Entregados en Pontevedra os premios aos mellores emprendementos no Pont-Up Store

O encontro reuniu en Pontevedra durante tres días case 25.000 visitantes e asistentes que participaron nun intenso programa de actividades. Entre ellas destacaron iniciativas enfocadas a empoderar mulleres emprendedoras e a promover a economía máis social e transformadora.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 23/09/2018

O recinto do Pon-Up Store de Pontevedra acolleu este domingo a entrega dos premios que o comité organizador concede en cada edición aos mellores emprendementos nas diferentes modalidades do encontro. Asistiron entre outras persoas, Anabel Gulías, concelleira de Promocíón Económica de Pontevedra; Jorge Soto, vicerreitor do Campus CREA de Pontevedra pertencente á Universidade de Vigo; María del Carmen Fernández Penas, Directora Territorial de Abanca en Pontevedra; e Pedro Figueroa, director do Pont-Up Store, que manifestou que “o mellor premio para as empresas é estar aquí seleccionadas aproveitando esta plataforma e as oportunidades que lles brinda para lanzar, testar e visibilizar o seu negocio”.

A empresa Yaracán conseguiu o premio ao Mellor Emprendemento coa súa proposta de facilitar terapias con animais. Buscan mellorar as capacidades de comunicación de persoas con distintas diversidades funcionáis, como por exemplo mozas e mozos con síndrome de Down. Durante o encontro, esta empresa de Vigo estableceu unha alianza con Bichoh!, outra das iniciativas participantes, que se dedica ao deseño e fabricación de complementos artesáns para cans e que ten base en A Coruña. Yaracán conseguiu ademais o premio na categoría de Turismo, Ocio e Benestar.

Na categoría de Alimentación e Restauración, a empresa premiada foi a viguesa Exga3D, unha aposta gastronómica ligada a procesos tecnolóxicos que emprega a impresión 3D para deseñar e personalizar alimentos. Tamén achegan solucións ao mundo da saúde elaborando por exemplo pílulas médicas con formas e sabores de froitas ou doces; ou peixe con formas máis divertidas e apetecibles destinados a nenas e nenos. Outra liña de negocio desta empresa son os decartes e despeces de vexetais, peixe ou carnes con altor valor nutricional pero pouco apreciados no mercado polo seu aspecto. Cando xa os teñen transformados poden converterse en productos de alto valor engadido. O proxecto está triunfando a nivel internacional e xa conta co apoio do Basque Culinary Centre. No Pont-Up Store iniciaron unha alianza coa pontevedresa Natural Snack Lab, outra das participantes desta edición, que elabora snacks de froita deshidratada feitos a base de puré de froita deshidratada natural 100% e que coa axuda de Exga3D poderían presentarse no mercado con múltiples formas e propiedades.

Na categoría de Formación, Educación, Arte e Cultura, o premio foi para Espacio Matrioska, un proxecto de dinamización, produción e axitación cultural, que levan a cabo un grupo de mozas e mozos instalados no concello ourensán de Os Blancos. Son os responsables de murais en toda a comarca e tamén do Festival Reina Loba que conta xa dúas exitosas edicións. Na categoría de Comunicación, Deseño Gráfico e Eventos, as gañadoras foron as Mulleres Atlánticas, unha comunidade de emprendedoras nacida a raíz das reivindicacións feministas do 8 de marzo que promove as sinerxias e a xeración de negocio entre mulleres galegas e portuguesas.

A modalidade de Enxeñerías, Consultorías e Outros Servizos, outorgou o premio a outra empresa viguesa, Xtonebox, que sorprendeu cunha proposta de negocio que recupera a antiga tecnoloxía de válvulas para fabricar de xeito artesanal equipos de audio de gran calidade. En Deseño de Moda, Complementos e Decoración, as gañadoras foron Las Flores de Greta, outra empresa da área metropolitana de Vigo que presenta coleccións textis elaboradas coa técnica do ecoprint. Entre os seus servizos estrela ofrecen a posibilidade de transferir a unha prenda de seda os ramos de boda ou de calquera evento sinalado que demande a clientela.

Por último, na categoría de TIC’s e Novas Tecnoloxías o comité decidiu conceder un premio dobre a dúas empresas pola súa implicación das actividades do Espazo Gaming que se estreaba nesta edición. As gañadoras son SPA-CC, que traballa no deseño de entornos visuais para videoxogos; e á asociación Gaming Troop, que agrupa a centos de gamers entre os que promove o compañeirismo, a competitividade sana, o desenvolvemento de habilidades individuais e en grupo.

BALANZO

O director do Pont-Up Store, Pedro Figueroa, mostrouse “moi satisfeito polos resultados desta 5ª edición que demostra que sacar ás emprendedoras e emprendedores á rúa e poñelos en contacto directo co público é o mellor xeito de visibilizar o talento empresarial que temos en Galicia”. Figueroa sinalou tamén a gran capacidade deste encontro para poñer en contacto a emprendementos complementarios “que inician aquí alianzas e colaboracións para mellorar e diversificar os seus negocios”. Por último, o director do encontro avanzou que “en futuras edicións a organización seguirá traballando para dar voz aos proxectos máis transformadores do país, pulando pola economía social como fórmula empresarial sostible e de futuro, e dando espazo ás propostas das mulleres emprendedoras de Galicia.

 

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Premiados na edición do Pont-Up Store/Pont Up Store

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.