A propia Xunta queimará case 630 hectáreas de montes galegos para previr incendios

Serán nas demarcacións de Fisterra, Terra de Lemos, Verín e O Condado. Obriga a que os traballadores manteñan distancias de seguridade pola Covid-19 pero non lles realizará probas PCR.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/05/2020

A Consellería do Medio Rural pon en marcha este ano plans piloto en catro dos 19 distritos forestais existentes co fin de impulsar tarefas de prevención que se centren en zonas de especial abandono e afectación por incendios. Un plan que recolle realizar cortas de árbores en máis de 100 quilómetros e queimar case 630 hectáreas de xeito preventivo.

Así figura no plan de actuacións de prevención de incendios que prevé levar a cabo a Xunta en 2020, ao que tivo acceso Europa Press. Cada un dos catro distritos elixidos para este ano están nunha provincia diferente: Fisterra --distrito forestal V-- (A Coruña); Terra de Lemos --VIII-- (Lugo); Verín-Viana --XIV-- (Ourense) e  Condado-A Paradanta --XVII-- Pontevedra.

Estes plans son "unha práctica que, en diante, deberá estenderse ao resto dos 19 distritos", apunta a Consellería de Medio Rural neste documento de máis de 200 páxinas previo a que se coñeza o plan centrado na campaña de extinción (Pladiga) deste ano. Esta medida era unha das que se recomendaba nas conclusións da comisión parlamentaria de loita contra o lume.

Ademais, "por primeira vez", incluiranse nos plans do catro distritos piloto actuacións concretas no marco dos perímetros de alto risco de incendio (PARI) --figura regulada na lei de prevención de incendios de 2007--, que permite levar a cabo actuacións preventivas en zonas de actuacións urxentes "onde o abandono signifique un alto risco de propagación de incendios forestais".

ACTUACIÓNS

Rozas, devasas, eliminación de eucaliptos e piñeiros de marxes de estradas e melloras de pistas serán algúns dos traballos. Ademais, prevense máis de 130 queimas controladas a efectuar polo persoal do servizo de prevención nestas catro zonas. En concreto, nestes catro distritos forestais haberá unha trintena de actuacións para rozas en marxes de estradas ao longo duns 100 quilómetros de lonxitude.

No tocante aos traballos en detalle nos distritos piloto, no caso do forestal V de Fisterra haberá actuacións nos municipios de Camariñas, Vimianzo, Mazaricos, Carnota e Muros. Entre outras tarefas, faranse 26 queimas controladas nunha superficie de 375 hectáreas.

A modo de exemplo, un dos traballos que se priorizará é o que se realizará na parroquia do Pindo. A memoria de tarefas reflicte que se debe á "existencia de grandes lumes forestais no pasado e na inexistencia de infraestruturas de prevención que permitan levar a cabo un ataque ao lume". Para iso, proponse cortar 4.900 árbores, o tronzado de fustes de máis de 2.000 metros cúbicos e a recollida de residuos.

En Terra de Lemos, haberá cinco obras preventivas en perímetros de alto risco nos municipios de Bóveda, O Saviñao e Quiroga, tamén haberá rozas en Chantada e Pobra do Brollón, entre outros. Neste distrito forestal faranse unha decena de queimas controladas en 57 hectáreas.

No distrito de Verín-Viana, actuarase en diferentes municipios, desde a construción dun punto de carga de auga para helicópteros en Oímbra, ata a mellora de pistas en municipios como Laza, Cualedro, A Mezquita e A Gudiña.

Neste distrito ourensán avaliaranse 200 puntos de carga para o seu mantemento, arranxaranse 280 quilómetros de pistas forestais e realizaranse tarefas de silvicultura en 40 hectáreas. Tamén haberá nove queimas controlas en 155 hectáreas.

No Condado-A Paradanta haberá melloras en municipios como Mondariz, Covelo, Ponteareas e As Neves, así como ao longo de 12,6 quilómetros da liña de tren que une Vigo con Ourense nos concellos de Arbo e Crecente. Haberá 13 queimas controladas en 42 hectáreas.

Entre os perímetros de alto risco identifícase que o municipio das Neves conta cunha especial problemática de balance histórico de incendios con "gran presenza de interface urbano-forestal" e estado de "abandono" nalgunhas zonas.

PROTOCOLO FRENTE AO CORONAVIRUS

Mentres, a Xunta trasladou un protocolo aos traballadores de prevención fronte ao coronavirus --ao que os sindicatos presentaron alegacións-- no que se recolle que "se debe actuar sempre que sexa posible mantendo a distancia mínima de seguridade de dous metros".

Aínda que os sindicatos reclamaron que se fixesen probas PCR de forma masiva entre os traballadores do servizo antincendios, a Xunta fixa neste protocolo que se farán cando un empregado "manifeste síntomas compatibles co COVID-19". Para iso, Medio Rural establecerá unha canle de comunicación con Sanidade co fin de que se faga a análise "coa maior dilixencia posible".

Todo iso, mentres o Goberno galego destina este ano 30,5 millóns de euros ao plan de prevención, con traballos sobre o terreo que comezaron o 18 de maio para a limpeza de franxas secundarias.

Estes traballos de mantemento serán levados a cabo por unhas 5.500 persoas en 46.000 hectáreas, 5.800 quilómetros de pistas forestais e outras vías. Contempla tanto actuacións da propia Administración como aquelas previstas en colaboración con institucións --a través de convenios coa Consellería de Medio Rural-- e particulares.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

2 comentarios
2

Manuel..

Mellor non facer nada e os cartos gastalos en festas. Total o que vai arder é o monte. Malo será que chegue a cidade. Ademais temos bombeiros.


1

Allo

Casi mellor queimar toda Galicia e asi xa o risco de novos lumes é do 0%.. e despois a plantar millo ou demáis en plan Bolsonaro.. A prevencion hai que facela todo o ano, non no mes de xullo cando comeza o verán


Chan calcinado nun incendio en Galicia. EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.