ELECCIÓNS.- EU pensa en volver ao Parlamento

Política - 23 Abril 2005

Dende Esquerda Unida-Esquerda Galega (EU-EG) están convencidos de que poden sacar algún escaño nas próximas eleccións galegas. Hai unha semana, na reunión que mantivo o comité federal de EU coa presencia de Gaspar Llamazares, sinalouse que a crise do BNG pode favorecer a esta formación e lembraron que algo semellante xa pasou en Ferrol, onde parte dos votos do ex alcalde Xaime Bello foron para a concelleira Iolanda Díaz. Llamazares comprometeuse a volcarse con EU-EG durante a campaña electoral.

ELECIÓNS.- Beiras descartase para ir nas listas

Política - 22 Abril 2005

O propio Beiras descartouse hoxe para ir nas listas y sinalou que sempre dixo que non ía ser un "deputado vitalicio". Nembargantes, deixou a porta aberta para voltar ao Parlamento noutra lexislatura, quizais na VIII, porque "a vida da moitas voltas" e porque non ten vontade de desaparecer da "biosfera" nos próximos tempos.

ELECCIÓNS.- Beiras "segue crendo" no BNG

Política - 22 Abril 2005

Beiras quixo hoxe aproximarse Quintana. Nunha rolda de prensa no Parlamento, probablemente a súa última intervención na Cámara tras máis de 20 anos como deputado, sinalou que segue "crendo" no BNG. "Hay que votar unha opción alternativa e eu sigo crendo no nacionalismo que é o único que expresa e formula un proxecto para este país. E iso é claro", afirmou ao ser preguntado se traballará polo cambio. Tampouco descartou intervir na campaña: "iso é materia reservada", limitouse a respostar.

ELECCIÓNS.- No PP, problemas na Coruña e en Pontevedra

Política - 22 Abril 2005

No PP tamén hai dificultades para confeccionar as listas. Así, a dirección popular traballará arreo os próximos días para rematar o plantel electoral, sobre todo na Coruña e en Pontevedra. Na primeira, o ex ministro Romay Beccaria está movendo as súas fichas para situar xente de confianza nos primeiros postos, mentres que en Pontevedra o problema radica en situar a algúns dos actuas deputados que poden quedar sen acta.

ELECCIÓNS.- Os temores do BNG

Política - 22 Abril 2005

O principal temor da dirección nacionalista ante o adianto electoral non é a confección das listas, do programa electoral ou a organización da campaña, senon que Beiras volva falar na prensa. Saben que agora o tempo corre á contra e agardan que o ex presidente do Consello Nacional participe na campaña con máis forza que nunca para derrotar a Fraga porque un dos argumentos que éste utilizou para adiantar as eleccións foi, precisamente, a crise que desencadenou Beiras no BNG coa súa demisión.

ELECCIÓNS.- O desembarco de ministros

Política - 22 Abril 2005

O adianto electoral modificou o plantexamento electoral dos socialistas galegos. A cúpula do PSOE pecharase esta fin de semana para confeccionar, definitivamente, o cartel electoral. Tamén Pepe Blanco acudirá a Galicia para coordinar a campaña dos cargos do Goberno. Os socialistas pretenden contrarestar o golpe de Fraga cun desembarco de ministros e do propio ZP. O Goberno central fará todo o que non fixo nun ano en dous meses, mesmo con anuncios grandilocuentes sobre as infraestructuras, o PEIT e o Plan Galicia. Hoxe mesmo visitarán Galicia Jesús Caldera e Elena Espinosa

ELECCIÓNS.- PPdeG e PSdeG comezan a campaña

Política - 22 Abril 2005

PPdeG e PSdeG comezaron hoxe a campaña electoral a través dos medios de comunicañción. Así, os populares esixen nunha publicidade na Voz de Galicia que o Goberno cumpla o Plano Galicia, mentres que os socialistas insertaron unha páxina en todos os xornais galegos cunha foto de Touriño e o slogan "Preparados para gobernar". Estes dous partidos dispoñen de amplios recursos financieiros para o desenvolvemento da campaña e mesmo se desplazarán a Latinoamérica e Europa con prensa incluida. No BNG a caixa está moito máis minguada.

O "escudeiro" de Beiras

Política - 22 Abril 2005

Dende que comezou a crise no BNG o deputado ourensán Chema Ferreiro non se separa de Xosé Manuel Beiras no Parlamento. Ambos os dous son moi amigos dende a súa etapa de viaxe en Esquerda Nacionalista, formación da que foron expulsados logo da X Asamblea Nacional. Hai quen xa lle apoda maliciosamente como o "escudeiro" de Beiras.

ELECCIÓNS.- Ibarra non quere pacto co BNG

Política - 21 Abril 2005

O presidente extremeño, Juan Carlos Rodríguez Ibarra, non quere un pacto PSdeG-BNG na Xunta. Ao ser preguntado nun acto no que participaba en Segovia comentou que "si fuera gallego haría una apuesta clarísima: o bien que gobierne Fraga o bien que gobierne el PSOE, pero como anden con tonterías y metan por medio al Bloque, se pueden tirar años discutiendo".

ELECCIÓNS.- Diferencias no PSdeG vigués

Política - 21 Abril 2005

Por outra banda, no PSdeG vigués difiren sobre os obxectivos do cambio na Xunta. Así, mentres Pérez Mariño asegura que Touriño cambiará o PGOM se é presidente, tanto Miguel Barros como Manel Gallego aseguran que as eleccións non poden ser consideradas como un referéndum deste plan.

As claves do adianto

Política - 21 Abril 2005

Finalmente xa hai data oficial, 19 de xuño. O presidente galego, Manuel Fraga, decidiu adiantar os comicios moi ó seu pesar xa que tiña anunciado que ían ser outubro. Pero puido máis o aparello do partido que a súa palabra. As presións de grandes sectores do PP, especialmente de Madrid, obrigaronlle a reconsiderar a súa decisión. Entre os principais argumentos utilizados polos defensores desta teoría están a crise do BNG, os sondeos que lle dan maioría, coller a contra pé ós estudiantes (que estarán en exames e, tradicionalmente, son votantes de esquerda), evitar a mala prensa dos incendios do vran e, sobre todo, aproveitar a baza do incumplimento do Plan Galicia, que comezou a calar na xente.

Eleccións en xuño

Política - 21 Abril 2005

Fraga convocou esta mañán as eleccións autonómicas para xuño, catro meses antes do previsto. Todos os seus conselleiros e dirixentes do PP galego xa están preparados. A reunión que mantivo onte con Baltar foi, precisamente, para pechar a lista electoral en Ourense. Os populares galegos parten con ventaxa porque xa teñen, prácticamente, pechadas as candidaturas, aínda que hai certos problemas de encaixe en Pontevedra e A Coruña.

Novo colectivo republicano

Política - 21 Abril 2005

Onte presentouse oficialmente a Plataforma de cidadáns pola República en Galicia coa participación do catedrático e republicano, Xesús Alonso Montero, e o vicepresidente desta plataforma, Raúl Marco. Este colectivo viña traballando dende o pasado ano para organizarse e conta con presencia en Vilagarcía, Pontevedra, Santiago e A Coruña. Consulta aquí a información que dimos en novembro.

As presións de Madrid

Política - 20 Abril 2005

O presidente galego está sometido a unha gran presión por parte do PP de Madrid para adiantar as eleccións a xuño. Dende Xénova xurdiron os rumores a pasada semana, e dende Xénova se encargaron de movilizar á tropa galega para presionar ou convencer a Fraga. Nesta táctica interviu ata o propio Rajoy. O anuncio da Ser de hoxe ía neste sentido. Xa son moitos os conselleiros -da boina e do birrete- que apostan por esta opción e non sería de estrañar que o presidente galego anunciara o adianto mañán. Dende a oposición están convencidos tamén que os comicios serán en xuño. Pero a decisión é, exclusivamente, de Fraga.

A marxinación de Sineiro

Política - 20 Abril 2005

Un dos históricos deputado do PSOE que non conta nas quinielas electorais da dirección socialista é o ex conselleiro de Agricultura durante o tripartito, Francisco Sineiro. Sineiro, un grande amigo do actual embaixador para as relacións coas comunidades galegas no exteriror, Miguel Cortizo, leva distanciado de Touriño e do seu equipo parlamentario dende hai meses.

"Chulerías e vaciles"

Política - 19 Abril 2005

Hoxe viviuse unha escena moi tensa na comisión de Educación e Cultura do Parlamento galego. A secretaría xeral para o deporte da Xunta contestaba a unha pregunta do deputado José Manuel Lage Tuñas sobre as partidas orzamentarias adicadas a fomentar o deporte entre os universitarios dende 2002.

¿Adianto electoral?

Política - 19 Abril 2005

Hai un sector do PP galego, apoiado por Madrid, que presiona a Fraga para que adiante as eleccións a xuño. Este círculo está convencido de que se os comicios se celebran dentro de tres meses, o PP obterá maioría absoluta.

Os 'Non Adscritos' definen o seu futuro

Política - 18 Abril 2005

Os 'Non Adscritos' reuniranse nos vindeiros días para tentar "redifinir" o futuro desta corrente que está divida entre os que defenden a Beiras e os que apoian a Quintana. Por un lado, Quico Chivite e Emilio Ínsua que contan co apoio do Salnés, Ferrol e parte da Coruña. No outro lado Mera con Santiago, parte da Coruña e o Ribeiro. O resto fluctúa. Hoxe mesmo aparece unha entrevista de Roberto Mera en El progreso.

Un oco para mostovoi

Política - 18 Abril 2005

Acabou a traxectoria de Mostovoi no Alavés con 17 minutos de xogo, dous remates e un gol. As diferencias con Piterman foron cruciais para a súa nova espantada do futbol español. Pero o ruso podería recalar en Vigo. Dende o clube non descartan facerlle unha merecida homenaxe e tampouco descartan buscarlle un oco na actual directiva. Quen xa deu o seu si foi Vázquez que traballa xa no equipo de primeira división a pesares da derrota de onte contra o colista.

Rompeuse o soño do Pontevedra

Política - 18 Abril 2005

A derrota do Pontevedra o pasado sábado en Almería botou por terra os soños da afeción granate de permanecer en Segunda. Na cidade do Lérez xa pensan en Segunda B aínda que seguirán apoiando a morte ó seu equipo, como ata agora. O presidente, Nino Mirón, pensa plantexarlle a Arguibay que continúe como adestrador na categoría inferior. Tamén na próxima tempada non estarán históricos do equipo como Canabal, Mauro García ou o porteiro do ascenso, Paco Bazán.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.