muller adúltera" viu e ouviu todo o que alí aconteceu e aí continúa, vendo e oíndo o que aí acontece. Dende o tímpano esquerdo, a catro metros de altura. En Praterías. Na Catedral de Santiago.

Pasa que a ela non todos os días a ven, ás veces composteláns e peregrinos miran "en conxunto". Iso di Merichel Vicente, que fora guía turística en Ourense e leva dous anos mostrando o Centro Histórico de Santiago. E explica que son rutas nas que "en dúas horas tes que facer todo o casco antigo". Unha ruta na que Praterías é a última parada e a "muller adúltera pasa desapercibida". Aínda que non por todos, senón que depende do grupo. Ela leva turismo xeral e explica esta figura do século XII cando lle preguntan. Di que si atopa diferenzas entre a ollada dunha compostelá e a ollada dun peregrino porque "unha persoa de Santiago que vén aquí a facer unha visita turística é unha persoa que quere coñecer máis a súa cidade", mentres que "algúns turistas veñen a unha cidade que non van volver  pisar".

"Ir a Compostela en peregrinación é emprender un Camiño Sagrado, é tomar contacto cun chan marcado polas tradicións milenarias, é aplicarse paso a paso no aprendizaxe das claves secretas que deixaron os anteriores construtores", di Asar Fernan Rodri. E explica que "cando o peregrino chegaba a Compostela, sabía ler e entendía perfectamente a mensaxe que se lle estaba comunicando ao contemplar a fachada do Paraíso, a fachada de Praterías ou a fachada Occidental onde se erguía o Pórtico da Gloria". 

Que toda a iconografía das portadas catedralicias estaba deseñada para que fora entendida polos peregrinos iniciados no Camiño Francés antes da súa entrada a Catedral, e que non acontecía o mesmo no caso dos habitantes da cidade. Porque os compestaláns non eran peregrinos e non tiñan coñecemento das claves do Camiño e por tanto "non sabían darlle o significado que realmente transmitían". Aínda que o historiador compostelán matiza que "iso non quere dicir que certas imaxes, como pode ser a muller adúltera, non fosen capaces de interpretalas" pois  "ten unha lectura moralizante ben clara que non é outra que a infidelidade no matrimonio".

Así o di o "Libro V, Capítulo IX do Códex Calixtinus" na primeira e única mención a esta muller adúltera que "non debe quedar no esquecemento", polo que é a teoría máis aceptada. Pero o certo é que ao longo da historia moito se ten falado das diferentes interpretacións da escultura de mármore. Unha destas teorías establece que a muller de pelo revolto é Eva ("a nai da morte")  cumprindo o primeiro pecado, o pecado terrenal. Que se opón á Virxe María, representada con cabelo negro e longo, símbolo de pureza. Tamén podería ser María Magdalena, que non goza de gran reputación.

O certo é que, sexa quen sexa esa muller suxeitando esa caveira, leva máis de 900 anos observando. Ás veces un neno de 12 anos que entraba na Catedral e saía coronado como Alfonso VII, ás veces un home que tamén entraba na Catedral e saía como cabaleiro e voltaba máis adiante en romería, ás veces xuízos do Xelmírez, ás veces vodas. É o certo é que as cousas, tantas veces relegadas nun segundo plano como ornamentais ou accesorias, poderían dicir moito se tiveran palabras.

"VÉS PERO NON VES"

O que hai na rúa, ademais de cousas que pasan, son fotos. Merichel Vicente di que As  Marías son, xunto coa Catedral, o segundo elemento máis fotografado. Que moitos turistas cando están onde as Marías din "ah, pois nada, foron unhas prostitututas". Ou "viñan aquí a ligar cos chicos".  Ela di: " e a min, que son guía de turismo e son muller, unha cousa que me saca de quicio e non o podo dicir porque estou traballando é a cantidade de xente que saca unha foto coas Marías sen ter idea de quen son". Porque sacan a foto e a foto vai para casa, pero "están pero non están". Ela chámao turismo de "vés pero non ves". 

A "muller adúltera" chámase Aldonza. Así o relata Asar Fernan Rodri, que conta como a historiadora compostelá Mercedes Gualteria Pintas así a bautizou. Co nome da muller "real" que tiña a Dulcinea do Quijote. E explica tamén, no seu relato, como "dende tempos da patrística, a muller foi sempre a que promoveu todos os males do mundo, a que tentaba ao home e o levaba polo camiño da perdición". Algo que se reflicte nas distintas partes da catedral: a muler luxuriosa en forma de Sirena ou como Vulva, "coas pernas abertas mostrando a boca do inferno, ou como a figura de Eva aleitando a Caín". 

Agora, di o historiador compostelán, "a nosa mentalidade xa non admite ou non debería admitir aquela idea que se tiña da muller como a orixe de todos os males do home". Que é absurdo pensar hoxe neses termos, pero o que queda son "moitas imaxes que nos capiteis da Catedral representan mulleres en posturas, digamos indecentes, pero que hoxe temos que contemplar como o que realmente son, figuras fermosas, perfectamente labradas, sen necesidade de outorgarlles ningún tipo de lectura".

COMPLETAR COA LENDA

O historiador está a piques de publicar o seu libro no que percorre os misterios da cidade de Compostela. Un libro no que os seus relatos están "estritamente fundamentados na Historia coñecida e documentada" aínda que se axude dunha "escritura poética" na que introduce "pasaxes máis ou menos ficticios produto da miña imaxinación". E ben respaldado, recorda, polo que dicía Torrente Ballester: "cando ao historiador ou ao arqueólogo lles falta a proba obxectiva ten que vir o poeta para que coa súa linguaxe sexa capaz de completar ou culminar un edificio, unha pedra, un monumento ou un anaco de historia escuro".

Tamén de lendas e de "mulleres malas" falou Merichel Vicente, que explica como ás veces as persoas e non as esculturas son as que constrúen unha lectura machista. Porque na fachada da Quintana, onde está a Porta Santa, hai apóstolos e santos que inicialmente estaban colocados fóra da Catedral. Algúns identífícanse, respecto doutros dubídase.

Un de todos eses homes ten unha cara máis nova e semella que está chiscando un ollo. Atribúese a San Daniel, segundo a propia historia da Catedral. Pero "a cultura popular di que é unha muller intentando seducir a un apóstolo". A propia cultura popular di: "esta é unha muller que intenta seducir a San Andrés". A guía turística pregúntase: "por que non é San Andrés quen intenta seducila?", "por que non son os dous os que se seducen"?

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

xlaxe

¿E por qué non, simplesmente, Daniel chiscándolle un ollo a a Andrés?


1

outra teoria!-

O que pasa e que esta mal interpretado, o asunto esta mal interpretado! - nun primeiro tempo os cristians renunciaron a escultura polo medo de que fosen adoradas por si mesmas (iconoclastas), nembargantes a pintura foi promovida polo papa Gregorio, seculo VI posto que a imaxe pode ser para os analfabetos o que a escritura e para os que saben ler, polo tanto no romanico a pintura e a escultura integranse dentro da arquitectura, polo tanto non e comic (novela grafica), senon paneis informativos da relixión cristia, sobre, todo o vemos no tímpano, eu pregunto si non será a primeira compañeira de Adan (terra) a deusa e despois asasina de nenos no berce, a demoniaca Lilith (vento) que negabase a fornicar con adan e despois foi sacada por Deus do xardin do río eden. Ben sexa asi ou non, o importante e facer unha investigación e entrar e coller os osos as probas científicas demostraran, carbono 14, que non e Santiago senon o grandísimo prisiciliano quen esta soterrado na catedral.


A escultura da "muller adúltera"/ Wikipedia

O Pórtico de Praterías/ Wikipedia

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.