ELECCIÓNS: Gonzalo Caballero pide unha cara a cara con Feijóo e debates con todas as forzas

Galicia en Común propón debates sectoriais na CRTVG e o BNG, que se mande toda a publicidade xunta. Cs vese en forma para presentarse e proponse facer unha campaña "moi dixital". En Marea busca alianzas con plataformas municipalistas. O presidente da Deputación de Lugo, sobre as eleccións o 12-X: "É unha estratexia de Feijóo".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/05/2020

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, destacou que os socialistas galegos farán unha campaña "en positivo" para "mobilizar a todo o electorado progresista" e darlle ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, "unha sorpresa" nas próximas eleccións do 12 de xullo.

De cara a esta cita e ante a situación excepcional derivada da crise sanitaria polo coronavirus, instou a Feijóo a manter unha cara a cara con el, así como a participar en varios debates co resto de forzas con representación na Cámara galega e citou expresamente o BNG e a Galicia en Común-Anova Mareas.

"A Feijóo non lle gusta debater", quen confirmou que participará en "todos" os debates aos que acuda o candidato do PPdeG e actual presidente da Xunta.

E é que, na súa opinión, as circunstancias excepcionais remarcan a importancia de realizar este tipo de actos para que se poida confrontar as ideas e "garantir a calidade democrática" dun proceso que, na súa opinión, Feijóo convoca ás "présas" para "pasar no bico dos pés" e evitar as responsabilidades da súa xestión na crise. "Despois de que force a Galicia a ir a eleccións, o mínimo é aceptar todos os debates", sinalou.

Neste punto, tamén pediu que a CRTVG faga un "seguimento amplo" da campaña electoral con máis espazo para a información dos distintos partidos "de acordo á normativa" e en contraposición ao que considera que ata agora foi unha xestión dos medios públicos "indecente e impropia dun país democrático" por parte do PPdeG.

"Feijóo compareceu en 27 ocasións en roldas de prensa retransmitidas en directo", censurou o socialista, que acusou os populares de considerar que "Galicia é o seu chiringuito" no que pode "campar pola tele Feijóo sen ningún tipo de límites nin castigo". "A cidadanía está farta desta manipulación", advertiu.

EN COMÚN

A coalición Galicia en Común-Anova Mareas considera que a Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) debe asumir un papel protagonista na "anómala" campaña para as eleccións do 12 de xullo organizando, ademais de encontros entre as cabezas de lista, debates sectoriais nos que as distintas candidaturas confronten os seus proxectos para cada área.

Este martes, nunha rolda de prensa telemática, o portavoz de En Común, Antón Gómez-Reino, apuntou que a súa campaña será "diferente" e na que cobrarán especial protagonismo os medios telemáticos, pois "a saúde" estará por encima de todo. "Non imos facer nada que poida insistir na irresponsabilidade que xa é convocar eleccións neste momento", incidiu antes de subliñar que "a preocupación fundamental" de Galicia en Común "é a situación sanitaria e epidemiolóxica do país".

Neste sentido, En Común cre que os medios públicos de Galicia deben "reforzar" o seu papel para facer chegar aos galegos as propostas políticas en liza o 12 de xullo. Para iso, propoñen a celebración de debates na CRTVG que non se limiten aos candidatos á Presidencia da Xunta, senón que se abran a mesas "sectoriais" nas que as distintas opcións políticas confronten os seus proxectos.

BNG

Tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propuxo varias medidas encamiñadas a realizar unha campaña na que se poidan "contrastar" as ideas dos distintos partidos políticos sen impedimentos pola crise sanitaria do coronavirus e, por iso, lanzou a idea de facer chegar ás casas toda a propaganda electoral nun único envío para aforrar custos e gañar en garantías sanitarias.

Así mesmo, pediu "neutralidade informativa", de forma que leven a cabo polo menos "dous debates" nos medios públicos, entrevistas coa cabeza de lista das provincias e aumentar o tempo que destinan os medios públicos ao seguimento da carreira cara ás urnas.

Tamén reclamou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que estableza un protocolo para dar garantías sanitarias nos colexios electorais e en todo o proceso electoral, así como barallar excepcións para aquelas persoas que teñan a obrigación de estar nunha mesa electoral.

Pontón lamentou o "cinismo" do tamén candidato do PPdeG, por asegurar que dará instrucións para realizar unha campaña de baixa intensidade á vez que, dixo, "leva de campaña dous meses" na televisión pública galega, con "31 mitins", en referencia ás roldas de prensa retransmitidas polo ente público.

CIUDADANOS

Ciudadanos (Cs) Galicia vese en forma para presentarse ás próximas eleccións do 12 de xullo, xa que considera que cada día a súa "implantación" nas distintas provincias galegas é "maior", e aposta por facer unha campaña "moi dixital" no proceso de reactivación da crise sanitaria do coronavirus.

Así o trasladou a portavoz da formación laranxa en Galicia, Beatriz Pino, quen defendeu que, aínda que non é "o momento ideal" para uns comicios, Cs é "unha formación seria" e afrontará "con forza" e "desde un punto de vista construtivo" as eleccións galegas.

En todo caso, apelou a "non perder de vista" os máis de 600 falecidos en Galicia durante a pandemia, e tras remarcar que é preciso manifestar "todo o respecto" ás súas familias, engadiu que os partidos políticos deben actuar "con coherencia" e, se se busca promover a saúde pública, dar a coñecer as súas propostas con "responsabilidade".

Pino, quen participou por vía telemática na reunión na que o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, ratificou a súa intención de convocar en xullo como a opción "máis segura" desde o punto de vista dos expertos consultados pola Xunta, reafirmouse en que os galegos non están agora "coa cabeza nas eleccións" e en que Cs "é consciente de que non é o momento ideal".

Preguntada sobre as distintas interpretacións que distintos asistentes fixeron da postura de Cs nesa situación --por exemplo, PP e En Marea aseguraron publicamente que Feijóo contaba co apoio da formación laranxa, aínda que esta posteriormente insistiu publicamente en que xullo non era a data "ideal"--, Pino explicou que, inicialmente, reafirmouse na tese de que non é o momento óptimo. Pero logo matizou esta posición.

"Vendo despois que hai que ir a eleccións e que era o escenario que había, avogamos por ser construtivos. Non me gustaba a data de xullo, pero tampouco había alternativas. Quixemos ser construtivos e útliles", esgrimiu, na mesma xornada na que o decreto de convocatoria do 12-X que asina Feijóo ratifica por escrito o apoio de Cs á opción de xullo.

EN MAREA

A coportavoz de En Marea, María Chao, manifestou que o decreto de convocatoria de eleccións debese incluír unha "cláusula" para a suspensión das eleccións autonómicas na parte dispositiva, no caso de que os comicios non se poidan celebrar o próximo 12 de xullo, como quedaron convocados este martes coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).

"Seguimos pensando que a data menos mala sería o 19 de xullo, tal e como demandamos na reunión co presidente da Xunta", apuntou Chao en declaracións facilitadas aos medios de comunicación, nas que pediu que para a campaña electoral debe garantirse "a mobilidade entre provincias" de Galicia, algo que aínda non está previsto, pero que o Goberno galego solicitou para a fase 2.

Así mesmo, María Chao fixo un chamamento ás plataformas municipalistas para tratar de alcanzar unha alianza galeguista para os comicios autonómicos, despois de que En Marea decidise non presentarse ás eleccións do pasado 5 de abril por "responsabilidade" para evitar dividir o voto na esquerda e tras a retirada do entón líder, Luís Villares, da primeira liña política.

A coportavoz de En Marea reclamou que se "garantan todas as medidas de seguridade a todas as persoas que participen" no proceso electoral e feito unha mención especial ao servizo de Correos.

CRÍTICAS DO PRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO

Por outra banda, o presidente da Deputación de Lugo, o socialista José Tomé, considera que fixar o 12 de xullo as eleccións autonómicas “obedece máis ben a unha estratexia” do PPdeG e do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que “a unha necesidade” dos galegos nestes momentos.

En declaracións aos medios este martes, Tomé cre que estes comicios estarán condicionados por “unha situación sanitaria delicada” que “pode pór en risco os cidadáns” tanto pola súa participación en actos electorais como o propio día da votación.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Estudio da Corporación de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) preparado para un debate a seis nas eleccións autonómicas galegas para o 5 de abril. CRTVG - Arquivo

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.