Galicia ten 100.000 votantes máis que superan os 80 anos que mozos de entre 18 e 24

Ourense e Lugo acusan máis o envellecemento, na Coruña descende o colectivo de 18 e 19 anos fronte ao 5A e en Pontevedra, sobe este grupo.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/05/2020

Un total de 78.503 mozos e mozas poderán votar por primeira vez nunhas eleccións galegas desde as celebradas o 25 de setembro de 2016. Son apenas 13.628 máis que na cita das xerais que tivo lugar o 10 de novembro de 2019, un dato, o da mocidade, que volve pór de relevo a situación demográfica galega.

De feito, os mozos e mozas de 18 e 19 anos chamados ás urnas son apenas 41.555, moi superados por aqueles que teñen 85 e máis anos, que suman 140.766 persoas. Pero se tomamos como referencia as dúas primeiras franxas de idade e as dúas últimas que contemplan as táboas do Instituto Nacional de Estatística (INE), os chamados a votar maiores de 80 anos son 100.779 persoas máis que mozas de entre 18 e 24 anos.

Concretamente, segundo os datos do INE, recollidos por Europa Press, hai 142.544 persoas no censo electoral de entre 18 e 24 anos (41.555 de 18 e 19 anos e 100.989 de entre 20 e 24), fronte ás 243.323 persoas de máis de 80 (102.557 de entre 80 e 84 anos e 140.766 de 85 anos ou máis).

Dos 78.503 votantes que cumprirían 18 anos cando sexan as eleccións do 12 de xullo, 32.420 correspóndense coa provincia da Coruña; 30.473, coa de Pontevedra; 8.053, con Lugo; e 7.557, coa de Ourense. Desde o 5 de abril, incorporáronse 5.539 mozos ao censo electoral da cita estival.

Para estes comicios do 12 de xullo, están chamados ás urnas 2.697.315 persoas, das cales 2.234.152 son residentes en Galicia e 463.163 no estranxeiro. Así, o censo perdeu un total de 2.190 votantes con respecto á cita do 5 de abril e 4.533 persoas, se tomamos como referencia os comicios do 2016.

Segundo os datos do INE analizados por Europa Press, o colectivo de votantes máis numeroso en Galicia é o comprendido entre os 40 e os 44 anos, con 210.705 --había 212.357 electores no caso dos comicios previstos para o 5 de abril--. Ningún tramo de idade máis nova conta con maior número de persoas chamadas ás urnas.

O CASO DE OURENSE

O caso de Ourense é significativo en canto á análise demográfica e o envellecemento poboacional. Se se analizan os datos dos electores residentes por franxas de idade, o colectivo máis numeroso de posibles votantes atopámolo na de 85 e máis anos, cun total de 22.898 persoas chamadas ás urnas --17.796 mulleres e 8.102 homes--.

Os seguintes tramos con maior número de electores son os comprendidos entre 55 e 59 anos (21.660), de 50 a 54 (21.650) e de 60 a 64 anos (21.161). Nesta circunscrición apenas hai 3.955 electores de 18 a 19 anos que residen na provincia, e con entre 20 e 24 anos, hai 10.349 persoas.

LUGO

Non tan acusado, pero que tamén ensina a foto da 'Galicia Baleira' --na autonomía hai unha plataforma que así se chama e que busca revitalizar o rural e evitar o despoboamento nas provincias non atlánticas--, é o caso de Lugo.

Nesta circunscrición o colectivo máis numeroso é o que ten entre 55 e 59 anos, con 24.565 votantes; seguido dos que contan entre 50 e 54 anos, con 24.163 electores. Pero basta con ir ao terceiro posto para ver que os maiores de 85 anos conforman o colectivo que aglutina máis electores, con 23.701, despois dos dous mencionados.

O número de mozos e mozas con 18 ou 19 anos é de apenas 4.219 anos, mentres que entre 20 e 24 anos, teñen dereito a voto 10.699 persoas. Son, de feito, os grupos de idade con menos números de votantes na provincia, dous colectivos que, fronte á cita prevista para o 5 de abril, caeron en número de persoas con dereito a voto.

Aínda que o número de maiores de 85 anos nas provincias atlánticas non é desdeñable en relación á súa poboación (54.262 na Coruña e 39.905 na de Pontevedra), en ambas se observa unha renovación xeracional maior que nas outras provincias.

NA CORUÑA, MENOS MOCIDADE

A pesar diso, só desde o censo previsto para o 5 de abril, producíronse descensos en colectivos como os comprendidos entre os 18 e 19 anos, que rexistra agora 17.244 electores, fronte aos 17.363 da ocasión anterior (119 menos).

Ademais, prodúcese un cambio do colectivo máis numeroso. Na cita do 5 de abril, o número de electores de entre 40 e 44 anos era de 90.092, pero perdeu 745 electores e sitúase agora nos 89.347.

Esta situación lévaa a ceder o primeiro posto de franxas de idade ao comprendido entre 45 e 49 anos, que rexistra 89.526 electores, pero ningún dos grupos de idade excede os 90.000, como si ocorría no censo para a cita de hai dous meses.

PONTEVEDRA, MÁIS RENOVACIÓN

En Pontevedra dáse a situación contraria respecto ao colectivo de entre 18 e 19 anos. Pasa de haber 16.088 censados para o 5 de abril a sumar 16.137, é dicir 49 máis.

O grupo de idade máis numeroso segue sendo o que se sitúa entre os 40 e os 44 anos, con 78.524, pero son 617 menos electores que os previstos para o 5 de abril, cando había contabilizados 79.141 electores residentes en Galicia nesta franxa de idade. O seguinte colectivo máis numeroso é o comprendido entre os 45 e 49 anos e suman 77.228 (485 máis que nas eleccións canceladas).

¿Gustouche esta nova?
Colabora para que sexan moitas mais enviando un SMS coa palabra GC ao 25511



Comenta

Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións). Agradecemos a túa colaboración.

¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe






¿Que caracteres alfanuméricos hai na imaxe? descarta espazos e signos

Exemplo: para C*8 Km@ introducir c8km.

captcha

¡Non entendo o texto!: cambiar imaxe



Urnas Galicia nas eleccións autonómicas do 21 de outubro de 2012.. EUROPA PRESS - Arquivo / Europa Press

Esta sección conta coa financiación da Deputación de Lugo, do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.