Alarma pola paralización das festas populares: “Sen axudas, o sector está abocado á súa desaparición”

Calculan que está en risco o futuro de 7.000 familias que dependen directamente destes eventos e de máis de 20.000, se se suman as que se benefician de xeito indirecto. Esixen ás administración un “plan para salvar a campaña” ou “axudas para chegar á seguinte tempada”.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 22/05/2020

Unhas 7.000 familias viven con enorme incerteza e agonía a paralización das festas populares que se celebran por toda Galicia, por mor da crise do coronavirus. Este é o número de afectados directos que calculan os promotores e artistas destes eventos, pero que elevan a más de 20.000 se se suman “as que se benefician tamén de maneira indirecta” desta industria cultural.

“E todos estamos ante unha terrible encrucillada: se perdemos a totalidade da tempada de festas, encadearemos 18 meses sen ningún tipo de ingreso económico debido ao carácter estacional do noso sector, e co agravante de que xa fixemos investimentos que xa están gastados para esta temporada”, advirten nun manifesto no que esixen actuacións urxentes ás administracións públicas para que lles dean unha solución.

“Poñendo por diante toda a nosa sensibilidade coa situación sanitaria, pedimos ás administracións, con extrema urxencia, que nos tracen un plan para salvar a campaña”, expoñen. Con todo, “se isto non fose posible” pola evolución da epidemia da Covid-19, consideran necesario que se lles acheguen “axudas para chegar á seguinte tempada”.

“Sexan conscientes de que sen axudas de ningún tipo, como até agora, o sector estaría abocado practicamente á súa desaparición, e con el tamén desaparecería a maioría das festas coas súas tradicións, sobre todo as dos lugares máis pequenos”, o cal consideran que “sería moi difícil de entender e aínda máis de explicar, sobre todo a esa parte da poboación rural que nos últimos tempos sofre despoboamento, illamento, e que ten na celebración das súas festas patronais esa ligazón para poder reencontrarse cos seus amigos e familiares, moitos deles afastados dos seus lugares de orixe pola condición migratoria que temos os galegos”.

Os promotores desta iniciativa consideran importante o mantemento destas celebracións, porque nelas “se reflexan a esencia e a razón de ser de calquera comunidade” e que son “símbolo de unión, de encontros e de integración cos valores que as representan”.

“Cando un pobo celebra as súas festas, está transmitindo alegría, paz, orgullo, colectividade, participación, benestar e unha larga lista de valores”, enumera Dani Dopazo, de La Ocaband, como altofalante do colectivo.

Nesta liña, lembran que “un pobo que perde as súas celebracións e que se esquece das súas tradicións acábase consumindo nun presente sen esperanzas, sen referentes e, por tanto, sen identidade”.

“Galicia ten unha forte tradición ancestral en canto ás súas celebracións e isto, unido á gran dispersión de núcleos de poboación, fan que haxa todo un tecido industrial arredor das súas festas populares, que nestes intres están en claro perigo de desaparición e que tamén están convivindo día a día cunha terrible incerteza ao non saber a que aterse, porque as autoridades competentes deixaron moi clara a súa oposición á hora de prohibir as festas e verbenas”.

Neste sentido, censuran das administración públicas que “na desescalada non é que non teñan un plan, é que nos ignoran por completo”.

Lembran, ademais, o papel fundamental das comisións de festas, que “tamén están vivindo esta incerteza con igual preocupación, porque tamén necesitan información e manexar os seus tempos para poder colectar os orzamentos e poder organizar as súas festas”.

“Os artistas queremos darlle voz aos nosos técnicos, choferes, representantes artísticos, pero tamén ás demais partes esenciais que conforman a paisaxe das nosas festas populares, como son os bares de festa, electricistas, pulpeiros, rosquilleiros, toldeiros, todo tipo de de empresas de servizos...”, engade Dopazo en nome de todos.

Fai tamén “mención especial a atraccións de feira e postos ambulantes, tómbolas, etcétera, que son colectivos máis vulnerables polo seu carácter seminómada”.

“Nuns momentos tan cruciais, necesitamos que non se esquezan de nós, porque as festas son parte fundamental da nosa cultura popular. Porque as festas son cultura, salvemos as nosas festas”, conclúen.

Esta chamada a salvar as festas populares de Galicia chega logo de que, co gallo do Día dás Letras Galegas, o 17 de maio, orquestras e artistas coñecidos do circuíto das verbenas se unisen nun programa especial para defender o sector da festa popular galega.

O programa, que levou por título ‘Un canto a Galicia xuntos’, foi conducido por Lito Garrido e Fátima Pego en directo en Youtube e nel xa se lle pedirá “ás autoridades institucionais e sanitarias competentes que se pronuncien o antes posible” sobre este sector: “Se imos poder facer as actuacións das festas de Galicia e de toda España deste próximo verán, en que condicións, etc.”.

Agora, de novo organizados baixo esa mesma iniciativa –‘Un canto a Galicia xuntos’– alertan co seu manifesto do “perigo de desaparición” de todo un sector e dunha parte importante da tradición, da cultura e da paisaxe antropolóxica e sociolóxica de Galicia.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Verbena en Galicia co Combo Dominicano.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.