O BNG mantén as mesmas listas e Ana Pontón mantén a súa "ilusión de ser a primeira muller presidenta" da Xunta

A candidata do Bloque di que a súa "primeira decisión" se goberna será articular un "grande acordo de país" para a reconstrución.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/05/2020

O Consello Nacional do BNG acordou este sábado manter as listas das eleccións do 5 de abril, suspendidas pola pandemia do coronavirus, para os próximos comicios do 12 de xullo. Así, a portavoz nacional, Ana Pontón, manifestou que "non cambia as ganas e a ilusión de ser a primeira muller presidenta" da Xunta.

Seguirán á fronte das candidaturas os deputados autonómicos Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense), Luís Bará (Pontevedra) e Xosé Luís Rivas 'Mini' (como o 'dous' pola Coruña tras a propia Pontón, que será a cabeza de lista).

Deste xeito, os nacionalistas manteñen a súa confianza nos integrantes do seu grupo parlamentario durante a pasada lexislatura. Ademais destes nomes, xa figuraban nas listas do 5 de abril a deputada autonómica Montse Prado, de 'dous' por Pontevedra; e a exdeputada no Congreso por En Marea Alexandra Fernández, unha das fichaxes estrela, como 'tres' por esta mesma circunscrición.

A maiores, o BNG volverá apostar por figuras como Iago Tabarés e Rosana Pérez (ex deputados autonómico e no Congreso, respectivamente), así como o conselleiro de Medio Rural durante o bipartito, Alfredo Suárez Canal, e por incorporar á escritora Mercedes Queixas e ao dirixente de Galiza Nova Daniel Castro.

Estas listas que este sábado revalidou o Consello Nacional son, en palabras de Pontón, "unhas candidaturas de excelencia, integradas por persoas solventes, representativas da sociedade galega, con coñecemento sobre o país e con valentía".

"Con estas candidaturas e cun proxecto sólido e solvente como o que representa o BNG, afrontamos con toda a ilusión e convicción de que o próximo 12 de xullo podemos abrir unha nova etapa na Xunta", asegurou a candidata nacionalista.

"UNHA GALICIA QUE VAI A MENOS"

Paralelo a todo iso, Pontón cargou contra os 11 anos que leva o popular Alberto Núñez Feijóo á fronte da Xunta: "Unha Galicia que vai a menos, unha Galicia con menos emprego, con menos poboación, con menos igualdade, con menos industria, con menos solidariedad e con menos autogoberno".

Así mesmo, considera que Feijóo "pensa que pode esconder eses 11 anos de retrocesos detrás dunha pandemia" como a da COVID-19. "Por iso convoca eleccións no medio dunha crise sanitaria, porque así pensa que pode salvar o seu naufraxio electoral", insistiu, para tamén lamentar que utilice a Televisión de Galicia (TVG) "para facer campaña".

Mentres Feijóo "se agochou detrás do mando único" estatal durante a crise do coronavirus "para non responsabilizarse", Ana Pontón celebra que os galegos "demostraron que son moito mellores" que "o Goberno do PP".

UN ACORDO DE REACTIVACIÓN

"Ao candidato do PP queda grande Galicia. Porque neste momento que vivimos esixe xusto o contrario do que el fai", agregou. Por iso, a portavoz nacional do Bloque avanzou que a súa "primeira decisión" no caso de resultar elixida presidenta será "convocar a todos os axentes políticos, sociais e económicos" de Galicia "para construír un gran acordo de país para a reactivación económica, social e laboral".

"Porque Galicia está e ten que estar por diante de todo, dos partidos e das siglas. E este é o momento de demostralo, de ter altura de miras e de facer política con maiúsculas ao servizo do noso pobo", valorou.

Así as cousas, Pontón sae do Consello Nacional deste sábado mantendo o seu obxectivo e a súa "ilusión" de "ser a primeira muller que preside a Xunta de Galicia e demostrar que hai outra forma de facer política e outra forma de entender o país".

"O próximo 12 de xullo temos a oportunidade de apostar por algo diferente, de vacinarnos fronte ás políticas fracasadas do PP e do centralismo e pór en marcha un cambio histórico nun momento histórico, que Galicia teña unha presidenta do BNG para liderar un tempo novo", dixo.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe


Comentarios

1 comentario
1

Riolo

A primeira muller presidentea,...guau. Mais o menos o mesmo dicía a Soraya. Ela queríá ser a primeira muller presidenta do goberno. Mirade o que pasou, ainda que Soraya tiña unha profesión e Pontona non.


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o resto de candidatos no Consello Nacional do partido celebrado este sábado en Santiago onde se anunciaron as candidaturas de cara ao 5A / BNG.

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.