Beatriz Pino celebra a vitoria de Arrimadas en Ciudadanos

Confía en que os críticos no partido "axudarán" para os próximos comicios e ratifica a súa intención de acudir ao debate da CRTVG.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2020

A portavoz de Ciudadanos (Cs) Galicia e candidata ás eleccións do próximo 5 de abril, Beatriz Pino, celebrou este luns a vitoria de Inés Arrimadas nas primarias da formación laranxa, á vez que avanzou a súa intención de envorcarse na campaña galega.

"Hoxe é un día importante e estamos moi satisfeitos pola vitoria dunha muller valente, que é claramente o futuro do partido", sentenciou Pino, antes de incidir en que Arrimadas se fixo co liderado de Cs co 76% dos votos e é a única líder muller dos principais partidos estatais.

Pino, que forma parte do seu equipo, remarcou que a cúpula da que se rodeou a nova presidenta de Cs evidencia o que é "o fenimismo ben entendido", posto que as mulleres son protagonistas na súa executiva. Así mesmo, deu por feito que, con ela á fronte, "o centro liberal volverá ilusionar a moitos españois e galegos".

Preguntada acerca de se considera que os críticos se envorcarán na campaña galega, remarcou o seu "respecto" por quen consideraron oportuno defender "un modelo de partido distinto"; pero deu por feito que agora "todos" os integrantes da formación "remarán na mesma dirección".

"Confío en que axuden, espero que así sexa", esgrimiu, e sinalou, como exemplo de que se pode traballar conxuntamente, que, aínda que non fraguou, ela ofreceu a Manuel Jesús Morgade —quen, afín á liña crítica, se presentou ás primarias para a candidatura á Xunta e quedou como segundo máis votado— ir na candidatura da formación por Pontevedra.

PRESENZA NO DEBATE

Coa vista posta na campaña, Pino ratificou a súa intención de acudir ao debate convocado pola CRTVG para o próximo 23 de marzo, unha cita á que a corporación pública tamén convidou a PPdeG, PSdeG, BNG, Galicia en Común-Anova Mareas e Vox.

"Estaremos neste debate e aproveitaremos calquera ocasión que haxa para expor o noso proxecto político de centro liberal", aseverou.

Pino, consciente de que --á espera de que Vox pronúnciese-- será a única muller, xunto con Pontón, no debate, remarcou que cada un dos integrantes defenderá o seu proxecto e confía en que haxa "bo ton e boa sintonía".

"MENTIRA" DO PPDEG

Por último, acerca de se considera que lle prexudicará electoralmente o intento de coalición co PP galego que non chegou a selarse (e os posteriores contactos para as candidaturas), replicou que ela se centrará en defender o seu proxecto político.

Ao tempo, criticou que o PPdeG recorrese "á mentira e á falta de rigor" despois de propor "silenciar e absorber" a Cs a cambio "de ofrecer cadeiras de brazos".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Beatriz Pino (Ciudadanos), nun acto con Arrimadas e outros dirixentes da formación laranxa / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.