Segundo informou a entidade a través dun comunicado, durante estes dous días de traballo recibiron charlas de expertos en emprendimiento e de persoal de
Abanca, que lles axudaron a definir cal será a maneira de colaborar coa entidade en busca da proba de concepto a desenvolver.
Nestas xornadas de traballo, emprendedores de prestixio como Eduardo Martínez García, fundador e CEO de LUM, unha app que ofrece ferramentas para cambiar a forma de ofrecer a banca comercial, e Lorenzo García Tamarit, CEO de
TheLogicValue.com, empresa de software financeiro, ofreceron sesións formativas aos asistentes. Ademais, Augusto Santos, CEO de Fintech Portugal, trasladoulles a súa visión sobre o ecosistema fintech en España e Portugal.
Por parte de Abanca, as startups seleccionadas puideron coñecer, a través do 'Café Fintech', a estratexia de innovación do banco da man do director xeral de IT, Información, Procesos e Operacións, Jose Manuel Valiño, e da directora de Mercadotecnia, Susana Ortiz.
Durante os dous días de duración do Bootcamp, as startups tamén tiveron a oportunidade de presentar os seus proxectos ante as diferentes áreas de Negocio, Tecnoloxía, Participadas e Innovación do banco co obxectivo de demostrar que a súa proposta de valor ten encaixe coas necesidades da entidade e así poder pasar á seguinte fase do programa. Máis de 30 mentores de Abanca axudáronlles a detectar necesidades e a enfocar a súa proposta de valor para que se adaptase ás necesidades da entidade.
Tras estas dúas sesións, Abanca decidirá a continuación ou non do desenvolvemento das probas de concepto. Nunha semana, todos os proxectos que participaron no Bootcamp recibirán feedback por parte de Abanca acerca da viabilidade do seu proxecto.