Feijóo, partidario de excluír persoas vulnerables das mesas electorais

O presidente apela a unha interpretación "flexible" por parte da xunta electoral para "facilitar o voto sen medo e en liberdade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, suxeriu este luns que a Xunta Electoral Central debería facer unha interpretación "flexible" da normativa para facilitar, na actual conxuntura, que os galegos poidan exercer o 12 de xullo o dereito a voto de forma "responsable, sen medo e en liberdade".

Ao seu modo de ver, e aínda que precisou que el non ten en principio esa competencia, sería conveniente facilitar que persoas vulnerables poidan non estar nunha mesa electoral, ou cuestións como o voto por correo e mediante fedatario público.

De feito, foi preguntado expresamente polos galegos que viven en residencias e explicou que, ante esta conxuntura, "se hai unha persoa maior que non pode saír dunha residencia para votar, claro que pode facelo a través dun fedatario público, como xa sucede nas eleccións municipais ou xerais".

Feijóo subliñou que, neste caso, as fórmulas "son exactamente iguais ao resto de eleccións democráticas", pero tamén foi preguntado por outras situacións que poderían darse, como que haxa quen poida negarse a estar nunha mesa electoral por risco para a súa saúde ou que sucederá con aqueles galegos que teñen algunha enfermidade se son chamados a formar parte das mesmas.

Preguntado acerca de se, nesta conxuntura, alguén podería ser sancionado por negarse a ir a unha mesa electoral, replicou que el non é "competente" para pronunciarse respecto diso nin lle corresponde "sancionar ninguén". "Acabo de solicitar unha interpretación flexible das obrigas que teñen as persoas que resulten electas para formar parte das mesas", proclamou.

A continuación, interpretou que, igual que unha persoa que está de baixa por enfermidade pode alegar esta cuestión para non acudir ao colexio electoral, "alguén confinado podería alegar ese feito incontestable". "E entendo que a Xunta Electoral ten que aceptar esa alegación, son principios básicos de dereito vixentes en calquera momento", aseverou.

FAVORECER O VOTO POR CORREO

Aínda consciente de que hai unha lexislación electoral que é preciso "cumprir" e que determinadas precisións lle tocará facelas á Xunta Electoral, explicou que a Consellería de Presidencia estuda que criterios serían "recomendables" para garantir a seguridade, recomendacións que tamén analizarán os expertos do comité clínico que asesora o Executivo galego desde o principio da pandemia.

"Se é posible excluír persoas vulnerables das mesas, sería positivo. Pero non sei se é posible coa lexislación. Esperemos ter a interpretación máis favorable para coidar a saúde das persoas. Gustaríame que houbese a interpretación máis ampla para favorecer o voto por correo ou mediante fedatario público", dixo.

Tamén reiterou que haberá que garantir a distancia de seguridade para votar e mostrouse partidario de dar "facilidades" desde o punto de vista do horario nos colexios electorais.

Así, aínda que entende que a lei determina que os centros pechan ás 20,00 horas, asegurou que, dado o carácter excepcional da convocatoria, aquelas persoas que estean no colexio ou nas inmediacións do mesmo deberían poder votar aínda que se supere esa hora.

"Estamos a finalizar un informe de recomendacións; contrastarémolo coa Asesoría Xurídica e a Xunta Electoral", avanzou o presidente galego, quen defendeu que o obxectivo debe ser "facilitar o voto sen medo, responsable e en liberdade".

PETICIÓN DE COLABORACIÓN A SÁNCHEZ

Feijóo, quen na súa intervención asegurou non ter constancia de que o candidato popular vasco censurase o "interese electoral" de Iñigo Urkullu ao convocar o 12 de xullo, volveu defender que a opción "máis prudente" é convocar os comicios na data máis próxima que permite a lei.

"A diferenza entre facer as eleccións en xullo ou en setembro é un millón de turistas máis. Se o turusmo baixa nun 50%, pois medio millón. Unha diferenza substancial, clave", defendeu o presidente, quen insistiu en que o reto debe ser garantir todas as medidas de seguridade.

Para iso, asegurou que espera a "colaboración" da Administración central e así llo demandou, segundo revelou, nunha conversación, ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Pregúntome...

E nesta ocasión, botaránlle juevos as monxas e voltarán acarrexar vellos ás urnas???


O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo / Xunta.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.