Mapa da invasión da avespa velutina en Galicia e factores que favorecen a súa "inevitable expansión"

Científicas da Universidade de Vigo publican o primeiro estudo que correlaciona as condicións climáticas e a altitude coa distribución da invasora avespa asiática. As investigadoras presentan ademais os mapas para visualizar a rápida expansión da velutina polo territorio galego. A Galicia costeira e occidental está totalmente colonizada e o depredador avanza cara ao interior de xeito imparable.

Por Alberto Quian | Madrid | 02/10/2018

A avespa velutina, ou avespa asiática, é unha especie invasora recente en Galicia, pero xa ben coñecida por todos polos impactos medioambientais e socioeconómicos negativos que está a causar. Agora, un novo estudo científico aporta máis datos e información útil sobre a invasión deste insecto, os factores que favorecen a súa expansión polo territorio galego e algúns métodos para frear esta praga. Os resultados semellan concluíntes: a Galicia occidental e costeira é a máis castigada por esta infesta, sendo as provincias da Coruña e de Pontevedra as máis afectadas, pero a súa distribución avanza cara as zonas interiores e "a ameaza socioeconómica está a aumentar". A expansión da velutina en Galicia "é inevitable", alertan as autoras desta nova investigación. 

Científicas do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencia do Solo da Universidade de Vigo, en Ourense, veñen de publicar os resultados dunha investigación sobre a expansión da Vespa velutina en Galicia. A investigación partiu da necesidade de monitorizar a dispersión desta especie invasora para "minimizar os danos que causa e tomar as accións de control necesarias". Segundo as autoras, este é, até onde saben, "o primeiro estudo que correlaciona as condicións climáticas e a altitude a favor da difusión desta praga en novos territorios".

As investigadoras compararon os patróns de distribución da velutina e da avespa crabro, a especie autóctona en Galicia. Os resultados do estudo demostran que "a altitude e as condicións climáticas xogan un papel importante no comportamento das avespas".

En só cinco anos, a velutina pasou de ocupar pequenos espazos da Mariña luguesa e do sur da ría de Vigo, a invadir toda a costa, case toda Coruña e Pontevedra e grandes áreas de Lugo e Ourense.

O que fixeron as científicas foi colocar 137 trampas de cebo por toda Galicia, desde o inicio da primavera ata o outono de 2017, nun rango de altitude de 18 metros (áreas costeiras) a 750 metros (zonas montañosas do interior). En total, recolleron 418 mostras de distintas especies de insectos e arácnidos capturados. As autoras da investigación tiveron en conta á hora de poñer os cebos as áreas con altas densidades de poboación de  velutina e aquelas nas cales a especie empezou a introducirse recentemente. 

Ademais, traballaron con información proporcionada pola Consellería do Medio Rural relativa aos niños de velutina identificados o ano anterior preto das trampas instaladas. 

As trampas colocadas en áreas costeiras de baixa altitude foron as que atraparon máis cantidade de velutinas; pola contra, a avespa autóctona foi maiormente capturada nas trampas instaladas nas áreas de maior altitude.

As científicas tamén constataron que as altas temperaturas mínimas, o punto de orballo ou punto de rosada —temperatura á que empeza a condensarse o vapor de auga contido no aire e auga, producindo resío, néboa ou, no caso de que a temperatura sexa o suficientemente baixa, xeada—, a humidade relativa e as temperaturas máximas máis baixas favorecen a aparición e propagación da velutina. "Estas condicións son comúns nas áreas costeiras" e "favorecen a rápida dispersión desta praga", destacan as autoras do traballo. 

"O rápido avance de avespa velutina fai que sexa case imposible de erradicar", recoñecen as científicas. 

EVOLUCIÓN DA INVASIÓN DA VELUTINA EN GALICIA

Os mapas presentados polas investigadoras evidencian a rápida expansión da velutina no territorio galego. Se en 2013 era apenas anecdótica a súa presenza, focalizada na zona da Mariña luguesa e escasa na zona sur da ría de Vigo, un ano despois a súa presenza xa era significativa no norte da provincia de Lugo e no sur de Pontevedra, pero tamén comezaba a expandirese por outras comarcas próximas da Coruña e puntos do interior de Galicia.

En 2015, a velutina xa era unha praga en todo o norte do país e en toda a franxa costeira e sur da provincia pontevedresa. Un ano despois, os niños de avespa asiática xa ocupaban practicamente toda a provincia da Coruña, case toda Pontevedra e expandíase cara as zonas interiores de Galicia.

E en 2017 pódese dicir que xa era un problema nacional, unha praga, con A Coruña, Pontevedra e norte de Lugo totalmente colonizados, e avanzando por Oursense e o interior lugués, sendo as terras ourensás máis orientais as únicas limpas desta infesta.

"Os métodos de control dispoñibles non son suficientes para minimizar os impactos negativos desta especie", aseguran as investigadoras. 

Os seguintes mapas mostran o número de niños de avespa velutina desde 2013 ata finais de 2017 e a súa localización en Galicia (fonte: Rodríguez-Flores, M.S., Seijo-Rodríguez, A., Escuredo, O. et al. J Pest Sci, 2018). 
 
MÉTODOS DE CONTROL

A avespa asiática chegou a Galicia para quedarse. "O rápido avance de avespa velutina fai que sexa case imposible de erradicar", recoñecen as científicas. Polo tanto, e sendo realistas, a loita contra esta praga debe centrarse en minimizar o seu impacto. Eliminala semella xa tarefa imposible. 

"Os métodos de control dispoñibles non son suficientes para minimizar os impactos negativos desta especie", aseguran as investigadoras da Universidade de Vigo. 

Entre os métodos de control utilizados actualmente para tentar frear a súa expansión destaca a captura de raíñas na primavera. As trampas de cebo con alimentos que atraian estes insectos invasores colócanse en puntos estratéxicos para capturar a maior cantidade de velutinas. O obxectivo principal desta opción de control é capturar raíñas fundadoras de colonias. Desta maneira, explican as científicas, "fórmanse menos colonias nos meses de verán, cando as avespas atacan con maior frecuencia as colmeas". O segundo obxectivo é reducir a presión da velutina nas proximidades das colmeas de abellas autóctonas durante a tempada estival.

"É necesario desenvolver a detección temperá da avespa velutina e técnicas temperás de control. Tamén se requiren protocolos de vixilancia para reducir a propagación e o impacto negativo desta especie. Nesta perspectiva, é importante identificar as rutas de dispersión da velutina e caracterizar a paisaxe e as condicións climáticas que favorecen a súa invasión", expoñen as investigadoras.

Os atraentes caseiros e diversos produtos comerciais de tipo químico utilizados nas trampas cebo non son específicos para a velutina, polo que tamén atrapan outros insectos, moitos deles, claves nos ecosistemas. 

O primeiro método utilizado para controlar esta praga foi a colocación de trampas de cebo para capturar raíñas fundadoras de colonias. Desta forma, é posible reducir a cantidade de niños. Con todo —apuntan as científicas— "este tipo de trampa captura inevitablemente outras especies de insectos, incluídos os dípteros e os himenópteros, que desempeñan papeis fundamentais como polinizadores", polo que este método non resulta o máis eficaz.

As investigadoras lembran que desde 2015 —cando a praga xa era unha realidade—, "os apicultores e outros grupos da sociedade galega estableceron trampas de cebo" con "atraentes caseiros e diversos produtos comerciais" de tipo químico. O problema, indican, é que "o atraente utilizado nas trampas de cebo non é específico para a avespa velutina", polo que tamén é atrapada unha ampla variedade de insectos, moitos deles, claves nos ecosistemas. É por isto que as investigadoras avisan de que "se necesita un atraente específico" para a velutina, "para minimizar o impacto adverso das trampas de cebo na biodiversidade dos polinizadores".

A ALTITUDE, UN FACTOR DETERMINANTE

O estudo evidencia que as variacións na paisaxe galega poden promover ou inhibir a dispersión da velutina. De feito, os resultados indican que a altitude está altamente  correlacionada coa expansión desta especie e co número de individuos capturados nas trampas de cebo. Na investigación realizada en Galicia, a velutina observouse con maior frecuencia nas zonas costeiras.

Varios estudos previos xa demostraran que a avespa asiática se expande rapidamente a través das áreas costeiras e prefire altitudes máis baixas para o seu establecemento, xa que nestas áreas atopan "recursos valiosos" para o desenvolvemento das súas colonias, como son restos de peixes e moluscos, que forman parte da súa omnívora dieta, na que tamén inclúen carne, froita e outros insectos e invertebrados para alimentar as larvas. Pero a maior preocupación céntrase na súa voracidade coas abellas melíferas —coas que é especialmente agresiva (son unha importante fonte de proteínas para as asiáticas)—, poñendo en perigo esta especie, que é fundamental para o equilibrio ecolóxico polo seu importante papel polinizador.

A velocidade e intensidade da propagación da velutina en Galicia "parecen indicar un futuro incerto", alertan as científicas da Universidade de Vigo.

A ciencia sabe que a veltuina e a avespa crabro —autóctona europea— teñen patróns similares de depredación de abellas, pero a especie nativa, que está ben adaptada ao territorio, non tivo unha influencia significativamente negativa na apicultura local, como acontece coa asiática, que ten un impacto "moi alto" nas colonias de abellas.

O estudo salienta que as áreas montañosas interiores poden ser unha barreira para a expansión da velutina. Porén, a avespa crabro semella estar mellor adaptada a estas condicións.

"Con todo, a velocidade e a intensidade da propagación [da velutina] a través da maior parte do territorio [galego] parecen indicar un futuro incerto", advirten as investigadoras.

OUTRA CLAVE: AS CONDICIÓNS METEOROLÓXICAS

As condicións meteorolóxicas tamén poden afectar a expansión desta especie. O estudo asinado por científicas da Universidade de Vigo mostra que "as temperaturas medias e mínimas se correlacionan positivamente coa presenza de velutina, mentres que a temperatura máxima e as temperaturas por enriba de 7°C se correlacionaron negativamente con ela".

As investigadoras conclúen que as temperaturas moderadas favorecen a presenza deste insecto invasor e depredador.

Tamén constataron que o punto de orballo e a humidade relativa tamén se correlacionan positivamente coa presenza da avespa asiática.

A velutina "demostrou ser capaz de invadir moitas máis áreas continentais do que inicialmente se esperaba" e prevese que co cambio climático aumente a súa adaptabilidade.

"A orixe asiática de avespa velutina suxire que prefire climas tépedos a subtropicais. En Europa, tenderá a expandirse ao longo das costas dos países que invade. Estes inclúen as costas do Atlántico, o Mediterráneo e as rexións do sur dos mares Negro e Caspio", expoñen as autoras do estudo.

Con todo, matizan que "a preferencia das áreas costeiras non implica que as condicións climáticas sexan barreiras para a expansión desta praga de insectos". De feito, a velutina "demostrou ser capaz de invadir moitas máis áreas continentais do que inicialmente se esperaba" e as previsións científicas son que coa intensificación do cambio climático aumente a adaptabilidade climática desta especie, favorecendo a súa expansión,

Galicia ten "dúas áreas bioxeográficas moi diverxentes", apuntan as científicas galegas. Por un lado, a parte principal do territorio ten un clima atlántico e vexetación eurosiberiana, con temperaturas moderadas, abundantes choivas, invernos suaves, veráns frescos e baixa oscilación térmica anual; condicións que favorecen a invasión da velutina.

"Aínda que a rexión fitosociolóxica mediterránea de Galicia ten un clima continental que non é particularmente propicio para os asentamentos de colonias de avespa velutina (oscilación de temperatura ampla, invernos fríos, veráns calorosos, alta amplitude térmica e escasa precipitación), a especie continúa estendéndose nesta área", alertan as autoras.

ESPECIE ADAPTADA A CONTORNAS URBANAS

A avespa asiática está, ademais, ben adaptada ás contornas urbanas. Como se destaca no estudo, moitos dos seus niños sitúanse nas partes altas de estruturas humanas en zonas urbanas e semiurbanas, especialmente durante a tempada de aniñación primaria. "A gran variedade de edificios nos que se construíron niños primarios e secundarios demostra a preferencia semiurbana da avespa velutina", afirman as investigadoras.

Piñeiros e eucaliptos son as especies de árbores nas que a avespa asiática instala máis niños secundarios en Galicia.

Tamén as árbores son excelentes sitios para a instalación de niños secundarios, especialmente por enriba dos 15 metros, sen que estes insectos teñan unha especial preferencia por algunha especie concreta. Porén, a reforestación en Galicia favoreceu a expansión de piñeiros e eucaliptios, que son os principais albergues dos niños secundarios da velutina. Os niños tamén son comúns en árbores froiteiras preto dos ríos, xa que, como se di no estudo, a auga é un elemento fundamental para a construción destes. Con todo, os niños tamén son cada vez máis comúns no chan e nos arbustos.

O estudo, titulado 'Spreading of Vespa velutina in northwestern Spain: influence of elevation and meteorological factors and effect of bait trapping on target and non-target living organisms', vén de ser publicado na revista científica Journal of Pest Science e está asinado por María Shantal Rodríguez Flores, Ana Seijo Rodríguez, Olga Escuredo e María del Carmen Seijo Coello.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

Lajante Bescansa

Mentras as avespas asiáticas non colonicen is parques de Madrid, non se vai facer nada para erradicar a plaga.


1

José

A correlación coa altitude é porque aínda non chegou ás zonas montañosas, desde o inicio da súa expansión na costa. Probábelmente tarde algo máis en ocupar as montañas. Pero esta especie na China tamén está presente en zonas máis frías a máis de 1000m de altitude.


Avespa velutina fotografada por Danel Solabarrieta e localización dos niños en Galicia en 2017, mapa elaborado por Rodríguez-Flores, M.S., Seijo-Rodríguez, A., Escuredo, O. et al. J Pest Sci (2018).

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.