Feijóo quere que Galicia abandone o estado de alarma ao finalizar a fase 2

O presidente da Xunta volve expor a Sánchez que se permita a mobilidade entre as provincias galegas.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 24/05/2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou ao xefe do Executivo estatal, Pedro Sánchez, a vontade de Galicia de ser unha das comunidades que saian do estado de alarma en canto finalice a fase 2. Así o fixo este domingo, durante a undécima reunión por videoconferencia dos líderes autonómicos con Sánchez, quen lles avanzou que se a evolución da pandemia da COVID-19 é positiva e nada se torce, moitas comunidades estarán fóra do estado de alarma ao longo dos próximos días.

Tras este anuncio, fontes da Xunta confirmaron que Feijóo expuxo que Galicia sexa unha desas autonomías en canto finalice a fase 2, na que o catro provincias galegas entrarán este luns. Se a previsión é que cada etapa da desescalada dure 15 días, Galicia podería estar fóra do estado de alarma o 8 de xuño.

Ademais, o presidente galego informou a Sánchez e aos seus homólogos da situación sanitaria en Galicia, do que se serviu para insistir na petición de que se permita a mobilidade dos cidadáns entre provincias na mesma situación epidemiolóxica.

Neste sentido, sempre segundo fontes autonómicas, Feijóo lamentou que non se autoricen as visitas a familiares que se atopan noutras provincias.

"ACLARAR" AS MEDIDAS NAS PRAIAS

Sobre as praias, nas que os cidadáns xa poderán bañarse e tomar o sol a partir deste luns, o titular da Xunta pediu "aclarar" as medidas recollidas no Boletín Oficial do Estado (BOE), porque a distancia mínima de seis metros que hai que manter coa pleamar é "moi grande para unha boa parte dos areais galegos, onde as mareas presentan oscilacións moi grandes".

Feijóo tamén aproveitou a súa intervención para reclamar que se coñeza "canto antes" información sobre o ingreso mínimo vital que o Goberno de España prevé aprobar no próximo Consello de Ministros.

Precisamente, nas pasadas semanas, o mandatario galego mostrouse favorable a que esta prestación se realizase de forma coordinada coas autonomías e a que estivese ligada á inserción laboral dos beneficiarios.

Tamén en clave económica, Feijóo volveu pedir que "este mesmo mes" se coñezan os criterios do fondo de 16.000 millóns de euros non reembolsables para as comunidades, de modo que estas "poidan saber de canto diñeiro" dispoñen.

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Feijóo, na videoconferencia de presidentes autonómicos con Pedro Sánchez / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.