Makers: argallando solucións entre todos

A persoa maker busca, xunta pezas, proba e se funciona está aportando unha solución que ao mellor doutra maneira non habería. Os makers son un movemento que naceu hai dez anos e co que queren darlle saída a cuestións diarias ou puntuais mediante solucións enxeñosas, moitas veces baseadas na reciclaxe de obxectos para darlles unha nova vida.

Por Moncho Mariño | Santiago | 30/08/2018

A Cidade da Cultura acollerá os días 23, 24 e 25 de novembro a Maker Faire 2018. A este encontro acudirán persoas creativas que con ideas enxeñosas e orixinais, buscan crear obxectos que aporten solucións ademais de querer compartir co resto da xente os seus traballos. É como unha nova materialización do movemento DIY (Do It Yourself, faino ti  mesmo) desta volta con aportacións máis prácticas e fóra do común para facilitar o día a día.

Marcos Saavedra é un dos membros da organización. “Un maker é unha persoa que chamaríamos argalleiro, alguén que xunta pezas para crear algo que faga as cousas máis doadas. Ademais, o maker tamén é unha persoa que, despois de facer cousas, compárteas cos demais”. Estamos logo, diante dun movemento cuns principios claros sobre o que busca “a democratización da tecnoloxía coa motivación de axudar á sociedade”. Espallar ideas, ofrecelas e aprenderllas aos demais sen que supoña un custe para eles e elas e así compartir coñecemento. Xunto a isto está tamén a idea de mostrar a idea de que a tecnoloxía non é un mundo só para unhas poucas persoas.

CULTURA MAKER

A denominación cultura maker é unha das que recebe este movemento. Non obstante, hai quen cualifica ao mundo maker como a “terceira revolución industrial”. É unha nova “industria cultural”? Un novo factor de entretenemento mainstream? Non. Realmente o que buscan é que todos e todas sexamos capaces de desenvolver calquera tarefa sen que teñamos que depender de terceiros, como técnicos.  A realidade, como di Marcos Saavedra “é que non é un movemento baseado nas patentes, ao revés, é facer cousas e comunicalas a todo o mundo”.

Aínda así, hai quen consegue ou inicia unha aventura profesional grazas aos seus deseños. “É certo que hai persoas que montan empresas partindo da tecnoloxía do mundo maker” di Saavedra, pero tamén “hai outras persoas que venden os seus obxectos pero deixan aberta a licenza ou a copia”. Pero o que realmente move a un maker é o feito de colaborar con outros e outras, coa suma de ideas que permitan avanzar. Falariamos entón dunha economía colaborativa con baixo custe “porque dentro do concepto maker está aproveitar todo o que está ao teu redor e loitar contra a obsolescencia programada” remarca Saavedra.

Iso é o que busca a Maker Faire, facer proxectos participativos entre varios asistentes para que as persoas que visiten o evento podan desfrutalos. Pero ademais diso “tamén temos a xornada profesional orientadas para que as empresas 4.0 podan coñecer makers para mercarlles as súas solucións ou incorporalos ao plantel”. Este ano tamén virán empresas aceleradoras para axudar a pòr en marcha obxectivos e axudar a buscar finanzamento.

EDUCACIÓN

Unha das visións do mundo maker é facer que os desafíos ou retos que supón á aprendizaxe se converta nunha experiencia colaborativa tamén. Renovar os formatos curriculares de memorización e desenvolvemento individual, por outros que sexan máis abertos e de intercambio durante o ensino. Marco Saavedra tamén forma parte do Vermis Lab, que procura a innovación dentro do sistema educativo tomando como base a filosofía do movemento maker.

“Partimos de tres bases ou fundamentos, ciencia, tecnoloxía e desenvolvemento, que correspoden coa metodoloxía STEAM (Science, Technology,  Engineering, Art and Mathematics) coa que combinamos disciplinas como a enxeñería coa arte” todo para un desenvolvemento educativo multidisciplinar. Nese sentido, procúrase que a teconoloxía sexa un elo de unión coas e entre as demais materias curriculares, ademais de fomentar o traballo en equipo, a competencia dixital, a iniciativa propia e saber escoller a decisión idónea.

UNHA INICIATIVA E CONCLUSIÓNS

Nacho Porto é ceramista en Carnota. Deseña as súas propias pezas e unha das pezas que quixo realizar foi un “corno” ou altavoz para ampliar o son dos teléfonos móbiles, usando materiais cerámicos. Así, baseándose na natureza das caracolas, dos cornos e a resonancia dos mesmos, quixo que o seu altavoz tivese as mesmas características sonoras para ofrecer mellor calidade de son. Foi co seu proxecto á Facultade de Matemáticas da USC onde non atopou apoio académico e científico para desenvolver a súa idea. Si tivo resultados a súa cooperación coa Universidade de Vigo que formou un equipo co que xa se realizaron tres traballos para dar solución e mellor calidade ao proxecto de Nacho. “Agora ando coa idea de crear un deseño para poder manexar o móbil cun só dedo” do Porto.

A conclusión principal é que o movemento ou cultura maker supón unha nova visión do aproveitamento das novas tecnoloxías, pero desde  unha perspectiva máis humanizada, potenciando valores de colaboración, axuda e solucións que doutro xeito levarían e leva, a un consumismo moi elevado. Tamén potencia a iniciativa autónoma ou a autoestima das persoas ao veren algo feito coas súas mans. E por último, a mellora nalgúns aspectos do sistema educativo entre os máis novos e os non tan novos. 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Un grupo de makers nun makerspace/wikipedia

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.