Os notarios advirten que co sistema tradicional é "imposible" xestionar "miles" de poderes electorais

A figura do fedatario en eleccións permite delegar os trámites do voto por correo noutra persoa sempre que exista un certificado médico

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/05/2020

En todo proceso electoral existe a posibilidade de, por motivos de saúde, delegar os trámites que implica realizar o voto por correo noutra persoa, que debe recibir un poder público validado por un notario desprazado ao domicilio do solicitante, quen ten que contar cun certificado médico que acredite a imposibilidade de abandonar a súa residencia por razóns de saúde ou incapacidade.

A figura do fedatario público foi apuntada polo presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, como unha das posibles vías para garantir a seguridade dos votantes nas eleccións galegas do 12 de xullo, unha cita marcada tamén pola pandemia de coronavirus que obrigou a suspender os comicios hai dous meses.

"Desde sempre, os notarios autorizamos os poderes electorais. Facultas a unha persoa para que, no teu nome, vaia buscar a documentación para realizar o voto por correo", sinala a decana do Colexio de Notarios de Galicia, Isabel Louro.

O solicitante está obrigado a acreditar medicamente que a súa enfermidade ou incapacidade lle impide acudir ao colexio ou realizar el mesmo o proceso do voto por correo, que require desprazarse de forma presencial a unha oficina de Correos para solicitar a documentación e, unha vez recibida, volver para entregar o sobre que contén a papeleta.

En ningún caso, como lembra a decana dos notarios galegos, o poder electoral autoriza a unha persoa a acudir en nome doutro a depositar o voto en urna. É un poder exclusivamente válido para encargarse dos pasos que implican votar por correo nunhas eleccións.

"O poder é para a retirada da documentación. O acto de meter a papeleta no sobre é personalísimo. O que pode é delegarse o trámite do voto por correo e a súa entrega nas oficinas de Correos", engade Louro.

Ademais, trátase dun poder individual, é dicir, unha persoa tan só pode exercer de apoderado dun elector. "Unha persoa non pode ser apoderada de 25. Tampouco un fillo pode recibir o poder do seu pai e da súa nai", incide Isabel Louro, que destaca que se trata dunha función gratuíta para o cidadán que se presta en todos os procesos electorais, aínda que é consciente de que as circunstancias excepcionais nas que se desenvolverán estes comicios poden provocar unha "avalancha" de solicitudes para obter un poder electoral.

"Neste momento pode haber unha avalancha de solicitudes", sinala a decana, que alerta das limitadas capacidades do corpo de notarios en Galicia, onde exercen uns 170 fedatarios, no caso de producirse miles de solicitudes. "Sempre presumo de que todos os galegos temos un notario a menos de 30 quilómetros. Pero co sistema tradicional, se hai 40.000 persoas que solicitan un poder electoral, non hai posibilidades de facelo. Somos 170 notarios e damos para o que damos".

E é que a obrigatoriedade de que o acto de dación de fe se realice de forma presencial, sumada ás características de distribución poboacional de Galicia, dificulta a capacidade de atender "miles" de solicitudes, se chegan producirse ante unhas eleccións nas que garantir a saúde tanto de votantes como de implicados no proceso é o obxectivo que se marcan as administracións.

VIDEOCONFERENCIAS

No entanto, o Colexio galego de Notarios pon sobre a mesa unha posible solución a este hipotético problema: a habilitación dun sistema de videoconferencias para os actos de fe pública.

"O Consello Xeral do Notariado foi elaborando desde os primeiros días de abril unha serie de propostas que, polo momento, non foron recibidas polo Ministerio de Xustiza para facilitar a realización dunha serie de xestións que requiren a presenza física ante notario por un sistema de videoconferencia", sinala a decana.

Asegura que o sistema, similar ao que se emprega na Administración de Xustiza, xa está listo e a súa implantación "axilizaría os trámites de outorgar poderes electorais" nunha comunidade como Galicia cunhas características xeográficas e poboacionais.

Con todo, a dación de fe a distancia aínda non é posible, polo que os notarios terán que desprazarse aos domicilios para habilitar estes poderes electorais, co que, como apunta a decana, reducirase a capacidade de atender todas as peticións no caso de que se produzan "miles".

Neste sentido, o Colexio atópase a expensas das decisións que se adopten desde a administración e a Xunta Electoral ante posibles cambios no modo de proceder. "Non sei que propostas pode ter a Administración. Nós pensamos que unha posibilidade é o sistema de videoconferencia. Pero estamos suxeitos ao que marque Xustiza e o que decida a xunta electoral", engade Louro, consciente de que a "incerteza" rodea todo nestes días de saída do cofinamiento e transición cara á chamada 'nova normalidade'.

Aínda que non se detivo por ser considerado un servizo esencial, o mundo da fe pública tamén atravesa un período de transición cara a unha nova forma de actuar.

"Estamos a adaptarnos. Espero que a situación vaia suavizándose. Agora é unha incerteza total. Nestes días aprendemos a non facer afirmacións categóricas", incide a decana dos notarios galegos, que resalta a necesidade de que o proceso electoral se dea "con máximas garantías, transparencia e seguridade desde o punto de vista sanitario". "Son cousas que hai que combinar. Fácil non é".

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Urna electoral en Santiago de Compostela / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.