Poden ser as máscaras o novo complemento de moda?

As teas estampadas poden facer máis atractivo o seu uso, que será obrigatorio a partir deste xoves. GC fala con dúas docentes e deseñadoras e cunha artesá sobre o camiño das máscaras cara ao plano da moda.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/05/2020

O uso de máscaras será obrigatorio a partir deste xoves para todas as persoas maiores de seis anos onde non poidan gardarse as distancias. De non levalas poderemos incorrer en multas desde os 100 euros. Con todo, esta protección tampouco debe xerar falta seguridade. Trátase dun medio complementario e segue sendo fundamental cumprir co resto de medidas preventivas como a distancia de seguridade e o lavado de mans para evitar a transmisión do virus.

Iso si, estas pezas de protección, tan controvertidas dende o comezo da pandemia e suxeitas a diversísimas opinións por parte das autoridades sanitarias, parece que chegaron para quedar, polo menos ata que non se descubra esa ansiada vacina para a que aínda haberá que agardar un tempo. Non resulta estraño, logo, que o sector da moda vexa nelas a posibilidade de convertelas nun complemento máis do noso 'outfit'.

UN ACCESORIO MÁIS

Pode resultar frívolo de primeiras, pero o certo é que incorporar estes elementos como un accesorio axuda a normalizar o seu uso e a aceptar esta nova realidade á que nos enfrontamos. "As máscaras van estar convivindo con nós durante moito tempo; penso que é un obxecto funcional que axiña vai pasar ao plano do complemento que lle dea un toque de cor ao resto da nosa vestimenta", fala Noemi Vázquez, docente na EASD Mestre Mateo e deseñadora. Esta protección está fondamente asociada a un "terreo aséptico e a cuestións de enfermidade"; e por iso, ser creativos con elas fai que as desliguemos de ideas negativas e as "levemos ao noso terreo". 

Convertidas en elemento universal, empregadas en cada punta do mundo para frear o coronavirus, non escapan ao interese das deseñadoras e das artesás que intentan facer delas pezas "máis agradables á vista". Noemí Vázquez augura que tampouco tardaremos moito en ver guantes de cores e con estampados. Polo momento, a multinacional Inditex volveu de novo ser foco nestes días a raíz do emprego de máscaras como parte dos traxes das modelos nas novas coleccións e especúlase con que este sexa o primeiro paso antes de vender as súas propias con estampados.

MÁSCARAS DE CORES NO PEQUENO COMERCIO

Fóra do foco pero con fonda constancia, como sempre o caracteriza, algunhas tendas do pequeno comercio xa levan un tempo producindo nelas. É o caso de Leonor Díaz, artesá na tenda-taller Como pez en el agua, que comezou a coser máscaras case por casualidade. "Todo empezou cando un amigo me pediu que lle fixera unha, a partir de aí fun probando, fixen para min, para a veciña que tiña que saír ao médico... Puxen unha foto no Facebook e a xente empezoume a encargar; non estaba previsto!", explica. Agora, coa súa máquina de coser a pleno rendemento, Leonor crea máscaras con moi diversos estampados e preparadas para meter dentro un filtro ou incluso a propia máscara desbotable.

"Hai telas tan bonitas... Agora é a novidade, e temos que levala si ou si". Leonor recibe pedidos de clientela do seu barrio compostelá de San Pedro pero tamén do resto de Galicia e de fóra dela, dende Victoria ata Mallorca, e moitos deles pídenllas para regalo. Creando sobre a marcha e sorteando as dificultades da conciliación laboral e familiar, as redes sociais convértense para Leonor na canle máis directa de comunicación coa súa clientela. "Fágoas con estampados e cores moi alegres. Hoxe saes da casa, colles o bolso e pos a máscara... É como botar xel nas mans, son as novas rutinas", explica. "Sobre todo para as crianzas, pero tamén para os adultos, levar unha máscara de cores pode facer máis atractivo o seu uso, dentro do incómodo que xa resulta".

VESTIARIO DE CONFINAMENTO

Neste tempo non só as mácaras se volveron un elemento da nosa realidade cotiá. Tamén o xeito en que vestimos cambiou durante o confinamento. Quen non se puxo elegante de cintura para arriba e deixou o pantalón do pixama posto durante algunha videochamada? A comodidade chamou por nós neste tempo de resgardo e "quitarnos agora dela será complicado, máis aínda se volvemos atrás e temos que confinarnos de novo", cre Noemí Vázquez. "Ese aspecto cómodo vai seguir estándo aí, forma parte do noso vestiario, pero tamén é certo que agora que comeza a chegar o verán e as terrazas, tamén teremos ganas doutro tipo de prendas", conta. A moda, ao fin e ao cabo, está aí, as tendencias seguen o seu curso e a sociedade detrás delas.

CARA A UN CONSUMO MÁIS SOSTIBLE

Máis alá de modas, cambiarán os hábitos e a nosa maneira de consumir logo desta pandemia? As opinións son diversas neste sentido. Sandra García, tamén docente na Mestre Mateo e deseñadora, quere pensar que si, pero cre que "somos de memoria moi frouxa e as cousas malas esquécensenos tarde ou pronto". Cambiará a forma de mercar co fomento da venda online, pero é escéptica ao redor de se esta pandemia pode acelerar un consumo máis responsable. Noemí Vázquez, pola contra, ten a sensación de que este é un bo momento para reflexionar sobre como facemos as cousas e para dirixirnos cara a un lugar máis sostible. "Cando todo comezou, tiñamos a produción deslocalizada e mira o que pasou cos EPIs e as máscaras; puidémolas ter feito nós se manteramos as antigas fábricas".

No camiño cara a ese desexado futuro máis "consciente e reflexionado", Vázquez apela a pensar no modelo: "Cómpre volver ter preto a produción, consumir produtos artesás e coidar da natureza", sentenza.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Modelos de Inditex con máscara / © Miguel Núñez

Leonor Díaz cunha das súas máscaras / Facebook Como pez en el agua

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.